O plástico asolagou a nosa vida: podemos atopalo en envases de produtos, ingredientes de cosméticos, o téxtil da roupa ou materiais de construción. No noso día a día podemos cambiar os nosos hábitos para reducirmos o consumo de plásticos e procurarmos alternativas.

#1
Cambia as bolsas de plástico por outras reutilizábeis, carros ou cestas

#2
Non uses vasos, pratos e cubertos de plástico cando estiveres fóra da casa

É mellor levares os teus propios utensilios. Se mercares comida ou bebida para levar, pide que non cha dean envolta en plásticos ou leva os teus propios recipientes e botellas reutilizábeis. Ademais, existe unha gran variedade de pallas para beber de aceiro e outros materiais en Internet. Leva unha sempre contigo e non uses as de plástico.

#3
Merca a túa comida a granel e evita o exceso de envoltorio, como por exemplo bandexas

É máis barato, permíteche decidires a cantidade que necesitas e ademais a calidade será mellor.

#4
Cambia os tápers de plástico polos de aceiro inoxidábel ou vidro

Almacenar e/ou quentar comida nos tápers de plástico de toda a vida pode estar a envelenarte, xa que ao quentar o plástico libéranse substancias tóxicas.

#5
Evita o uso de cosméticos que teñan na súa composición microesferas de plástico

Polietileno (PE), polipropileno (PP) e/ou nylon. Atópanse normalmente en produtos exfoliantes. En troques deles, escolle cosméticos con compoñentes naturais como arxila, cascas de froitos secos ou sementes.

#6
Bebe auga da billa, non auga embotellada

Se a auga da túa zona non é boa, podes usar un filtro; é unha pequena inversión que che aforrará unha fortuna ao ano e ademais é máis san.

#7
Elixe envases para as túas bebidas e líquidos que sexan retornábeis, como o vidro, no canto de tetrabriks e botellas de plástico

 

#8
Reduce a exposición do teu bebé ao plástico: non uses mamadeiras de plástico

 

#9
Procura xoguetes de madeira, tea ou látex e caucho natural

 

#10
Di non ás máquinas de afeitar descartábeis

Cámbiaas por unha máquina eléctrica ou ben de metal con coitelas substituíbeis (as de toda a vida), o que che permitirá aforrares moitos cartos.

#11
Intenta conseguir produtos de hixiene e coidado persoal que non estean envasados en plásticos e que non conteñan microplásticos na súa composición

Non é doado, pero protexerás a túa saúde. Por exemplo, usando pastillas de xabón no canto de xel de baño ou xabón en barra para afeitar en troques da escuma. Que sexan naturais e máis sans. Tamén hai cepillos de dentes eléctricos ou de madeira e dentífrico en pastillas.

#12
Evita os produtos de limpeza envasados en plástico

O bicarbonato, vinagre, xabón e aceites esenciais, entre outros, que se usaron de sempre para limpar e lavar a roupa, son o mellor xeito de mantermos a nosa casa e roupa limpas sen danármonos a nós nin o medio ambiente.

#13
Cos chisqueiros de metal reenchíbeis aforrarás bastantes cartos, e ademais son máis bonitos!

 

#14
Se é imposíbel reducires máis o teu consumo de plástico, lembra reutilizar eses produtos na medida do posíbel e, no último caso, botalos ao colector correspondente

 

#15
Algunha vez te preguntaches canto plástico usas en realidade?

Descubre a túa pegada de plástico!