Preguntas e respostas sobre a Antártida


1. Non está a Antártida xa protexida?

A masa de terra da Antártida está protexida, pero o océano que a rodea non o está. O Tratado Antártico de 1961 prohibiu toda actividade militar e estableceu a contorna terrestre para a investigación científica. Despois, na década de 1980, Greenpeace pediu que esta protección se fortalecese fronte ás ameazas das industrias do petróleo e da minaría e asegurou un novo acordo. Pero, polo momento, o océano Antártico non está protexido do mesmo xeito; é por iso que precisamos un Santuario Antártico.

2. Por que falamos só da Antártida en vez de falarmos de todos os océanos ou do Ártico?

Greenpeace forma parte dunha coalición global de ONG e científicos que piden aos gobernos que protexan polo menos un 30 % dos océanos do mundo para 2030. Malia os compromisos mundiais de protexer un 10 % dos océanos para 2020, que non se cumpriron, actualmente só un 3 % está completamente protexido. A Antártida é o lugar obvio para comezar, porque xa existe un convenio internacional para a protección de todo o seu océano. Xa hai unha proposta sobre a mesa para a protección do océano para o mar de Weddell e Greenpeace quérese asegurar de que isto ocorra. Se isto é así, suporía un forte pulo para a protección de moitas outras áreas de alta mar, mentres que a ONU negocia un Tratado dos Océanos, polo que Greenpeace leva a loitar máis de dez años. Unha viaxe cara á protección da metade do planeta que comeza na Antártida.

A gobernación no Ártico é complexa e, se logramos que as Nacións Unidas blinde as augas internacionais, seguindo o exemplo da Antártida, lograremos que se impulse aínda máis o Santuario Ártico, malia os bloqueos constantes de gobernos coma os de Rusia, Noruega ou os Estados Unidos. Unha vitoria na Antártida prepáranos para unha vitoria cara ao Tratado Internacional dos Océanos.

3. Que son os santuarios mariños?

Os santuarios mariños (tamén coñecidos coma reservas mariñas) son áreas que están protexidas contra o impacto humano directo: actividades coma a pesca, a extracción de petróleo, a minaría de augas profundas e outras industrias extractivas fican prohibidas.

4. Por que importan os santuarios mariños?

Moitas especies mariñas están a sufrir os impactos do cambio climático, a contaminación e a sobrepesca. Os santuarios mariños proporcionan un acougo para se recuperaren as especies e os ecosistemas. E non se trata só de protexer maxestosas baleas azuis e colonias de pingüíns, senón que os beneficios son globais: os océanos sans desempeñan un papel esencial na absorción de dióxido de carbono e axúdannos a evitar os peores efectos do cambio climático. Os santuarios non só protexen a biodiversidade, tamén brindan seguridade alimentaria a milleiros de millóns de persoas que dependen dos mares. O noso destino e o destino dos nosos océanos están intimamente conectados. Os líderes mundiais non deberían permitir que un océano case sen perturbacións se convirta nun territorio industrializado.

5. Que zona abranguería o santuario do Océano Antártico?

O Santuario cubriría un área do mar de Weddell, que se estende desde o sueste de América do Sur e que se atopa a carón da Península Antártica, e sería cinco veces o tamaño de Alemaña, o país que propuxo a súa creación á comisión que se reúne o vindeiro mes de outubro. O mar de Weddell, descuberto en 1823, é unha das nove rexións que a planificación dispuxo para dividir o océano Antártico. Estímase que o mar de Weddell acolle unhas 14.000 especies.

