Reactivo perante a denegación da conexión eléctrica a Altri

Greenpeace pide á Xunta que non autorice o proxecto de Altri ao quedar sen conexión eléctrica

23-09-2025

EN CASTELLANO AQUÍ

Diante do anuncio, adiantado onte polo secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e á espera de confirmación oficial de que a planta de celulosa de Altri/Greenfiber quedará excluída da planificación eléctrica 2025-30 por parte do Goberno central, Greenpeace pide á Xunta que non autorice o proxecto ao carecer do necesario reforzo eléctrico. Aínda que a empresa poderá presentar alegacións, Greenpeace agarda que o Goberno ratifique a súa decisión ao ser un proxecto altamente lesivo desde o punto de vista ambiental e contrario á transición ecolóxica.

O proxecto de Altri, tal e como se informa na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) publicada o pasado 14 de marzo, ten unha demanda eléctrica estimada 5 MW durante a fase de obras, mais necesita de 110 MW durante a fase de explotación, polo que require unha subestación eléctrica e un permiso de conexión para unha futura liña de alta tensión de 220 kW que nin sequera foi obxecto da DIA. Esta conexión non entra nos plans do Goberno do Estado ao parecer por non cumprir os requisitos técnicos e ambientais. 

Esta exclusión da planificación eléctrica súmase á denegación de fondos PERTE de descarbonización, en cuxa convocatoria o proxecto de macrocelulosa de Altri obtivo a segunda peor puntuación ao non garantir unha redución de emisións suficiente e usar demasiados combustíbeis fósiles, entre outros aspectos. Tampouco parece que a “esixencia” por parte da empresa e a propia Xunta de Galicia de até 250 millóns de euros de fondos públicos para o proxecto vaia ter o visto bo do Goberno central, tal e como afirmou a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e vicepresidenta terceira, Sara Aagesen, en Vigo o pasado xuño. De igual maneira, a vía do Banco Europeo de Investimentos (BEI) tampouco parece unha posibilidade para que Altri consiga diñeiro público segundo declaracións da súa presidenta, Nadia Calviño, o pasado agosto.

A macrocelulosa de Altri xa debería ser rexeitada hai tempo polas súas graves afectacións ambientais e polo enorme rexeitamento social xerado. Insistiuse en impulsar un proxecto que non vén sumar nada á sustentabilidade futura da industria galega e que xerou un conflito social de gran calado que Galicia non se merece. Os indicios da súa inviabilidade desde todos os puntos de vista son cada día máis palpábeis. Non vai ter suficiente materia prima se non se abre un novo ciclo de plantación de eucalipto; non vai ter electricidade dabondo sen conexión eléctrica; non vai ter auga porque non se poden obviar os futuros impactos do cambio climático e existen mesmo serias dúbidas de que vaia ter mercado para tal cantidade de produto final. É unha burbulla e, como tal, mellor que estoupe antes de que os pasivos sociais, ambientais e económicos os teña que asumir, coma sempre, a cidadanía”, afirmou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.


Comparte!