O negocio da venda de armas no noso país é tan escuro que non nos permite percibir a realidade da guerra na súa total crueza. Esta investigación segue o camiño que percorren as armas Marca España exportadas irregularmente.
España e a venda de armas á marxe da lei
Pero sabemos quen ou que lugares están involucrados nestas exportacións; que empresas se enriquecen vendendo armas a países que poden usalas contra civís; onde se fabrican; que armas son as que se envían; en que cantidade; como viaxan polo noso territorio ou como se envían a eses países?
Malia coñecer os grandes números do comercio de armas españolas, trátase dun negocio tan escuro e con tan evidentes intereses económicos para as grandes empresas que se serven das institucións públicas para promover os seus negocios no estranxeiro, que é moi difícil dar resposta a estas preguntas.
Algo semellante ocorre coa exportación de munición española a Israel, onde as forzas israelitas cometen homicidios ilexítimos de civís palestinos e mantéñenos recluídos ilegalmente nos Territorios Palestinos Ocupados. Dende finais de marzo de 2018, decenas de persoas morreron e milleiros resultaron feridas como consecuencia dos disparos do exército de Israel.
O sistema de control do comercio de armas en España escúdase en clasificar esta información como “segredo oficial”, o que permite ao Executivo non ter que render contas e impide ao Parlamento e ás ONG saber as razóns polas que autoriza ou denega unha venda de armas. En definitiva, non nos deixa comprobar se está a cumprirse a lei, o que, nalgúns casos, supón que o Goberno español poida ser cómplice de cometer atrocidades.
Casos de venda de armas “marca España”
Todo este escurantismo e falla de transparencia non nos permite percibir a realidade na súa total crueza. Coa pouca información á que se pode acceder, elaboramos estas rutas 2 que nos describen como operan en España estas exportacións ilegais de armas.
Ruta I: Case dous anos enviando munición fabricada en Burgos a Arabia Saudita e Emiratos Árabes dende Bilbao e Santander
O establecemento desta liña regular en Bilbao dá comezo á exportación continuada de munición baixo o código arancelario 9306, que corresponde a “Bombas, granadas, torpedos, minas, mísiles e demais municións e proxectís” do subtipo “de guerra”. Entre todo o enviado, o que si se confirmou a través dunha resposta do Goberno a unha pregunta parlamentaria é que un dos envíos consistía en 17.000 proxectís completos de artillaría de 155 milímetros.
En total, desde que se ten coñecemento da primeira exportación, en outubro de 2016, nas bodegas deses barcos navegaron con destino a Arabia Saudita case 7.000 toneladas de munición3 por un valor de preto de 120 millóns de euros4 (7.514 toneladas de munición e un valor de 138,8 millóns de euros se tamén temos en conta os envíos de munición a Emiratos Árabes Unidos, que pertence á coalición saudita e participa na ofensiva contra Iemen).
Toda esta munición fabricouse e distribuíuse dende as instalacións que a empresa Expal Systems, pertencente ao Grupo Maxam, ten en Quintanilla de Sobresierra (Burgos). Dende alí envíase ata o porto onde se realizará a carga nos buques a través de convois de camións escoltados por empresas de seguridade e pola Garda Civil.
Unha das curiosidades deste caso e que á vez é un exemplo das dubidosas prácticas do sector do armamento é o xeito no que a navieira saudita tratou de ocultar sistematicamente as operacións realizadas dende España a medida que comezou a aumentar a presión social contra o envío de armas españolas a Arabia Saudita e Emiratos Árabes Unidos. Todo debido á negativa dun bombeiro de Biscaia a participar no retén que vixiaba a carga no porto de Bilbao tras coñecer o seu destino e ser informado de que “eran bombas”. A primeira medida da navieira Bahri foi ocultar destinos españois na súa páxina web.
Ademais, en varias ocasións puxeron rumbo a portos españois desconectando o Sistema de Identificación Automática Marítima, co que están obrigados a navegar por cuestións de seguridade, para impedir que se poida rastrexar a súa navegación e porto de destino. Esta deficiencia foi detectada en inspeccións realizadas no Bahri Tabuk en Bilbao o 21 de setembro de 2017 e no Bahri Hofuf en Santander o 8 de marzo de 2018.
Finalmente, e moi probabelmente nun intento de desprazar a atención dos diferentes colectivos que denunciaron o caso e demandaron a fin da venda de armas a estes países da coalición saudita, as operacións de carga dos buques Bahri foi desprazada ao porto de Santander, dende onde se realizaron os últimos envíos.