6. Que gobernos son os responsábeis da xestión na Antártida?

Nun período da historia no que a confianza na fortaleza da gobernación internacional é baixa, a Antártida é un raro exemplo que amosa que o internacionalismo e a gobernación global funcionan e que as nacións poden unirse arredor da protección de grandes áreas do océano común. A Antártida réxese por unha serie de acordos internacionais coñecidos colectivamente como o sistema do Tratado Antártico, que regulan as relacións internacionais con respecto a esta zona do planeta. Os outros acordos son a Convención para a Conservación das Focas, a Convención para a Conservación dos Recursos Vivos Mariños e o Protocolo ao Tratado Antártico sobre Protección do Medio Ambiente (tamén coñecido como Protocolo de Madrid, pois foi asinado en España en 1991). O Tratado Antártico entrou oficialmente en vixencia en 1961 e os doce asinantes orixinais do Tratado foron Arxentina, Australia, Bélxica, Chile, Estados Unidos, Francia, Xapón, Noruega, Nova Zelandia, Reino Unido, Sudáfrica e a Unión Soviética, mais deixou a porta aberta a calquera membro da Organización das Nacións Unidas ou a outro estado invitado pola totalidade dos signatarios consultivos. Dende a súa sinatura, o número de signatarios aumentou ata un total de 53 en 2017, pero só 29 deles posúen a categoría de «membro consultivo», que lles outorga plenos dereitos decisorios. Os restantes 24 son considerados «membros adherentes», polo que non gozan de dereito a voto. Os doce países asinantes estiveron moi activos no continente, establecendo bases dende os anos 50. España uniuse en 1982 e é membro consultivo. Ademais, reclama territorialmente varias illas e exerce a xurisdición na Base Antártica Española Juan Carlos I e na Gabriel de Castilla.

7. Sería esta realmente a meirande área protexida da Terra?

Si, será! Con 1,8 millóns de quilómetros cadrados, superará a superficie da zona protexida máis grande do planeta ata agora, no mar de Ross, creada en 2016 pola Comisión do Océano Antártico. Isto supuxo un gran paso adiante para o océano e a vida silvestre da Antártida. Pero debemos aproveitar este pulo para continuarmos. É vital que este ano fagamos historia e academos a creación deste Santuario do océano Antártico, para que isto sirva de trampolín para continuarmos a protexer o 30 % dos océanos do mundo para 2030, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel das Nacións Unidas.

8. Fálase decote do krill como unha das razóns para protexer o océano Antártico: que é o krill e por que é tan importante?

Malia ser moi pequeno (do tamaño dun dedo maimiño), o krill é esencial para a vida na Antártida. De feito, garante a supervivencia dos animais máis grandes do planeta, as baleas azuis, xunto coa meirande parte da fauna da Antártida, que se alimenta desta criatura rosada. O krill reúnese en grandes bancos que adoitan ter quilómetros de ancho, con milleiros de crustáceos por cada metro cúbico. Algúns destes bancos rosados de krill poden verse mesmo dende o espazo.

9. Axuda realmente o krill a deter o cambio climático?

Un océano san é unha das mellores defensas contra o cambio climático. Existen evidencias de que o krill pode axudar a capturar carbono, un dos principais responsábeis do cambio climático na atmosfera. O krill amoréase en enormes bancos e só aqueles individuos próximos á superficie poden alimentarse. Unha vez cheos, afúndense no banco e outros toman o seu lugar. Normalmente, cando están no fondo do banco é cando excretan e esas feces ricas en carbono son como pellets fecais que logo se afunden cara ó fondo do océano. Este é un proceso chamado “afundimento por saturación” e axuda a reciclar o carbono, capturándoo da superficie (onde pode volver doadamente ao ar) e enviándoo ás profundidades do océano, onde permanece. Un estudio recente da British Antarctic Survey amosa que o krill podería capturar e almacenar ata 23 millóns de toneladas de carbono cada ano, o equivalente a todas as emisións residenciais de gases de efecto invernadoiro no Reino Unido!

10. En definitiva, por que é tan importante protexer o océano Antártico?

Entre outras moitas razóns, o océano Antártico é un dos poucos espazos onde o ser humano aínda non chegou, é unha das zonas máis prístinas do planeta. Protexer o océano antártico é protexer un patrimonio que nos pertence a todos e todas.

Este océano, polo momento, fica relativamente illado da explotación industrial, pero cada vez está máis abafado pola pesca de krill. É preciso aplicar un principio de precaución antes de que sexa demasiado tarde. É moi significativo que os países con meirande concentración de frota pesqueira destas especies estean xa a se manifestar en contra da regulación da pesquería e da protección desta zona.

O mar de Weddell, o noso Santuario Antártico, é —xunto coas illas Orcadas e Xeorxia do Sur—, a zona onde máis se está a pescar o krill, que é a base alimentaria esencial para o funcionamento do ecosistema antártico. Esta zona é o fogar de maxestosos pingüíns emperador e de grandes baleas. Protexer o mar de Weddell significa protexer algo que aínda non foi contaminado, un espazo seguro para a biodiversidade que poida facer fronte aos impactos do cambio climático.