Se se pode ampliar unha central, enténdese que é segura?


Non, a enerxía nuclear é intrinsecamente insegura, tal e como amosa, entre outras cosas, a existencia de organismos que vixían a súa seguridade (reguladores nucleares) e que nunca puideron, nin poderán, establecer un nivel de risco cero malia o aumento do coñecemento. Este aumento do coñecemento sobre a seguridade ocasiona un aumento do custo da enerxía nuclear.

A decisión de ampliar a vida útil dos vellos reactores depende de razóns de carácter económico e político, xa que os antigos reactores xa amortizaron os seus custos de capital, o que lles permite funcionaren de maneira relativamente barata. Porén, as melloras necesarias para acadar unha actualización do seu nivel de seguridade homólogo ao dos novos reactores (mellor tecnoloxía dispoñíbel) farían que non fosen competitivos no mercado eléctrico.

Cando se amplía a vida dunha nuclear é porque é rendíbel e, ademais, cumpre co regulador, pero, como diciamos, isto non é sinónimo de seguridade. Ámbolos dous conceptos son dependentes: a meirandes requisitos de seguridade, menor rendibilidade. Existen moitos exemplos, como o caso de Oyster Creek, en EE.UU., que anunciou o peche anticipado, ou o caso de Garoña, que pechou motivada por razóns económicas.