Greenpeace denuncia as prácticas abusivas do Grupo Coren na bisbarra da Limia

18-11-2020

O Grupo Coren esixe un millón de euros ao labrego ecolóxico por denunciar a contaminación

  • O Grupo Coren esixe un millón de euros ao labrego ecolóxico e activista ambiental Manuel García por denunciar a contaminación xerada pola sobreexplotación gandeira
  • A comarca da Limia é un dos puntos de Galicia máis contaminados por mor da inxente cantidade de residuos xerados pola gandería industrial
  • A evidencia científica demostra que a contaminación da auga por nitratos na bisbarra da Limia é de orixe gandeira
  • Nos últimos vinte anos a carga gandeira da comarca da Limia creceu un 114%, mentres que a poboación diminuíu un 19%

No eido da súa campaña #falaRural, Greenpeace lanzou hoxe o informe Coren contra Manuel. Un caso de  SLAPP no agro galego no que denuncia as prácticas ás que o xigante cárnico recorre para silenciar ás persoas críticas co seu modelo de negocio e coa gandería industrial, principal causante da grave e histórica contaminación que sofren os acuíferos da comarca da Limia, en Ourense. 

O caso máis visíbel é o da denuncia por danos e prexuízos que o propio Grupo Coren interpuxo en febreiro deste ano contra o activista ambiental Manuel García, pola que lle esixen un millón de euros por unhas declaracións nas que o agricultor denunciaba a contaminación do encoro das Conchas e sinalaba a Coren entre os responsábeis. 

Este tipo de demandas millonarias (SLAPP, polas súas siglas en inglés) son unha forma de intimidación legal e acoso xudicial cada vez máis habitual en todo o mundo, a través das cales as grandes corporacións tratan de silenciar a xornalistas ou activistas, especialmente en asuntos relacionados coa corrupción e malas prácticas empresariais, como a contaminación ambiental. Greenpeace traballa para regular o uso deste tipo de demandas na UE, pola ameaza que supoñen para o labor das organizacións e activistas ecoloxistas.

Estamos diante dunhas empresas todopoderosas, que manexan moitos cartos e implican a moitas familias e resulta difícil denunciar as súas malas prácticas”, declarou Manuel García, agricultor ecolóxico e membro do Movemento Ecoloxista da Limia. “Mais era necesario, porque estabamos a chegar a un punto de colapso total dos recursos hídricos da Limia”.

O Grupo Coren, dedicado máis ca nada á produción en avicultura de carne e posta, porcino e vacún, é a primeira sociedade cooperativa española e a décima no sector das carnes no conxunto da Unión Europea. Está entre as 35 empresas produtoras de carne e lácteos máis grandes do mundo por volume de produción. O grupo ourensán pechou 2019 cun beneficio de 4,4 millóns de euros tras disparar as súas vendas no exterior e agora pon o foco en China para seguir a medrar.

O crecemento exponencial da conta de resultados do Grupo Coren está asociado á súa aposta pola gandería industrial e é parello coa degradación ambiental que padece a comarca da Limia onde, principalmente, desenvolve a súa actividade. Varios estudos científicos e os resultados oficiais do seguimento da calidade das augas na zona amosan que a contaminación das augas por nitratos, fósforo e outros compostos débese principalmente á inxente cantidade de residuos que orixina a gandería industrial e a absoluta falta de control da súa vertedura nos campos galegos. 

Galicia é a única comunidade autónoma que até a data non designou ningunha Zona Vulnerábel aos Nitratos, tal como esixe a Directiva de Nitratos. O incumprimento reiterado desta directiva por parte de España fixo que a Comisión Europea enviase un ditame motivado o pasado 2 de xullo. A contaminación histórica da auga, o incumprimento de varias normativas, o modelo agroindustrial imperante na Limia e a mala xestión dos refugallos gandeiros é algo que vén sendo denunciado desde hai anos por colectivos como a Sociedade Galega de Historia Natural, o Movemento Ecoloxista dá Limia (MEL), ao que pertence Manuel García, e a plataforma veciñal Auga Limpa Xa!

“O crecemento desorbitado da gandería industrial na Limia está a provocar un aumento continuo das concentracións de nitratos nas augas superficiais e subterráneas, deixando mesmo a poboacións sen auga potábel”, afirmou Serafín González, doutor en bioloxía, investigador científico do CSIC, experto en nitratos e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e gran coñecedor dos problemas ambientais da comarca.

A situación na comarca da Limia é xa insostíbel e esixe actuacións inmediatas por parte das autoridades competentes e unha transformación do modelo de produción do Grupo Coren. Doutra banda, é o claro exemplo do falso mito, defendido pola industria cárnica, de que a gandería industrial é unha solución ao despoboamento rural. Entre 1999 e 2019, segundo datos do Instituto Galego de Estatística e estimacións de Greenpeace, a carga gandeira da comarca da Limia incrementouse un 114% mentres que a poboación diminuíu un 19%.

O modelo de concentración do Grupo Coren xera numerosos riscos para o medio ambiente e as persoas que defenden os valores ambientais da bisbarra da Limia, e resultou ser o paradigma dun desenvolvemento rural cun impacto prexudicial para as persoas e o planeta”, declarou o experto en dereitos humanos de Greenpeace, Javier Raboso. “Coren compórtase como unha empresa con moito poder e poucos escrúpulos, disposta a silenciar a quen se cruza no seu camiño. Como fan as mellores empresas agroalimentarias, Coren debería apostar por se responsabilizar dos impactos que ten a súa actividade, amais de asumir as críticas coma unha oportunidade de mellorar o seu facer na contorna social e ambiental no que o desenvolve”, concluíu Raboso.

A campaña #falaRural de Greenpeace lanzada este luns quere dar voz ás persoas que traballan por un mundo rural vivo así como garantir un fortalecemento da España rural “abandonada”, clave para mitigar a emerxencia climática e a crise de biodiversidade.

Ligazón ao informe Coren contra Manuel


Comparte!