Informe: Grandes incendios forestais en España: que aconteceu en 2025 e que debe mudar
Greenpeace esixe que non se esquezan das zonas queimadas en 2025 e que se actúe en 2026 con prevención e xestión postincendios
- O incendio de Larouco (Ourense, Lugo e León) foi o meirande incendio forestal de España en 2025, afectando a 37.765 hectáreas. Greenpeace analizou este fatídico ano e expón os desafíos e demandas para que non volva acontecer
- Nestes días, as intensas choivas en zonas queimadas como Valdeorras ou Viana intensificaron os danos por arrastres de auga e cinzas provocando corrementos de terra por mor da falta de vexetación
- O pasado setembro, a organización realizou un voo polo “triángulo do lume” e dez meses despois volve ás zonas para comprobar o alto grao de severidade dos incendios e a escasa ou nula rexeneración natural
Coa chegada oficial do verán e inmersos na primeira onda de calor, Greenpeace presenta o seu informe Grandes incendios forestais en España: que aconteceu en 2025 e que debe mudar. A organización analiza que ocorreu en 2025 e propón desafíos e demandas para abordar un problema social e ambiental que vai en aumento e que supón unha ameaza crecente para a poboación e os ecosistemas. Greenpeace esixe que non se esquezan das zonas afectadas 2025 e que se actúe en 2026, pondo o foco nos impactos postincendios e na prevención.
A organización lembra que se acaba de inaugurar o verán e que 2026 xa supera a media dos últimos dez anos en superficie afectada, con nove grandes incendios forestais. En 2026, a superficie queimada case se triplicou con respecto a 2025 e os grandes incendios pasaron de 1 en 2025 a 9 en 2026. E hai todo un período estival de risco por diante.
“Os lumes de 2025, parecen algo do pasado pero as súas consecuencias seguen moi presentes. A poboación das zonas afectadas aínda pelexa coas secuelas do lume. Debemos esixir medidas de restauración nas zonas devastadas, visibilizar os impactos que perduran despois das lapas e reforzar a prevención para evitar que en 2026 volvamos perder tanto porque este ano pinta xa moi mal”, explica Mónica Parrilla, responsábel da campaña de Incendios de Greenpeace.
En Galicia nestes días, as intensas choivas en zonas queimadas como Valdeorras ou Viana intensificaron os danos por arrastres de auga e cinzas provocando corrementos de terra por causa da falta de vexetación.
2025: O ano que evidenciou o colapso do sistema
Non foi un ano “impredicíbel” ou “sen precedentes”. Diversas entidades científicas, forestais e a propia Greenpeace levan tempo advertindo sobre a evolución dos lumes cara a meirandes eventos. Os anos 2006, 2012, 2017, 2022 foron terríbeis e neles repetíronse demandas consensuadas que non chegaron a implementarse. E chegou o 2025, que será lembrado por unha intensidade sen precedentes e un comportamento do lume que desbordou a capacidade de resposta. Algúns datos:
- A pesares de que o número total de incendios descendeu, os Grandes Incendios Forestais (GIF) triplicáronse respecto á media, acadando unha capacidade destrutiva catro veces superior.
- Dos dez incendios máis grandes da historia de España, cinco aconteceron en 2025 e tres deles en Galicia. Só o 0,77% dos incendios foi responsábel do 86% da superficie queimada.
- Nas zonas afectadas polos lumes habitan especies en perigo de extinción como o oso pardo, a pita do monte ou o aguaneiro.
- Factura económica: Só os labores de extinción supuxeron un custo estimado de entre 3.548 e 6.741 millóns de euros.
O ano 2025 foi especialmente crítico para Galicia, concretamente para a provincia de Ourense, con incendios devastadores que forman parte da historia de España, todos marcados por unha alta severidade e durante as ondas de calor de agosto:
- Larouco – Quiroga – Oencia (Ourense, Lugo e León): Foi o maior incendio forestal de España en 2025, afectando a 37.765 hectáreas. Orixinouse de forma intencionada (con tres focos iniciais) e presentou unha severidade alta no 62% da súa superficie.
- Oímbra (Ourense): Considerado o segundo peor incendio da historia de Galicia, calcinou 22.414 hectáreas. Tivo un alto impacto humano con 24 feridos, entre eles tres brigadistas novos en estado grave. A orixe foi unha imprudencia durante traballos de rozada municipal.
- Carballeda de Valdeorras – Porto – Encinedo (Ourense, Zamora e León): Un incendio transprovincial que afectou a 21.373 hectáreas e provocou a maior evacuación da campaña (máis de 9.000 persoas).
