É negativa a corta de árbores?
Greenpeace apoia unha correcta xestión sostíbel dos recursos forestais, polo que non condenamos a explotación forestal nin a corta de árbores, do mesmo xeito que non censuramos de maneira xenérica a pesca ou a explotación dos recursos minerais. Todo depende de como se faga, do estado do recurso, do impacto ambiental que teña a actividade sobre a especie ou sobre o funcionamento do ecosistema, etc.
A silvicultura é a ciencia que estuda o tratamento do monte. En función das características do mesmo, será máis aconsellábel un tratamento ou outro. Os tratamentos identifícanse pola maneira de proceder na corta que dá lugar á rexeneración, polo que tamén se chaman tipos de corta. Porque cortar árbores é parte das prácticas que hai que realizar nun tratamento forestal.
Desde Greenpeace apoiamos as prácticas forestais no monte para a conservación e aproveitamento dos nosos bosques. Pero sempre dende o respecto ao funcionamento interno dun bosque; é dicir, a xestión forestal máis próxima á natureza, que implica complexidade, diversidade, estabilidade e irregularidade nas idades das árbores que o forman. Por iso, non consideramos un bosque unha plantación uniforme de eucaliptos, chopos, piñeiros ou de calquera das especies de crecemento rápido.
Aínda que en ocasións algunhas prácticas son condenábeis, e así o dicimos cando o consideramos, moitas outras veces cortar árbores é necesario. E é importante que a poboación, en especial a poboación urbana, non vexa como unha agresión calquera acción que comporte cortar árbores.
A meirande parte das veces, as fotografías que amosan árbores cortadas non dan suficiente información como para facer unha valoración sobre a actuación que se está a realizar. Dende Greenpeace non podemos dar unha opinión sobre unha actuación segundo fotografías ou denuncias que só informan sobre a presenza de árbores cortadas no chan.