Equipo de Liderado Estratéxico Compartido

O posto de Dirección Executiva é seleccionado pola Xunta Directiva. A partir dese momento, ten a responsabilidade de coordinar a xestión diaria da organización. Ocúpase da representación pública de Greenpeace e entre as súas funcións está a de dirixir os contactos con representantes do mundo político, económico e social, así como cos medios de comunicación. Selecciona o equipo directivo de Greenpeace España, xunto ao que coordina todo o persoal que traballa profesionalmente ou como parte do voluntariado para Greenpeace no noso país.

Eva Saldaña Buenache
Directora Executiva de Greenpeace España

Eva (Madrid, 1977) cre que se conseguimos ampliar a concepción do activismo e pór en marcha o poder da xente, chegariamos a esa masa crítica que, tal e como a historia nos amosou, pode producir cambios rápidos e profundos cara a unha cultura reconectada coa natureza e resiliente fronte aos retos que encaramos.

É Licenciada en Ciencias Biolóxicas, especialidade de Ecoloxía, pola Universidad Autónoma de Madrid. Antes de se incorporar a Greenpeace, traballou na Oficina Ecocampus para co-coordinar a xestión e educación ambiental do Campus universitario da UAM, ademais de participar en proxectos desta natureza na Patagonia Arxentina, na Amazonía Peruana e en Costa Rica.

É especialista en procesos participativos, de liderado transformacional, traballo en equipo e resolución non violenta de conflitos polo IIFAC e en Deseño de sistemas complexos sostíbeis por Gaia Education. Realizou o Máster en dirección e xestión de ONG impartido por ESADE University e o Deep Dive Future Leaders co Presencing Institute.

Estivo como Coordinadora da Cooperación Internacional e da Rede de Centros de Desenvolvemento do Liderado da Mocidade Indíxena en Agroecoloxía dentro do SPERI (Social Policy Ecology Research Institute) durante 2011 en Vietnam, período durante o que axudou a fundar a rede TOA (Towards Organic Asia) na rexión do Mekong e Bután.

Amante da natureza e aprendiz dos procesos colectivos, a súa traxectoria en Greenpeace comeza en 2002 como voluntaria, educadora e activista. A partir de entón, foi Responsábel da Área de Voluntariado ata 2006, Responsábel da Área de Educación e Formación Ambiental ata 2009 e, en 2012, asumiu a Dirección do Departamento de Mobilización. Actualmente desempeña o cargo de Directora Executiva.

Christian Poliansky
Director de People Power: Fundraising, Márketing e Comunicación

Christian (Buenos Aires, 1972) medrou en contacto coa natureza e nunha contorna familiar que promove a igualdade e a xustiza social. Dende mozo estivo vencellado a diferentes causas sociais, como a defensa dos dereitos humanos, a educación e a sanidade pública. Ademais, é voluntario en diferentes organizacións forestais. Cre ferventemente que a boa comunicación, xunto coas novas tecnoloxías, ten a capacidade de mobilizar as persoas para a creación dunha sociedade máis xusta e a defensa do planeta.

É licenciado en Publicidade pola Universidade de El Salvador, Arxentina, e ten un Mestrado en Administración de Empresas pola Universidade Europea, España. Está especializado en captación de fondos e public engagement.

Comezou a súa carreira no sector da comunicación publicitaria en Arxentina. Vive en España dende 2002, onde o seu compromiso cos valores sociais o levaron a desenvolver unha carreira en comunicación e captación de fondos no terceiro sector. Xestionou a comunicación e a captación de fondos en Médicos del Mundo e Acción contra el Hambre en España. Nesta última desenvolveu a estratexia de captación de fondos para as oficinas de América Latina. En 2018, trasladouse temporalmente a México para liderar a captación de fondos e as alianzas de UNICEF.

En marzo de 2025 incorporouse a Greenpeace como Director de Fundraising, Márketing e Comunicación co obxectivo de conectar e mobilizar a sociedade coa defensa do planeta e con Greenpeace.

Ricardo Magán
Director de Estratexia Sistémica

Ricardo (Madrid, 1971) cre na capacidade das persoas para se organizaren e impulsaren cambios sistémicos. A súa pronta incorporación ao escultismo determinou o seu amor pola natureza e a súa crenza na forza do colectivo cando se achega compromiso, visión, paixón e valentía.

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidad Autónoma de Madrid, pronto decidiu dedicarse á cooperación internacional para contribuír á mellora na vida das persoas en situación de vulnerabilidade.

Tras se dedicar á xestión do voluntariado e a comunicación en varias entidades, comezou a traballar en Oxfam, organización á que dedicou case 23 anos. Dende a coordinación de campañas de incidencia política nacionais e internacionais e o deseño de estratexias de participación cidadá ata a dirección executiva en varios países, viviu coma un privilexio liderar moitos equipos e aprender deles. Foi asesor do goberno español nas Nacións Unidas e responsábel do deseño e execución de campañas de incidencia social e política en España e en países como Nicaragua, El Salvador, Perú e Canadá. Nos seus últimos postos especializouse na procura de novas formas de crecemento, influencia e transformación social a través da innovación, a análise estratéxica e o cambio organizativo.

En novembro de 2021 asume en Greenpeace a tarefa de definir e impulsar estratexias de cambio que permitan un novo contrato co planeta, un novo xeito de producir, consumir e relacionarnos coa natureza que nos leve a reverter a crise climática e a perda de biodiversidade.

Sagrario Monedero
Directora de Impacto e Acción Sistémica

Sagrario (Cuenca, 1981) síntese unha privilexiada por poder dedicarse profesionalmente ao traballo en favor dos dereitos humanos, os feminismos e o ecoloxismo social. Isto permitiulle coñecer de primeira man, apoiar e emocionarse coas loitas colectivas que se están a levar a cabo en moitos lugares do planeta e que se asentan sobre os mesmos ideais e soños que inspiran Greenpeace.

É licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidad Pontificia de Comillas-ICADE e Máster en Cooperación pola Universidad Complutense. Posúe outros estudos en dereito internacional humanitario, xénero, transición enerxética e liderados colaborativos en contornas complexas.

Traballou en favor dos dereitos humanos e da igualdade de xénero en diversos países de América Latina, Oriente Medio e Europa. Durante catro anos, e con sede en Xerusalén Este, desempeñou o posto de Coordinadora de Xénero e Dereitos Humanos para Palestina, Líbano e Xordania de Alianza por la Solidaridad e foi directora en España da organización británica InspirAction-Christian Aid.

Nos últimos anos, a súa carreira centrouse na loita pola xustiza ambiental e contra o cambio climático. Traballou como consultora para organizacións como a Fundación Biodiversidad en cuestións relacionadas co xénero e co medio ambiente e ocupou durante un ano o posto de coordinadora da campaña de gas en Ecoloxistas en Acción.

Únese a Greenpeace en novembro de 2021 como Directora de Acción e Impacto Sistémico traendo con ela alegría, compromiso e entusiasmo cun proxecto que aspira a pór A VIDA, con maiúsculas, no centro.