Se houber un accidente, como se cobren as responsabilidades?


Segundo os principios sobre a responsabilidade nuclear, determinados nos Convenios de París e de Viena, e por exemplo no caso da central nuclear de Cofrentes, o único responsábel sería Iberdrola, que é o operador. Os provedores nucleares, que se beneficiaron da construción e o mantemento da planta, non teñen que pagar nada. É obrigatorio que haxa un seguro; porén, a cobertura de responsabilidade civil por accidente nuclear grave é moi baixa. A cobertura depende de cada país e supón entre unha centésima e unha milésima dos custos probábeis do accidente. A cantidade máxima en España é de 1.200 millóns de euros, pero estes custos non reflicten o verdadeiro custo dun accidente nuclear. Segundo a Comisión Europea, estimáronse ata 187.000 millóns de euros para o accidente de Fukushima. As definicións dos danos nucleares non cobren todos os danos causados por un desastre nuclear. As vítimas potenciais doutros países só poden demandar por indemnización no país onde ocorreu o accidente nuclear, non nos seus propios tribunais.

En Xapón, os contribuíntes, incluíndo aos evacuados, pagarán a meirande parte dos custos da catástrofe. Centos de milleiros de vítimas ás que o sistema de regulación aínda lles nega a compensación están a pagar cos seus impostos a creba da compañía eléctrica. Os convenios e regulamentacións protexen a industria do pago dos custos fronte ás catástrofes nucleares, e non é xusto que a industria nuclear obteña beneficios en tanto que as persoas pagan un alto prezo polos seus fracasos.

Greenpeace pide aos gobernos que reformen o sistema de responsabilidade civil para que os operadores, os fabricantes e os provedores da industria nuclear sexan plenamente responsábeis de todas as consecuencias que xera a súa actividade.