A gandería industrial está a contribuír á destrución do planeta e o que está a acontecer na bisbarra da Limia, da man do Grupo Coren, é un claro exemplo diso, como ocorre en moitos outros lugares de España. O modelo industrial, con explotacións que son auténticas fábricas de carne, leite e ovos, deu totalmente as costas ao territorio, ao benestar animal e as consecuencias da súa actividade son nefastas para o medio ambiente e para a saúde das persoas.
Documentación de la contaminación derivada de la industria ganadera en la planicie de A Limia, Ourense, especialmente la presencia de nitratos. ©Greenpeace/Pedro Armestre
A diferenza doutras rexións peninsulares, onde o sector industrial cárnico optou por crear enormes granxas, o xigante da produción cárnica en Ourense impulsou cun modelo empresarial de cooperativa-integradora, centos de explotacións de menor tamaño nun territorio relativamente reducido, que sumadas provocan un xigantesco impacto ambiental na comarca. Co seu modelo de integradora Coren controla a produción e a comercialización, mais non se fai responsábel dos residuos que xeran os seus integrados. E son moitos residuos.
Nos últimos anos, A Limia converteuse na zona 0 dos nitratos do norte de España e, do mesmo xeito que acontece noutras zonas de España como o Mar Menor, a inxente cantidade desta substancia nas augas está a provocar un problema de contaminación maior ao que as autoridades non están a poñer freo. Cómpre lembrar que os nitratos son canceríxenos e por riba dos 50 mg/litro de auga, a auga non é apta para o consumo, aínda que estes niveis non son estraños nas billas da zona, algo que os nosos investigadores puideron constatar in situ. Asemade, a gandería industrial tamén está a provocar contaminación por outras substancias, como fósforo, metais pesados, emisións á atmosfera de amoníaco e gases de efecto invernadoiro, así como a xeración de cheiros e graves afeccións á biodiversidade.
Galicia é a única comunidade autónoma que até a data non designou ningunha Zona Vulnerábel aos Nitratos, tal como esixe a Directiva de Nitratos. O incumprimento reiterado desta directiva por parte de España fixo que a Comisión Europea enviase un ditame motivado o pasado 2 de xullo.
Encol da metodoloxía deste mapa
Lamentabelmente, non se puido utilizar un informe determinante da Universidade de Vigo, “Food production link to underground waters quality in A Limia river basin”, xa que esta non quixo facilitar as localizacións da mostraxe a Greenpeace.
A lexislación comunitaria marca que o límite máximo de nitratos en auga para consumo humano é de 50 mg/l. Por riba disto non se considera potábel, por mor do elevado risco para a saúde. O valor guía é de 25 mg/l por riba do cal débense adoptar medidas para evitar danos á saúde e o medio ambiente.