14-01-2021

Un caso de SLAPP no agro galego

Manuel viuse atrapado no que se coñece como unha Demanda Estratéxica contra a Participación Pública (SLAPP, polas súas siglas en inglés). Trátase de demandas presentadas por actores poderosos, xeralmente grandes empresas ou despachos, para acosar e silenciar a quen denuncia algunha irregularidade en favor do interese público. As vítimas máis habituais destas demandas son activistas, xornalistas independentes ou investigadores, que desempeñan unha función de vixilancia imprescindíbel nos sistemas democráticos.

Anti SLAPP. Ilustración de Electronic Frontier Foundation

Estas “demandas mordaza” son unha forma de intimidación legal e acoso xudicial, xa que utilizan os seus poderosos medios para asfixiar a estas persoas ou ás súas organizacións a través complexos e custosos procesos xudiciais, de tal xeito que en ocasións vense na obriga de abandonar o seu labor para centrarse durante anos na defensa dun proceso que lles podería arruinar. O resultado final é o menos importante para estes demandantes, porque o seu principal obxectivo é a ameaza e a anulación da capacidade de reacción de quen expón as súas críticas. En definitiva, é unha forma privada de limitar a liberdade de expresión.

As SLAPP, cada vez máis frecuentes en Europa

O termo SLAPP ten as súas raíces en Estados Unidos, onde nas últimas décadas resultou ser un fenómeno realmente preocupante para a liberdade de expresión, tanto que hogano algúns estados implementaron lexislación para evitar este tipo de demandas. Así aconteceu tamén en Canadá e en Australia. Pero o certo é que esta práctica de acoso xudicial está cada vez máis estendida en Europa, onde non existe ningunha lexislación a día de hoxe que as regule.


Algúns dos casos con máis sona en Europa
PORTUGAL. Celtejo, unha empresa explotadora de eucalipto, demanda ao activista ambiental Arlindo Marquês por publicar vídeos nas redes sociais evidenciando a súa relación coa contaminación do río Texo.
FRANCIA. As compañías de aceite de palma asociadas ao Grupo Bolloré presentaron máis de 20 demandas contra xornalistas e varias ONG en resposta aos artigos, informes ou programas que denunciaron a vulneración de DDHH relacionadas coas súas actividades no continente africano.
ALEMAÑA./strong> O xigante do carbón RWE demandou a un activista climático de 24 anos que chamara á desobediencia civil contra a crise climática.
POLONIA. O profesor de dereito, Wojciech Sadurski, enfróntase a tres demandas civís e penais por difamación, por mor das súas críticas en Twitter ao partido no Goberno, PiS, e a televisión nacional.
MALTA. A xornalista Daphne Caruana Galizia tiña máis de 47 SLAPP abertas contra ela no momento do seu asasinato.
REINO UNIDO. O empresario pro-Brexit Arron Banks demadou a Carole Cadwalladr, unha premiada xornalista de investigación, por dúas charlas e dous chíos sobre os “Papeis do Paraíso”. Esíxelle 1 millón de libras.
ITALIA. Só en 2017 presentáronse máis de 9.000 demandas penais contra xornalistas, moitos dos cales viven baixo protección policial.