Greenpeace colabora coa Asociación Betula para recuperar o bosque atlántico nas Fragas do Eume
- Greenpeace recoñece o gran labor da Asociación Betula na restauración do bosque atlántico na contorna das Fragas do Eume
- Cómpre un plan de restauración das masas forestais autóctonas e a redución da superficie ocupada polo eucalipto en cumprimento do Plan Forestal Galego
- Greenpeace reclama a prolongación da actual moratoria ás novas plantacións de eucalipto a 2030, para harmonizala coa actual moratoria en Portugal
Greenpeace España comezou unha colaboración coa Asociación Betula (1) para apoiar os traballos de restauración do bosque atlántico na contorna do Parque Natural das Fragas do Eume: unha achega económica que o colectivo coruñés está a empregar para a retirada de eucaliptos en leiras obxecto de restauración e a posterior plantación –ou rexeneración natural– de especies propias do bosque atlántico. Os cartos da doazón proceden do remanente do proxecto Botando Raíces (2), iniciado pola organización ecoloxista en 1997 e que contou coas achegas económicas de 3.000 persoas exclusivamente para este fin.
“O labor de Betula parécenos admirábel e estamos encantados de poder colaborar con eles”, declarou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia: “Con esta iniciativa, Greenpeace quere reclamar un maior esforzo das Administracións públicas para a recuperación das masas forestais de frondosas en Galicia e, de xeito especial, unha maior protección do Parque Natural das Fragas do Eume e dos espazos protexidos fronte á expansión do eucalipto”.
Segundo unha investigación recente publicada na Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) (3), nun período de 25 anos constatouse a perda dun 17,6% de bosque autóctono no interior do Parque Natural das Fragas do Eume, así como un aumento das plantacións de eucalipto. Concretamente, a presenza do eucalipto incrementouse un 48,2% entre os anos 1997 –ano en que foi declarado parque natural– e 2022, demostrando o fracaso da xestión forestal da Xunta de Galicia.
Neste sentido, Greenpeace demanda a prolongación até 2030 da actual moratoria a novas plantacións de eucalipto e denuncia o incumprimento por parte da Xunta de Galicia dunha das directrices marcadas no Plan Forestal de Galicia en vigor: reducir nun 5% a superficie de eucalipto para 2040. Segundo os datos preliminares do Inventario Forestal Continuo de Galicia correspondentes ao ano 2023, en Galicia existen 419.051 hectáreas de eucaliptais (masas dominadas por esta especie), un 1,4% máis que en 2022, debido a que comeza a aflorar o boom de plantacións realizadas xusto antes de que entrase en vigor a moratoria, en xullo de 2021, e os non poucos casos de incumprimento da mesma que se denunciaron desde entón (4).
“A moratoria temporal para as novas plantacións de eucalipto remata en decembro de 2025. Pero as causas que deron lugar a aquela decisión seguen a estar vixentes. Non só porque se incumpriu o Plan Forestal de Galicia ou porque a especie seguiuse plantando dentro de espazos naturais protexidos e de forma ilegal, senón porque o fin da moratoria suporía un duro golpe ao sector forestal do aserrío, continuando a onda de substitución de masas de coníferas por eucaliptais”, continúa Santos.
Neste senso, o pasado mes de setembro Greenpeace propuxo á Deputación de Bizkaia a prolongación até o ano 2030 da actual moratoria para novas plantacións de eucalipto neste territorio do País Vasco. Esta proposta foi formulada durante un relatorio nas Xuntas Xerais de Bizkaia co gallo do debate sobre a modificación da Norma Foral 3/94 de Montes. Da mesma forma que en Galicia, a actual moratoria, que expira en decembro de 2025, convive cos problemas estruturais que poñen en risco a subministración de madeira de conífera para a industria do País Vasco.
Greenpeace tamén chama a atención sobre o perigo que supón o proxecto de fábrica de celulosa de Altri na Ulloa, que podería significar un novo ciclo de expansión das plantacións de eucalipto en Galicia, e solicita á Xunta de Galicia que o descarte. Aínda que todo o eucalipto que se corta en Galicia ten mercado, a empresa presentou un proxecto que implica, segundo os seus propios datos, un consumo de 1,2 millóns de m3 na súa primeira fase e probabelmente case o dobre cando estea a pleno rendemento. Para a organización, a presión da industria papeleira sobre o territorio é insoportábel e pon en perigo tanto a súa integridade ecolóxica, xa de seu deteriorada, como a sustentabilidade socioeconómica.
“As consecuencias do cambio climático, incluída a persistencia de varias pragas que afectan ás coníferas en zonas do Norte e Noroeste da península (a banda marrón e o chancro resinoso do piñeiro, entre outras) ou a repetición de novos brotes do nematodo do piñeiro nalgunhas localidades de Galicia, xera incerteza nos propietarios forestais, o que os podería levar á substitución masiva de plantacións de coníferas por eucalipto, situación que está na orixe precisamente do establecemento da moratoria actual en Galicia e Bizkaia”, afirma Santos. “Levando ambas as dúas moratorias até o 2030, como no caso de Portugal, permitirase evitar decisións precipitadas e cortopracistas, e perigosos procesos de eucaliptización do territorio, con consecuencias indesexábeis dende o punto de vista socioeconómico e ambiental”, conclúe o coordinador de Greenpeace en Galicia.
Notas
|
|
|