A dieta é, sen dúbida, unha das mellores ferramentas, e ao alcance de todas as persoas, que temos para contribuírmos positivamente a salvar o planeta e a mellorar a nosa saúde. Utilicémola axeitadamente!

#1
Come alimentos de verdade

Evita no posíbel os produtos elaborados e precociñados (se tiveren ingredientes impronunciábeis, pregúntate se son alimentos de verdade).

#2
Non desaproveites alimentos

Máis do 30 % dos alimentos producidos no mundo rematan no lixo. Co que se refuga, poderíase alimentar toda a poboación da Terra actualmente e a que se espera que sexamos en 2050.

#3
Consume produtos ecolóxicos

Respectan o medio ambiente e a túa saúde, xa que se cultivan sen praguicidas, fertilizantes artificiais nin transxénicos. Os métodos de produción agrícola e gandeira provocan menos emisións de gases de efecto invernadoiro, incrementan a agrodiversidade e a fertilidade da terra e son o único xeito de garantir un medio rural vivo e a soberanía alimentaria. Podes apuntarte nun grupo de consumo, mercares en tendas especializadas ou directamente aos produtores nos mercados que proliferan por toda a xeografía española. A meirande parte dos produtos ecolóxicos están identificados cun selo inconfundíbel, pero as relacións de confianza cos agricultores e agricultoras son outro xeito de certificación.

#4
Adquire produtos locais

Un dos grandes causantes da emisión de dióxido de carbono e outros gases nocivos é o transporte. E unha das cousas que máis mercas é comida. Por tanto, se procuras que a túa comida sexa local, evitarás producir unha cantidade inxente de dióxido de carbono, e así axudarás a frear todas as cousas negativas que comporta. E non é só unha cuestión de emisións; é que, ademais, os alimentos saben mellor! Ao reducirse o seu tempo de transporte, están máis frescos, soportaron menos frío e conservan máis nutrimentos. Unha terceira vantaxe: estarás apoiando a economía local e o desenvolvemento da túa rexión.

#5
Únete a un grupo de consumo

Os grupos de consumo facilitan a relación entre as persoas que se dedican á agricultura e as consumidoras, proporcionando produtos locais, de tempada e ecolóxicos directamente das primeiras ás segundas. Desta maneira, o incremento no custo de produción é compensado coa eliminación de intermediarios. É imposíbel listarmos todos os grupos de consumo que existen, pero unha rápida busca en Google axudarache a saberes por onde comezar. O seu funcionamento e forma de distribución varía en cada unha delas, aínda que xeralmente adoita consistir nunha entrega semanal nun punto de recollida.

#6
Opta por produtos de tempada

A natureza é sabia e danos en cada estación o que o noso corpo precisa. Fóra de tempada, os produtos da horta consérvanse en frigoríficos xigantes durante semanas ou meses. Tanto frío supón xerar unhas cantas toneladas de CO2, e ademais fai que perdan sabor.

#7
Rexeita os transxénicos

Xeralmente descoñecemos o que hai detrás dun produto que eliximos consumir. Pode incluso que o mercásemos polas súas características saudábeis e que, porén, proveña dun cultivo transxénico. Para garantirmos unha cadea alimentaria libre de transxénicos e dos seus derivados, debemos seguir rexeitando o seu emprego. Se mercares sen te decatar un produto cunha etiqueta que indica que contén transxénicos (“modificado xenéticamente”), devólveo.

#8
Menos e mellor carne

Come sobre todo alimentos de orixe vexetal. Ademais de ser bo para a túa saúde, tamén o é para a saúde do planeta. A gandería é a responsábel da emisión do 14,5 % dos Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), e en particular a gandería industrial é a responsábel da perda de biodiversidade en ecosistemas críticos, como por exemplo a Amazonía; dun elevado consumo de auga e da contaminación dos acuíferos; dun consumo esaxerado de antibióticos; da destrución do xeito de vida rural e, por riba, non coida o benestar animal. Procura que a carne e outros derivados animais que consumas proveñan da gandería extensiva, ecolóxica e local.

#9
Consume produtos locais e ecolóxicos da colmea

O mel, própole, xelea real ou cera son produtos marabillosos. Co seu consumo apoias os apicultores e as abellas melíferas. A apicultura é unha das actividades humanas máis sostíbeis.