Co gallo do Día Mundial da Protección da Natureza, este 18 de outubro
Greenpeace publica o informe ‘Os outros Altri’ para denunciar como as corporacións ameazan espazos naturais de alto valor coa complicidade das administracións
- Con este informe, a organización quere chamar a atención sobre como proxectos impulsados por empresas, en moitas ocasións coa conivencia das institucións, ameazan espazos naturais protexidos, esenciais para a sustentabilidade da vida e as xeracións futuras
- España alberga unha gran riqueza biolóxica, pero só o 9 % do territorio ten un estado de conservación favorábel, por mor da súa degradación polos cambios de usos do chan e a fragmentación de hábitats
- O informe, que expón numerosos exemplos de proxectos incompatíbeis coa sustentabilidade en distintas zonas e sectores económicos, emprega como fío condutor a masiva e xa simbólica resposta cidadá ao proxecto de macrocelulosa de Altri, na comarca galega da Ulloa
- A ONG chama á mobilización social para frear estes atentados ambientais e reclama a administracións e empresas o cumprimento da normativa de protección da biodiversidade, transparencia na xestión e a información e a participación vinculante da cidadanía
Hoxe, véspera do Día Mundial da Protección da Natureza, Greenpeace publica un novo informe co título Os outros Altri, ou como as corporacións ameazan a biodiversidade e as administracións permíteno. As análises científicas confirman que a nivel global o ritmo de perda de especies e a deterioración de hábitats e ecosistemas, principalmente provocado pola acción humana, non teñen precedentes na historia da humanidade. Neste dramático contexto, o informe de Greenpeace pretende servir para visibilizar e denunciar como moitos proxectos de corporacións dos máis diversos sectores económicos, en ocasións coa conivencia das administracións, poñen en perigo espazos naturais que son vitais para conservar a biodiversidade. Moitos destes arrepiantes proxectos planéanse, ademais, en espazos que contan con figuras de protección da natureza. O texto tamén quere servir como unha chamada á acción para paralizar proxectos destrutivos concretos ao longo de todo o territorio.
Aínda que España lidera a superficie protexida a nivel europeo, só o 8,9 % dos hábitats de interese comunitario presentan un estado de conservación favorábel e é o país europeo con máis especies ameazadas: entre un 12 % e un 14 % están en perigo de extinción. Para Greenpeace, os espazos naturais protexidos, así como outras contornas que polas súas características ecolóxicas tamén deberían estar legalmente preservados, constitúen os piares da urxente conservación e reconstrución da biodiversidade a nivel estatal e mundial. Con todo, até a custodia efectiva destes lugares está a miúdo en cuestión, especialmente polo desenvolvemento de proxectos impulsados por corporacións de todos os sectores, dende mineiras a enerxéticas, papeleiras, turísticas e mesmo culturais.
“Moitas corporacións, empresas e mesmo administracións públicas entenden o territorio como un simple lugar onde realizar actividades económicas, non sempre compatíbeis coa sustentabilidade da vida. Utilizando tácticas como o greenwashing, a fragmentación de proxectos ou os estudos de impacto ambiental pouco rigorosos, están a impulsar proxectos destrutivos en espazos naturais de alto valor ecolóxico, moitos deles legalmente protexidos. Sitúan o beneficio empresarial por riba da natureza, desprezando os servizos ecosistémicos que esta nos proporciona e poñendo en risco o futuro das vindeiras xeracións. Necesitamos parar este tipo de proxectos”, declarou Lorea Flores, portavoz de Greenpeace e coordinadora do informe.
O informe identifica unha serie de tácticas empregadas polas corporacións ou empresas para que os seus proxectos poidan seguir adiante. Estas tácticas baséanse na difusión de información enganosa (greenwashing, promesas de emprego), compra de vontades (lobby político, contidos patrocinados, plans sociais, portas xiratorias) e, a miúdo, a utilización de estrataxemas para poder burlar a lei, como a fragmentación de proxectos en varios ou expolos no mesmo bordo de espazos naturais protexidos. Asemade, para a organización ecoloxista é inaceptábel que moitos destes proxectos daniños rematen capturando fondos públicos, como os deseñados para a transición ecolóxica.
Greenpeace tamén pon o ollo sobre a permisividade, neglixencia e moitas veces a complicidade das administracións públicas para facilitar a implementación destes proxectos. Non en balde, España lidera o triste ranking de países con máis procedementos de infracción abertos por motivos ambientais por parte da Comisión Europea. En especial, a organización ecoloxista denuncia a crecente creación de normas desreguladoras de todo tipo; o uso fraudulento de figuras como as de “interese xeral”, “utilidade pública” ou “proxecto estratéxico”, que deberían ser excepcionais pero a miúdo convértense na norma para facilitar proxectos, e a existencia de moitos “parques de papel”: espazos aparentemente protexidos pero que carecen de plans de xestión efectivos, seguimento ecolóxico e recursos para a súa conservación efectiva.
“Galicia non constitúe unha excepción e, do mesmo xeito que en moitos outros territorios, planéanse proxectos incompatíbeis coa conservación da natureza e coa loita global contra a perda de biodiversidade. E sen biodiversidade non temos futuro. Non ten ningún sentido que as administracións –e mesmo moitas empresas– nos falen do preocupadas que están co cambio climático ou a perda de biodiversidade e despois poñan sobre a mesa proxectos como a macrocelulosa de Altri na Ulloa ou a mina de Touro-O Pino, que suporían dar moitos pasos atrás nunha loita na que nos xogamos a sustentabilidade da vida. Son proxectos ruinosos e claramente nefastos para o ben común. Temos que parar esta tolemia destrutiva”, apuntou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia e coordinador do informe.
