Sabías que a gandería xera tantos gases de efecto invernadoiro coma todos os coches, trens, barcos e avións xuntos?

Un
14,5 %
das emisóns de Gases de Efecto Invernadoiro a nivel mundial proceden directamente da gandería
Un
80 %
da deforestación da Amazonía atribúese á actividade gandeira
Con case
3.000 toneladas,
España é o país da UE con meirande consumo de antibióticos nos animais produtores de alimentos
Una mano muestra píldoras frente a los cerdos de una granja para simbolizar el problema de los antibióticos que se les administran durante el engorde Carne de res y cerdo en un supermercado Una chuleta de cerdo es analizada para ver la presencia de antibióticos con luz negra Una granja de pollos en el norte de Alemania donde los pollos son engordados para la compañía de criadores Rothkoetter.

O problema

O consumo exacerbado de carne e outros derivados animais procedentes da gandería industrial é unha das cuestións alimentarias máis importantes dos nosos tempos. O seu consumo nos países desenvolvidos acadou niveis totalmente insostíbeis, e o peor é que se considera normal, natural, necesario e agradábel. España é o segundo país europeo e o décimo cuarto mundial que máis carne consume por persoa ao ano.

Estes son os sete grandes problemas derivados dun excesivo consumo de carne:

1. Dana a nosa saúde

A Organización Mundial da Saúde (OMS) clasificou a carne procesada como “carcinóxena para os humanos” e a carne vermella como “probabelmente carcinóxena para os humanos”. Ademais, o consumo excesivo de carne, en combinación con outros factores coma a falla de exercicio físico, contribúe a deteriorar a nosa saúde, xerando sobrepeso, obesidade e doenzas cardiovasculares.

Por outra banda, o uso masivo de antibióticos na gandería industrial contribúe significativamente ao desenvolvemento de resistencias a estes medicamentos. Segundo a OMS, a resistencia a antibióticos podería provocar máis mortes có cancro en 2050. España é o país de Europa que máis os emprega neste sector.

2. Contribúe ao cambio climático

A gandería é responsábel da emisión dun 14,5 % dos Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), tanto coma todos os coches, trens, barcos e avións xuntos. Entre os gases emitidos atópase o CO2, pero especialmente o metano e máis o óxido nitroso, dous gases de efecto invernadoiro moito máis potentes có CO2. Estes gases proveñen das emisións directas, pero tamén das indirectas derivadas dun modelo de agricultura dependente do petróleo e dos praguicidas e fertilizantes químicos que sustentan a gandería industrial. Non podemos frear o quecemento global sen cambiarmos o modo de producir e consumir carne e outros derivados animais.

3. Monopoliza a terra cultivábel

Con preto dun 75 % da superficie agrícola destinada á gandería, tanto en forma de pastos como para producir pensos, non conseguiremos salvar os bosques e frear a perda de biodiversidade a menos que freemos a expansión da gandería industrial. Estamos a transformar a Amazonia en filetes baratos: o 80 % da deforestación atribúese á actividade gandeira.

4. Mingúa a biodiversidade

A agricultura industrial destrúe masivamente a biodiversidade, tamén a alimentaria. No mundo existen máis de 30.000 especies vexetais comestíbeis, pero cada vez centramos máis a nosa alimentación e a dos animais en catro: trigo, soia, millo e arroz. O mesmo fai a gandería industrial. Segundo a FAO, a quinta parte das razas de gando a nivel mundial está en perigo de extinción.

Os monocultivos para a produción de pensos teñen unha alta demanda de fertilizantes e praguicidas sintéticos, unha ameaza directa para moitas especies. Os lindes dos campos e as sebes desaparecen, destruíndo así importantes hábitats incluso para a propia agricultura, pois son refuxio e fonte de alimento para moitas especies beneficiosas, como os insectos polinizadores.

Non podemos permitirnos seguir a perder biodiversidade; por iso, temos que cambiar o modo de producir e consumir carne.

5. Envelena a auga

Xurros, antibióticos, fertilizantes e praguicidas contaminan os acuíferos, chegando a provocar “zonas mortas” nos océanos. Ademais, a gandería demanda altas cantidades de auga. Por exemplo, para producir 1 kg de filete de tenreira, son necesarios 15.000 litros de auga, mentres que para producir 1 kg de trigo fan falla 1.300 litros ou 131 para 1 kg de cenorias. A auga é vida e para que siga a selo, hai que cambiar o modelo produtivo e reducir o consumo de carne.

6. Favorece un sistema de produción de grandes capitais

O aumento na eficiencia e eficacia da produción de carne e outros derivados animais concentra o poder de mercado nunhas poucas mans en detrimento das pequenas comunidades agrícolas. Cambiar o modo de producir e consumir carne é un xeito de cambiar as regras do xogo e de promover a soberanía alimentaria.

7. Esquece o benestar animal

Todo o modelo de gandería industrial baséase nun principio básico: alimentar e sacrificar os animais o máis rapidamente posíbel e baixo calquera condición para maximizar os beneficios. Isto xeralmente significa manter vacas, porcos e polos en explotacións cunha elevada densidade de animais, non respectando o seu benestar e creando unha bomba de reloxaría para o xurdimento de enfermidades. Apoiar a gandería extensiva e ecolóxica é apoiar un modelo no que os animais viven dignamente e contribúen ao equilibrio ecolóxico.

«Se o consumo alimentario de España volver aos patróns da dieta mediterránea de antigamente, as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas á produción de alimentos baixarían un 72 %; o uso de terras agrícolas reduciríase un 58 %; o consumo de enerxía diminuiría un 52 % e o de auga un 33 %»

A solución

Ante este escenario só hai unha solución, isto é, a reducción drástica da produción e consumo de carne e outros derivados animais. A aposta por unha dieta baixa en proteína animal e onde predominen os alimentos de orixe vexetal, ecolóxicos e locais é a mellor para a nosa saúde e a do planeta.

Que está a facer Greenpeace

En Greenpeace traballamos para acadar un modelo de agricultura e gandería que nos poida prover de alimentos sans, de calidade, de proximidade, que permita manter un mundo rural vivo e, por suposto, que respecte o medio ambiente.

Ante a futura Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, Greenpeace manifestou a necesidade de desenvolver unha estratexia para reducir a produción e consumo de carne e outros derivados animais de produción industrial e para apoiar a produción extensiva, local, de calidade e ecolóxica. Propoñemos frear a expansión da gandería industrial establecendo unha moratoria estatal e que se adopte a “dieta de saúde planetaria”, tal e como pide a comunidade científica.

Que podes facer ti

Pide ás administracións que deixen de apoiar a gandería industrial. Asina a petición!

Actúa co teu consumo! A dieta é unha das mellores e máis sinxelas ferramentas que temos para contribuír positivamente a salvar o planeta e mellorar a nosa saúde. Propoñémosche aquí algunhas ideas para unha dieta máis saudábel para ti e para o planeta.

Súmate a Greenpeace! Sé parte da nosa organización para esixir a gobernos e empresas que fomenten unha gandería extensiva e ecolóxica, que teña en conta o benestar animal e a nosa saúde. Preme aquí para uníreste a Greenpeace!