O modelo de gandería industrial só pon na balanza os beneficios económicos inmediatos, sen considerar os efectos a longo prazo sobre as persoas, a saúde pública, o medio ambiente ou o benestar animal.

Malia anunciárense moitas veces como a súa salvación, as macrogranxas abafan o medio rural porque a longo prazo destrúen emprego local e favorecen a despoboación. Ademais, o seu impacto ambiental é elevado.

Estas son as dez ameazas máis importantes da gandería industrial:

#1
Quecemento global

A gandería é responsábel dun 14,5 % da emisión de gases de efecto invernadoiro. En España, segundo os últimos datos publicados, o sector da agricultura, gandería, silvicultura e pesca emite o 59,5 % do metano e o 76,1 % do óxido nitroso, dous gases de efecto invernadoiro moito máis potentes có CO2.

#2
Perda de diversidade biolóxica

A inxente cantidade de pensos e pastos necesarios para alimentar a produción industrial de carne son un dos principais factores de deforestación mundial. Por outro lado, a sobrefertilización na agricultura industrial leva incluso á aparición de “zonas mortas” nos océanos.

#3
Impacto paisaxístico e destrución de hábitats

As macrogranxas comportan unha ocupación territorial importante. En España, o 66 % da superficie cultivada destínase a producir alimentos para animais, non para persoas. Como exemplo, a macrogranxa proxectada en Noviercas (Soria) ocuparía o equivalente a 900 campos de fútbol aproximadamente.

#4
Impacto na nosa saúde

O excesivo consumo de carne está asociado co sobrepeso, obesidade, cáncer, diabetes tipo II e doenzas cardiovasculares. É fundamental adoptar unha dieta de saúde alimentaria.

#5
Resistencia aos antibióticos
A gandería industrial é a principal consumidora de antibióticos no mundo, e España é o país de Europa onde máis se utilizan neste sector. O uso masivo de antibióticos na gandería industrial contribúe significativamente á perda de eficiencia destes medicamentos. Segundo a OMS, a resistencia a antibióticos podería provocar máis mortes có cancro en 2050.
#6
Seguridade alimentaria

As grandes e recentes crises de seguridade alimentaria no mundo veñen da man da gandería industrial: vacas tolas, gripe aviar, gripe porcina, salmonela, listeria… Por outra banda, entre o 75 % e o 80 % da superficie agraria mundial destínase a producir alimentos para animais, non a producir alimentos para consumo directo humano.

#7
Sufrimento animal

Na gandería industrial, os animais son tratados coma máquinas de producir cartos. As condicións nas que viven quedan en segundo plano fronte ao beneficio económico.

#8
Escaseza de auga

A agricultura industrial usa enormes cantidades de auga, e unha grande parte destínase a producir alimentos para animais. En España, Greenpeace estimou que a gandería utiliza nun ano o equivalente ao consumo de todos os fogares en 21 anos. Un exemplo: a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) estima que, de se levar a cabo, a explotación leiteira de Noviercas consumiría entre 4 e 6,35 millóns de litros de auga ao día, sen contar o consumo indirecto para a produción de pensos. Esta cifra é equivalente ao que consumen aproximadamente os 40.000 habitantes da cidade de Soria.

#9
Contaminación dos acuíferos e solos

Os xurros resultantes da gandería industrial son altamente contaminantes. Estímase que a granxa de Noviercas produciría case unhas 1.000 toneladas ao día. A isto habería que engadirlle os praguicidas e fertilizantes químicos que se empregan para producir os pensos.

#10
Perda de empregos e máis concentración no sector

Unha macrogranxa xera menos emprego que a gandería extensiva e ecolóxica, dado que todo está moito máis automatizado. Ademais, representa unha ameaza para as pequenas e medianas granxas da zona.