O impacto ecolóxico dos lumes foi moi grave. As lapas acadaron 37.819 hectáreas da Rede Natura 2000 en Galicia, unha superficie equivalente ao 10,8% de todos os espazos protexidos da comunidade e ao 26% da superficie total queimada. Resultaron afectados enclaves de extraordinario valor ambiental, como o Macizo Central de Ourense, Pena Trevinca e o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Amais, o lume comprometeu hábitats chave para especies ameazadas, incluíndo áreas de expansión do oso pardo e cursos fluviais que acollen poboacións de aguaneiro, catalogado en perigo de extinción.
Visita ás zonas afectadas en 2025
Dez meses despois do voo que a organización realizou por zonas afectadas de Ourense, León e Zamora, o denominado “triángulo do lume”, Greenpeace volveu de novo para comprobar a severidade dos incendios, que se analiza mediante imaxes satelitais, traballo de campo e comparacións entre o estado previo e posterior ao lume, utilizando índices como o dNBR (Differenced or Delta Normalized Burn Cociente, polas súas siglas en inglés), que mide o cambio producido polo lume na cuberta vexetal. Da superficie queimada en 2025, o 47% presentou unha severidade alta, namentres que o 22% sufriu unha severidade moderada-alta. Todos os incendios comparten unha realidade clara: o alto grao de severidade. É dicir o dano producido e que é visíbel na escasa ou nula rexeneración natural.
“Visitamos as zonas arrasadas polos incendios de hai un ano e puidemos comprobar o actual nivel de destrución”, explica Mónica Parrilla, enxeñeira forestal e responsábel da campaña de Incendios. “O aspecto dalgúns pobos afectados segue a ser desolador. En numerosas zonas a severidade foi tan alta que nin todas as abundantes choivas do inverno lograron facer agromar unha soa herba. A “negrura” do chan erosionado chega a apreciarse até case 20 centímetros por baixo da superficie e o cheiro a queimado aínda persiste nalgunhas abas case un ano despois!”.
Outra das realidades que se puxo de manifesto na visita ás zonas foi a evidencia da necesidade de protocolos de resposta rápida tras apagar as lapas (estabilización da emerxencia) para avaliar de forma temperá os danos, priorizar as zonas de actuación e aplicar medidas urxentes para protexer o chan, reducir a erosión e minimizar os impactos sobre a auga e a biodiversidade. Logo das chamas chegaron as choivas tinguindo de negro os ríos con restricións de auga potábel. E case un ano despois os efectos das lapas continúan. As intensas treboadas destes días provocaron de novo danos inmensos por arrastres de auga e cinzas en Valdeorras e outros lugares afectados por aqueles incendios.
As actuacións temperás son eficaces. A experiencia do incendio das Medulas demostrou que técnicas como o acolchado con palla agrícola lograron reducir a erosión do chan nun 85%, favorecendo a recuperación do territorio. Na maioría das zonas visitadas había pouca presenza de diques, acolchados e en todas as zonas houbo ou hai restricións de auga potábel. É o que xa mesmo debería facerse nas zonas afectadas polo lume este 2026 para evitar que o impacto das lapas siga afectando.
Outra realidade que bloquea a recuperación é a apertura de cotos de caza. A normativa galega prohibe a caza en terreos queimados durante tres anos. Con todo, sorprendentemente en 2025 a Xunta rexeitou ampliar esta prohibición ás zonas limítrofes non queimadas, onde a fauna sobrevivente se refuxiara.
Causas que orixinan e causas que propagaron os incendios forestais
Os cinco grandes incendios máis destrutivos de 2025 tiveron orixes diversas. Dous deles foron provocados por raios asociados a temporais secos (As Medulas e Valdeorras–Porto–Encinedo), un tivo unha orixe intencionada (Larouco–Quiroga–Oencia), outro se produciu por traballos de rozada con maquinaria agrícola (Oímbra) e no caso de Molezuelas de la Carballeda a investigación apuntou a unha posíbel orixe humana sen conclusión definitiva.
O 95% dos lumes son de causa humana. Un dos principais retos é asumir que a mellor extinción é o lume que non se produce: reducir as causas de ignición mediante prevención, vixilancia, formación, persecución das condutas delituosas e unha xestión responsábel do uso do lume resulta moito máis eficaz, seguro e económico que tentar combater incendios cada vez máis extremos unha vez iniciados.
