XUNTA DIRECTIVA

Á Xunta Directiva correspóndelle a dirección estratéxica e política da Asociación. Ademais, de acordo coa Dirección Executiva, establece as prioridades e obxectivos anuais e controla o seu cumprimento.

Composición

A Xunta Directiva componse dun máximo de sete persoas que deciden quen ocupará a presidencia, vicepresidencias, secretaría, tesourería e vogalías.

As atribucións da Xunta Directiva, segundo os Estatutos, son: a dirección estratéxica e política da Asociación; seleccionar, contratar e despedir a Dirección Executiva; acordar coa Dirección Executiva prioridades e obxectivos anuais, así como controlar o seu cumprimento; convocar Asembleas do Consello e aprobar anualmente o Plan de Traballo.

Sonia Rubio Hernando
Presidenta

Sonia é enxeñeira de telecomunicacións e desenvolveu a súa carreira deseñando sistemas informáticos e xestionando os equipos que os implantan. Na actualidade, traballa nunha empresa que ofrece sistemas con servizos meteorolóxicos e climáticos orientados, fundamentalmente, á protección civil.

É socia de Greenpeace España dende 1986, conselleira dende 1996, foi voluntaria e pertenceu en dúas ocasións anteriores á Xunta Directiva, primeiro como vicepresidenta e despois como presidenta.

É patroa e voluntaria dunha pequena organización de colaboración con mulleres, nenas e nenos en Etiopía, de onde son os seus tres fillos.

A súa motivación principal é amosar como o sobreconsumo e o modo de vida de Occidente afecta o resto das persoas e a vida do planeta, xerando destrución, dor e desigualdade e poñendo en perigo o futuro de todas.

Ernest Escudé Mas
Vicepresidente primeiro

Ernest é barcelonés e Enxeñeiro de Telecomunicacións pola UPC. Traballou durante gran parte da súa vida profesional (35 anos) no sector das Tecnoloxías da Información e Comunicación en múltiples empresas e cargos. Levado pola súa necesidade de ser máis útil á sociedade, creou a súa propia empresa dedicada á eficiencia enerxética e á mellora da xestión do ciclo da auga, especialmente dende o punto de vista medioambiental.

Actualmente, ademais da dedicación á familia e amigos, reparte o seu tempo entre as súas afeccións, como a música e a bicicleta de montaña, e a participación noutras organizacións sen ánimo de lucro, como unha cooperativa provedora de enerxía, actividades medioambientais no eido local e a súa dedicación a Greenpeace como Conselleiro dende 2019 e como integrante da Xunta dende 2022.

Polo seu perfil profesional é coñecedor da problemática que comporta o actual modelo enerxético, e ten especial preocupación pola deriva do modelo actual económico social a nivel mundial e polo mundo que poidamos deixar aos nosos netos.

Desirée Knoppen
Vicepresidenta segunda

Nada en Holanda, residente en España dende 2002. Doutora en Ciencias Empresariais e Enxeñeira Industrial. Profesora e directora do departamento académico en EADA Business School, Barcelona. Centra a súa investigación no papel da empresa na transición cara a unha sociedade máis sostíbel, publicando en revistas como Business Strategy and the Environment, Environmental Science and Policy ou Journal of Business Research. Antes de entrar na academia, traballou como consultora de empresas en diversos países (Holanda, Colombia, México, España) e como responsábel de planificación de Ventas e Operacións nunha empresa farmacéutica (México).

Desirée consolidou a súa fascinación polo noso entorno natural e a (bio)diversidade durante a súa estancia en América Latina durante uns cinco anos. Unha vez aterrada en España, fíxose socia de Greenpeace, admirando o seu poder de comunicación e influencia. Entrou no consello en 2020 e na xunta directiva en marzo de 2022. Preocúpalle por riba de todo o noso modelo socioeconómico, incluíndo os ciclos de produción e consumo e os cambios radicais requiridos para permitir unha sociedade máis sostíbel.

Elisenda Villena Barjau
Secretaria

Nada en Barcelona, é detective privada pola Universidade de Barcelona dende 1985 (1ª promoción), directora de Seguridade e Criminóloga pola Universidade de Barcelona e posgrao en Compliance pola UIC.

