Greenpeace sinala a Coren como exemplo das empresas que fan “trampas ao clima”
- O Grupo Coren foi sinalado pola ONG como un dos “trampulleiros do clima”, xunto a BBVA, Campofrío, Ecoembes, Endesa, Iberia, Naturgy, Real Madrid C. F., Repsol e Santander
- Greenpeace denunciou que Coren non elabora ningunha memoria de sustentabilidade, nin realiza o cálculo da súa pegada de carbono
- A organización identificou sete estratexias empresariais que son un atranco para a redución de emisións de CO2
02 de decembro de 2020.- O Grupo Coren resístese a reducir as súas emisións de CO2. Ademais, non rende contas sobre o impacto ambiental da súa actividade, non elabora ningunha memoria de sustentabilidade, nin realiza o cálculo da súa pegada de carbono. Así o asegurou hoxe a organización ambiental Greenpeace, que publicou o informe “Facendo Trampas ao Clima. Resistencias e malas prácticas do sector empresarial perante o reto da descarbonización”, no que analiza as diferentes estratexias de loita contra o cambio climático e o aliñamento cos compromisos do Acordo de París por parte dun grupo de dez empresas “marca españa” pertencentes a moi diferentes sectores económicos: financeiro, aviación, enerxía e electricidade, agroalimentario, xestión de residuos e deportes. Acompañando ao informe, Greenpeace lanzou un vídeo e unha colección de memes que amosan aos CEO de distintas empresas xogando unha partida de mus “polo clima” con cartas marcadas.
A principal conclusión do informe é que estas empresas, que representan aos seus respectivos sectores económicos, están a eludir os cambios sistémicos necesarios para reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) no horizonte de 2050, como recomenda a comunidade científica que asesora a Nacións Unidas. Así, o mundo empresarial optou por elaborar unha narrativa que, baixo o slogan de “cero emisións netas en 2050”, ten como obxectivo manter o actual modelo económico e que nos afasta do obxectivo de evitar a agudización da actual crise climática.
O comportamento empresarial do Grupo Coren, a maior cooperativa agroalimentaria de España e unha das 30 maiores empresas do mundo no sector de carne e lácteos, foi incluída na análise por mor do sofisticado do modelo empresarial, que aparenta ser líder dentro da chamada economía social mentres realiza prácticas nocivas para o medio ambiente en comarcas como A Limia (Ourense) ou tentou amedrentar a aqueles que denuncian as súas malas prácticas, como denunciaba recentemente Greenpeace España no informe Coren contra Manuel. Un caso de SLAPP no agro galego. A pesar das dimensións do grupo, a súa implantación territorial en Galicia e a súa expansión internacional (Brasil, UK, Xapón, Corea, Angola, Arxentina, Portugal, etc.), esta empresa non rende contas sobre o impacto ambiental da súa actividade. Non elabora ningunha memoria de sustentabilidade, nin realiza o cálculo da súa pegada de carbono. Elude render contas á sociedade pero é asinante dun acordo voluntario sobre bo comportamento empresarial, o Pacto Mundial, mais os seus informes de progreso respecto aos obxectivos deste pacto carecen de información algunha que permita avaliar o seu avance nos principios que asumiu como propios en 2016.
“Son uns trampulleiros. Están a facer trampas co Acordo de París, xogando coa linguaxe e a comunicación mentres seguen sen asumir que a transición ecolóxica implica mudanzas nos modelos de negocio, nas cadeas de valor, nas pautas de consumo ou no comportamento empresarial” sinalou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.
A través dunha análise pormenorizada dos discursos, as memorias de sustentabilidade e os compromisos de redución de emisións destas dez grandes empresas, Greenpeace detectou sete trampas e falsas solucións sen base científica a través das cales as empresas queren mimetizarse co mainstream da transición ecolóxica e o compromiso co Acordo de París ou os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel:
- Parecer. O “boísmo” corporativo é a práctica de asinar, subscribir e adherirse a pactos, principios e estándares voluntarios (1) sen medir os progresos nin mudar as prácticas empresariais.
- Apelar á neutralidade tecnolóxica, teoría segundo a cal todas as tecnoloxías serven para loitar contra o cambio climático e todas teñen que ser tratadas en igualdade de condicións na regulación e na repartición de fondos económicos, sen criterios discriminatorios, mesmo aquelas que son importantes fontes de gases de efecto invernadoiro ou sexan perigosas.
- Uso e abuso dos prefixos eco, bio e verde en produtos e servizos, con obxecto de confundir ao consumidor. Esta publicidade enganosa en materia de emisións ou de cambio climático supón o incumprimento das normas de Autocontrol no referente á publicidade e engano continuado á sociedade.
- Trucar a contabilidade de emisións de CO2 ou falsear a pegada de carbono, eludindo contabilizar as emisións procedentes de toda a cadea de valor ou da carteira de investimentos e préstamos no caso das entidades financeiras.
- Mercar enerxía con certificado verde como xeito de compensar as emisións e evitar melloras e reducións noutros. Dada a regulación actual, a enerxía verde é un concepto confuso sen avances na produción de enerxías renovábeis.
- Plantar árbores coa ilusoria idea de “compensar” as emisións, malia a da controversia científica sobre a capacidade de moitas rexións de albergar máis árbores ou os cambios que se están a producir nos bosques como efecto do cambio climático, o que está a minguar a súa capacidade de influír positivamente sobre o ciclo do carbono.
- Adiar a descarbonización á espera do desenvolvemento da captura e almacenamento de carbono, unha tecnoloxía que non estará dispoñíbel de xeito comercial antes de 2040 e forma parte do paquete de expectativas das empresas enerxéticas do gas e o petróleo que perseguen o “balance cero neto” (non as reducións brutas) a través de tecnoloxías cuxo desenvolvemento e viabilidade económica están aínda por demostrar.
“Greenpeace demanda ao Grupo Coren cambios na súa cadea de valor e no seu modelo produtivo. Agardamos moito máis de Coren. Ten que apostar pola produción ecolóxica e o respecto aos recursos naturais de Galicia. Unha produción de calidade que asuma a pegada de carbono da súa actividade. Non podemos aceptar o discurso empresarial que busca manter o actual status quo para non abordar os profundos cambios que demanda a comunidade científica”, lembrou Santos.
O informe pide ao Goberno e a UE condicionar as axudas, a repartición de fondos e os rescates ao cumprimento da folla de ruta para a descarbonización da economía; un órgano de control e regulamentación independente en materia de política enerxética; a obrigatoriedade no reporte da pegada de carbono e indicadores de redución das mesmas; unha lei de Debida Dilixencia sobre medio ambiente e dereitos humanos; o desenvolvemento regulamentario da Lei de Información Non Financeira e Diversidade; un Tratado vinculante sobre empresas e dereitos humanos no marco de Nacións Unidas e, finalmente, a prohibición da publicidade e o patrocinio por parte da industria dos combustíbeis fósiles.
(1) A investigación detectou que acordos voluntarios como os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel, o Pacto Mundial (UN Global Compact), os Principios de Investimento Responsábel ou o Pacto pola Economía Circular están cheos de empresas asinantes que non están suxeitas a ningún proceso de verificación de avances, nin existen informes públicos de progreso con indicadores estandarizados que permitan coñecer o impacto real destes acordos voluntarios e da contribución destas empresas ao cambio de modelo.
Resume executivo AQUÍ
Informe completo AQUÍ