Doce exemplos, entre decenas de proxectos destrutivos
A masiva mobilización da sociedade civil contra o proxecto de macrocelulosa de Altri en Galicia converteuse nun símbolo das loitas pola defensa do territorio. Ao falar de ‘os outros Altri’, Greenpeace quere sinalar que existen moitos máis proxectos que ameazan espazos de alto valor ecolóxico. De entre todos eles, a organización seleccionou 12 que se expoñen con máis detalle en fichas, co obxectivo de facer visíbeis de forma máis nidia as tácticas nocivas das empresas e o deixamento das administracións. Estes exemplos mostran que as agresións afectan a todo o territorio e chegan dende os máis variados sectores económicos, desde o forestal-papeleiro e gandeiro até o mineiro, enerxético, turístico, das comunicacións e mesmo o cultural.
Os exemplos detallados no informe son: o proxecto de reapertura da mina Los Frailes en Aznalcóllar, o restaurante e glamping na praia de Bolonia, o proxecto de almacenamento de gas na contorna do Parque Nacional de Doñana e o hotel proxectado na praia de Los Genoveses, en Andalucía; o Clúster de renovábeis no Maestrazgo e o proxecto de unión de estacións de esquí en Canal Roya, en Aragón; o proxecto turístico Cuna del Alma en Adeje, en Canarias; a ampliación do aeroporto de Barcelona-El Prat, en Catalunya; a expansión do Museo Guggenheim na Reserva da Biosfera de Urdaibai, en Euskadi; o proxecto de macrofábrica de celulosa de Altri na Ulloa, en Galicia, e a ampliación da macrogranxa de Valle de Odieta en Caparroso e o proxecto de mina no pasteiro de Erdiz, en Navarra.
O caso Altri, un símbolo nas loitas pola defensa do territorio
O proxecto de construción e posta en marcha dunha fábrica de celulosa no municipio de Palas de Rei (Lugo, Galicia) xerou unha contestación social insólita en Galicia e recibiu a solidariedade de moitos outros lugares, converténdose en todo un símbolo das loitas pola defensa do territorio. É un exemplo claro de que tratar de intervir no territorio con proxectos tan agresivos, pouco solventes e carentes de apoio social, non é un bo negocio. E aínda así, as empresas e as administracións impúlsanos.
O proxecto cambiaría radicalmente unha zona eminentemente rural nun enorme complexo industrial e suporía graves impactos ambientais e sociais. A planta está deseñada para producir anualmente até 400.000 toneladas de celulosa solúbel e 200.000 toneladas de lyocell, unha fibra téxtil derivada da celulosa, utilizando como materia prima a madeira de eucalipto. Consumiría até 46 millóns de litros de auga acotío e vertería até 30 millóns de litros ao día de auga contaminada, afectando á calidade da auga do río Ulla e á ría de Arousa augas abaixo. Tamén se prevén elevadas emisións á atmosfera de xofre, óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono e material particulado, entre outras. Ademais, o emprazamento físico da factoría ocuparía unha zona cunhas características edafoecolóxicas únicas na Península, que foi proposta até dúas veces pola propia Xunta de Galicia para engrosar a escasa superficie protexida do país, que é a menor do Estado.
Demandas de Greenpeace:
- Eliminación de subvencións prexudiciais para o medio ambiente.
- Reforma da Lei de Información Non Financeira, para garantir que as grandes empresas informen acaidamente sobre o seu impacto ambiental.
- Protección efectiva de áreas protexidas, con plans de xestión acaídos, seguimento ecolóxico e recursos adecuados para a súa conservación efectiva.
- Revisión, creación e/o ampliación das orlas de protección dos espazos protexidos.
- Equilibrio territorial nas áreas protexidas, tanto en porcentaxe de superficie protexida como en representatividade de hábitats e eficacia dos plans de xestión.
- Cumprimento da normativa de especies ameazadas no relativo aos esixíbeis plans de conservación e restauración de especies.
- Revisión dos abusos nas avaliacións de impacto ambiental.
- Maior control sobre os lobbies, portas xiratorias e conflitos de intereses.
- Lexislación contra o greenwashing e outras malas prácticas empresariais.
- Resolución dos procedementos de infracción en materia de medio ambiente da Unión Europea (UE) cara ao Estado español.
- Apoio ao Regulamento de Restauración da Natureza da UE (2024), que obriga aos Estados membros a restaurar o 20 % dos seus territorios terrestres e mariños para 2030 e todos os ecosistemas que o necesiten para 2050.
- Fomento da participación pública vinculante.
- Transparencia normativa e regulación efectiva con participación cidadá das figuras de utilidade pública, interese xeral, proxecto estratéxico etc., evitando a súa utilización de forma abusiva.
- Transparencia e rendición de contas das corporacións.
- Apoio ao mundo rural e a prácticas agroecolóxicas.
- Integración de políticas climáticas e de biodiversidade.
- Ratificación e cumprimento de acordos internacionais, como o Marco Mundial de Biodiversidade de Kunming-Montreal.
- Derrogación da Lei Mordaza, que serviu para criminalizar e reprimir as protestas ambientais e sociais.
Máis información:
- Informe completo Os outros Altri, ou como as corporacións ameazan a biodiversidade e as administracións o permiten.
- Resumen executivo para medios.
- Fichas dos 12 casos en pdf.
- Ficha caso fábrica de celulosa Altri.
- En profundidade: Os outros Altri.
- Fotografías e vídeos dos 12 casos para descargar, aquí.