Nova manifestación masiva contra a macrocelulosa da Ulloa, na Illa de Arousa

Greenpeace esixe á Xunta que escoite o clamor social en defensa do Ulla e a ría de Arousa e que remate xa con Altri

14-06-2026

  • A sociedade galega realiza unha nova demostración de forza colapsando por terra e mar A Illa de Arousa contra os proxectos industriais que ameazan o río Ulla e a ría de Arousa
  • A ONG ecoloxista esixe á Xunta que denegue dunha vez, como paso previo ao seu arquivo, as solicitudes de concesión de augas e de autorización ambiental integrada de Altri
  • As alegacións da empresa Altri ao anunciado arquivo do expediente indignan aos ecoloxistas, que acusan á empresa de xerar un conflito social sen precedentes en Galicia

Mais de 300 embarcacions e mais de 10.000 persoas participaron hoxe na Illa de Arousa (Pontevedra) nunha gran manifestación contra o proxecto de macrocelulosa de Altri/Greenfiber en Palas de Rei (A Ulloa, Galicia) e a reapertura da mina de Touro-O Pino. Ámabolos dous proxectos terían un impacto ambiental enorme na conca do río Ulla, que desemboca na ría de Arousa, a máis produtiva e tamén máis castigada ambientalmente de Galicia. A marcha, que discorreu entre a praia do Vao, á entrada da illa, e o porto insular do Xufre, congregou de novo a numerosas plataformas e organizacións en defensa do medio natural e dun futuro sostíbel baixo o lema “Pola defensa do Ulla e a ría de Arousa. Re-matemos Altri e a mina de Touro-O Pino”.

IMAXES DA ACTIVIDADE, AQUÍ

A Xunta de Galicia anunciou hai tres meses que procedería ao arquivo da polémica fábrica de celulosa a base de eucalipto no corazón de Galicia. Porén, a empresa Altri/Greenfiber presentou a última hora alegacións para tratar de salvar o seu proxecto, que xerou nos últimos dous anos un rexeitamento popular inusitado. Greenpeace manifestou ao respecto a súa indignación coa empresa, á que considera irresponsábel por xerar un conflito social enorme, e esixe á Xunta de Galicia que proceda a denegar, como paso previo ao seu arquivo, as solicitudes de concesión de augas e de autorización ambiental integrada relativas ao proxecto, así como a revogar a súa declaración como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE).

De igual xeito, o proxecto de reapertura da mina de cobre en Touro-O Pino, tamén na conca do Ulla pero augas abaixo do impulsado por Altri, foi descartado en 2020 pola Xunta por motivos ambientais e reactivado catro anos despois tamén coa declaración de PIE, sen que o proxecto mudase substancialmente respecto ao que obtivo unha Declaración de Impacto Ambiental (DÍA) negativa. As plataformas esixiron que se proceda a desestimar a solicitude relativa ao proxecto mineiro nos concellos de Touro, O Pino, Arzúa (A Coruña) e Vila de Cruces (Pontevedra), promovido pola sociedade Cobre Santo Rafael, S.L.

Os ecosistemas máis valiosos de Galicia non poden estar eternamente baixo a ameaza de proxectos industriais indesexábeis que se declaran estratéxicos de forma indiscriminada e sen a suficiente transparencia e participación pública. Altri foi declarado Proxecto Industrial Estratéxico hai xa catro anos e demostramos sobradamente que a súa implantación sería enormemente lesiva para o medio ambiente, a economía e a sociedade galegas. Non tiña nin ten nada de estratéxico. Tanto Altri como a Xunta teñen que parar con este acoso ao noso medio natural e a un pobo que hoxe de novo demostrou que non vai ceder nin un paso na súa loita pola xustiza ambiental e social”, declarou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia.

Máis información: 

A loita contra Altri, en imaxes:


Comparte!