Ruta II: Balas de fabricación palentina con destino Israel
Cabe supor que a empresa exportadora é Nammo Palencia. En outubro de 2013, a Fábrica de Armas de Palencia foi adquirida polo Grupo Nammo, que utiliza esta planta de produción para a súa Unidade de Negocio de Munición de calibre pequeno e medio5. O material exportado consistía en munición baixo o código arancelario 9306301000, que corresponde a “cartuchos”, do subtipo “para revólveres e pistolas […] e para pistolas metralladoras”.
A primeira exportación realizouse a través da aduana de Burgos, o 21 de abril, e a viaxe dende España a Israel realizouse vía aérea. Fíxoo probabelmente coa compañía Ukraine Air Alliance, como figura nas estatísticas de tráfico de AENA6, nun avión Antonov AN-12 (na aeronave UR-CGW) con destino ao aeroporto de Tel Aviv-Ben Gurion International, en Vitoria, o 22 de abril.
Ese mesmo mes, o Goberno de España condenaba a decisión do Goberno israelí de construír un novo asentamento en Cisxordania, contraria ao Derecho Internacional, e describíao como “un obstáculo para a paz”. A pesar disto e da ausencia de mecanismos efectivos para controlar o uso do armamento exportado, España continuou —e continúa— vendendo armas a Israel.
A segunda exportación produciuse dende a aduana de Guipúscoa o 15 de maio. Nesta ocasión, segundo a información de Aduanas, tamén se realizou o transporte internacional por estrada nun contedor.
O ano pasado, as forzas israelitas cometeron homicidios ilexítimos de persoas civís palestinas e mantiveron ilegalmente recluídos en Israel a milleiros de palestinos e palestinas dos Territorios Palestinos Ocupados (TPO). En 2018, dende o 30 de marzo, decenas de persoas palestinas morreron e milleiros resultaron feridas como consecuencia dos disparos do exército de Israel. O terríbel uso de munición real contra manifestantes desarmados e as mortes resultantes deben investigarse como posíbeis homicidios ilexítimos. En maio de 2018, o Goberno español expresou a súa consternación “polo elevado número de manifestantes mortos e feridos”, fixo un chamamento urxente á contención de todos os actores e pediu “ao Goberno israelita facer un uso proporcional da forza”7. O seguinte paso lóxico sería suspender as exportacións de armas a Israel.
Ruta III: Armas de guerra e munición de fabricación andaluza para Arabia Saudita dende o porto de Motril.
O material exportado a través da aduana de Sevilla atopábase nas tres ocasións baixo tres códigos arancelarios diferentes: o 9301, que corresponde con “armas de guerra”, do subtipo “pezas de artillaría (por exemplo: canóns, obuses e morteiros”; o 9305, que corresponde a “partes e accesorios de armas”, do subtipo “de armas de guerra”, e o 9306, que corresponde a “bombas, granadas, torpedos, minas, mísiles e demais municións e proxectís”, do subtipo “de guerra”.
En total, enviáronse a Arabia Saudita armas de guerra, partes e accesorios por un valor superior aos 22,8 millóns de euros e munición para estas armas por un valor de case 12 millóns de euros.
Todas as partes do conflito de Iemen cometeron impunemente crimes de guerra e outras violacións graves do dereito internacional nestes máis de tres anos de guerra. A ONU e organizacións internacionais e iemenitas de Dereitos Humanos documentaron decenas de presuntos crimes de guerra. Neste contexto cabe preguntarse: que máis ten que pasar neste país para que o Goberno español deixe de alimentar este desastre con máis armas?
Retos: máis transparencia e fin do comercio con Arabia Saudita e Israel
O Goberno debe aclarar como vai levar a cabo os compromisos electorais do PSOE sobre o comercio de armas: “cumprir estritamente as previsións da Lei sobre comercio de armas, reforzando o control parlamentario e a transparencia e denegando a súa autorización cando exista un claro risco de que poidan ser utilizadas de maneira contraria ao respecto debido e a dignidade inherente ao ser humano”. Ten unha inmellorábel oportunidade para cumprir o seuu programa e abrir unha nova etapa.
Lémbrallo ao Goberno: para cumprir a lei e os acordos internacionais, debe suspender as vendas a Israel e Arabia Saudita e rematar co secretismo da venda de armas Marca España. ¡Compárteo!
Notas:
2 – As rutas descritas son as hipóteses máis lóxicas baseadas en datos extraídos das Estatísticas de Comercio Exterior e Aduanas da Axencia Tributaria, Estatísticas de tráfico aéreo de Aena, bases de datos de tráfico marítimo e inspecciones, páxinas web das empresas, noticias, observacións no terreo e redes sociais.
4 – Valor Estatístico: é o importe estimado de sumar o custo da mercancía máis a parte proporcional do transporte e seguro correspondente ao tramo que vai dende a fronteira española ata a cidade estranxeira de destino.
Foto: © Ahmad Hasaballah