Formou parte da Comisión Xestora que presentou o proxecto do Colexio Catalán de Detectius Privats de Catalunya ao Parlamento Catalán para a súa aprobación, que foi o primeiro colexio da súa clase no territorio español. Ademais, presidiu a Comisión de Intrusionismo do devandito Colexio.

Activa en organizacións asociativas, foi vicepresidenta e tesoureira da Asociación Profesional de Detectives Privados de España.

Canto á súa relación con Greenpeace, Elisenda é socia dende 1989, conselleira de Greenpeace España dende 2020 e membro da Comisión de Arbitraxe nos 3 últimos anos.

Actualmente traballa de forma independente como profesional da investigación e é socia fundadora e administradora de Etika360, unha empresa que implanta as canles denuncia ou canles éticas dentro dos programas de Compliance.

Jesús Honrubia García
Tesoureiro

Valenciano. Licenciado en Física pola Universidade de Valencia. Posgrao en Dirección e Administración de Empresas pola UAM. Traballou máis de 30 anos como enxeñeiro de sistemas de software.

O seu interese polo medio ambiente nace, coma en gran parte da súa xeración, vendo os programas de TV de Félix Rodríguez de la Fuente. En 1990 asóciase a Greenpeace movido pola súa posición antinuclear e en contra da primeira guerra do Golfo. Dende entón foi voluntario, activista, membro do Consello e formou parte da Xunta Directiva do 2000 ao 2004. Coordinou os Grupos de Traballo que elaboraron os actuais Estatutos e o Regulamento de Funcionamento Interno. Tomou parte na redacción dos dous primeiros Plans Estratéxicos Participativos e no actual Marco Estratéxico 2024-2026.

Á marxe de Greenpeace, participou moi activamente na campaña da ILP Per L’Horta, que recolleu máis de 100.000 sinaturas para esixir a protección da Horta de Valencia, e é socio fundador da Asociación Per L’Horta, herdeira daquela iniciativa.

As súas principais preocupacións son o cambio climático e a perda de biodiversidade, pero tamén o crecente militarismo, a desigualdade e o avance de posturas racistas, xenófobas, autoritarias e negacionistas.

Koro López de Uralde Castellano
Vogal

Madrileña. Especializada en Marketing Digital, traballa como Country Digital Manager, ocupación que compaxinou sempre con proxectos enriquecedores como a creación dunha startup de zapatillas sostíbeis (NoTime Eco Brand) ou La Imprenta, estratexias e artefactos culturais para cambiar o mundo.

Curiosa por natureza, continúa a formarse. Titulouse en Administración de Empresas (en inglés, Universidade Carlos III), especializándose a través do Digital MBA de ISDI. Co ánimo de atopar solucións para un futuro mellor, estudou tamén un Mestrado en Economía Circular e Desenvolvemento Sostíbel (VIU).

Koro estivo vinculada a Greenpeace dende moi nova, cando a súa familia a deu de alta como socia en 1999 e, posteriormente, colaborando como voluntaria. É membro do Consello dende 2023. Ademais, colaborou con outros movementos ecoloxistas como Fridays for Future.

Os seus intereses orbitan en torno ao coidado do medio ambiente, a lectura, a música, a fotografía, a escalada e o coidado das súas amizades e familia.

Carmen Merino Hernández
Vogal

Carmen é historiadora, con especialidade no doutoramento de Ciencias Historiográficas da UCM nos eidos de Paleografía, Historia das Institucións e Arquivística, materias que impartiu durante catorce anos nun posgrao da UNED e nas que colaborou como docente coa UCM e co Ministerio de Xustiza en cursos para licenciados. Foi funcionaria como Directora de Arquivo nun concello da Comunidade de Madrid durante oito anos.

Socia de Greenpeace durante máis de 35 anos, os primeiros deles en España, mantivo coa organización un forte compromiso como voluntaria, activista e conselleira dende hai dez anos. Ostentou cargos de responsabilidade en varias ONG ambientais e colaborou e deu voz á actual “Rebelión Científica”. Autoformouse intensamente na crise ambiental, enerxética e social actual.

Cre que é o momento de lle expresar á humanidade que debemos transitar cara a un novo modelo de sociedade necesario e esperanzador; sen ambición consumista e resiliente ante a posíbel redución da dispoñibilidade enerxética; potenciar a igualdade e desenvolver a confianza e a proximidade entre todos os seres humanos e os seres vivos do planeta.