A eficacia das medidas preventivas tamén quedou en dúbida en Galicia. En 2025, o Pladiga identificou unicamente 26 Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), pero cando menos o 73% delas rexistraron incendios durante o ano, incluída A Granxa, orixe do grande incendio de Oímbra. Estes resultados evidencian as limitacións dun enfoque centrado principalmente na vixilancia e o control. Fronte a iso, experiencias impulsadas desde o eido social, como os proxectos Roble e Batefogo, demostran a importancia de abordar os incendios dende unha perspectiva máis ampla, baseada na participación local, o diálogo social, a dinamización económica do medio rural e unha xestión activa do territorio que reduza as causas estruturais do problema.
A enorme dispersión poboacional existente en Galicia e o réxime de propiedade da terra, case toda privada, obriga tomar medidas específicas, pois complica a coordinación de actuacións, favorece o abandono de terreos e supón con moita asiduidade o incumprimento das franxas de protección, converténdose nun dos principais desafíos para avanzar cara a unha xestión forestal sostíbel que prevexa o risco de incendio.
O cambio climático e o abandono rural están a agravar a propagación e severidade dos incendios forestais. Os cinco grandes incendios analizados producíronse en territorios afectados polo despoboamento e durante unha situación de vulnerabilidade extrema, marcada pola onda de calor máis prolongada rexistrada en España. En 2025 rexistráronse 33 días de onda de calor e o 71,4% dos grandes incendios coincidiron con estes episodios. Os estudos de atribución indican ademais que o cambio climático fixo que as condicións meteorolóxicas que favoreceron estes lumes fosen moito máis probábeis e intensas. A iso súmase o aumento das tormentas secas e dos raios, a única causa natural de ignición, o que incrementa o risco de incendios nun contexto de quecemento global.
Os incendios forestais son un problema complexo que require información rigorosa e solucións baseadas na evidencia. A crise de 2025 puxo de manifesto como a desinformación, a confusión sobre competencias e a politización do debate dificultaron a comprensión do problema e desviaron a atención das súas causas e solucións reais. Converter unha emerxencia desta magnitude nun instrumento de confrontación política resulta irresponsábel e prexudica a resposta fronte a unha ameaza que esixe coordinación e colaboración institucional.
Algúns avances
Por mor do impacto social provocado polos graves incendios de 2025, lográronse algúns avances significativos en prevención e coordinación institucional. Hai que salientar a maior esixencia legal por parte da Fiscalía de Medio Ambiente a respecto dos plans preventivos, a posta en marcha dun Pacto de Estado fronte á emerxencia climática con medidas específicas en prevención de incendios e a aprobación de directrices estatais orientadas á xestión activa do monte e unha mellor cooperación, tanto entre comunidades autónomas como con Portugal. Con todo, a pesares destes progresos e do aumento no investimento, os expertos e organizacións ambientais coinciden en que as medidas seguen sen abondar, xaora que os recursos continúanse a concentrar maioritariamente na extinción, no canto de priorizar a prevención e resolver as causas estruturais do problema.
Demandas urxentes ás Administracións
Os incendios forestais son un problema social e ambiental de grande escala. Moitas das causas que explican os grandes incendios forestais son estruturais e requiren políticas sostidas no tempo. Outras moitas medidas requiren aplicación de forma inmediata.
- Nova Estratexia de Prevención: Recuperar campañas de sensibilización como o histórico “Todos contra o lume” nun contexto de cambio climático e reforzar os medios de investigación de causas (Fiscalía, Seprona e Axentes Forestais).
- Estabilidade no operativo de extinción.
- Investimento en Xestión Forestal: Destinar cando menos 1.000 millóns de euros anuais para xestionar a paisaxe a escala estatal, preparando o territorio para o paso das lapas.
- Protección á poboación: Asegurar que todos os concellos en zonas de risco conten con plans de prevención e emerxencia municipais efectivos.
- Protección da biodiversidade: Aplicar moratorias inmediatas á actividade cinexética e ao sobrepastoreo en zonas queimadas e adxacentes para facilitar a recuperación da fauna sobrevivente.
- Implementación de protocolos de resposta rápida postincendio que inclúan a avaliación temperá, a priorización das zonas máis vulnerábeis e a execución inmediata de medidas de estabilización de emerxencia para protexer o chan, reducir a erosión e impactos sobre os recursos hídricos e a biodiversidade.
- Un Pacto de Estado fronte á Emerxencia Climática que garanta unha política pública estábel e allea aos ciclos electorais.
- A consolidación da Alianza pola seguridade climática fronte aos incendios forestais require o compromiso estábel dos gobernos de España e Portugal. A alianza debe apoiarse en catro eixos principais: a xestión coordinada da paisaxe, a harmonización de protocolos e recursos de emerxencia, o desenvolvemento de investigación e bases de datos compartidas sobre comportamento do lume, e unha acción conxunta diante da Unión Europea para impulsar financiamento estábel destinado á prevención e a resiliencia territorial.