A seca é unha ameaza constante e cada vez máis frecuente. Como consecuencia do cambio climático, cada vez irá máis calor e choverá menos en España.

7 das
10
bacías hidrográficas con meirande seca de Europa están en España
O ano máis seco ata o momento foi
2017
con só 468 mm
En 2050
27 millóns
de españois vivirán en zonas de estrés hídrico

O problema

A seca é un fenómeno habitual na Península Ibérica debido á súa situación xeográfica. Sufriu secas meteorolóxicas durante milleiros de anos e seguirá a sufrilas, pero algo está a cambiar neste proceso. Debido ao cambio climático, previsibelmente os períodos secos serán cada vez máis intensos e duradeiros. A isto hai que sumar o aumento nos usos e consumo da auga, o que nos sitúa ante un escenario de escaseza real de auga ou seca hidrolóxica.

O IPCC prognostica un aumento das temperaturas e unha redución das precipitacións nas vindeiras décadas para os países mediterráneos como o noso. Segundo a Organización Mundial de Meteoroloxía, a temperatura mundial xa aumentou en 1,1 ºC dende a era preindustrial e en 0,2 ºC con respecto ao período 2011-2015. Se chove menos e cada vez vai máis calor (o que aumenta a evaporación de auga), teremos menos auga dispoñíbel. Ademais, a crise climática aumenta o perigo de grandes lumes forestais (un 50% máis para 2100, segundo a ONU), o que empeora os procesos de desertización.

A intensificación dos episodios de seca é preocupante polo impacto que estes teñen na nosa economía e na nosa poboación. Porén, non podemos esquecer o impacto que a escaseza de auga ten sobre o noso medio ambiente, especialmente se temos en conta o crecente risco de desertización ao que nos expón o cambio climático.

A solución

Ante o problema da intensificación da seca en España, é fundamental unha xestión dos recursos hídricos que se anticipe e prevexa as secas, permitindo mitigar os seus efectos negativos, tanto ecolóxicos como socioeconómicos. É necesario avanzar en eficiencia para garantir o dereito humano de toda a poboación á auga, pero xerando o mínimo impacto ambiental.

Trátase dun reto no que todas as persoas debemos traballar conxuntamente. Dende as persoas consumidoras ata empresas de abastecemento; dende persoas dedicadas á agricultura a industrias, dende as administracións locais ata os grandes organismos internacionais: todos os axentes que participamos no ciclo integral da auga potábel e de saneamento debemos colaborar para facer fronte ao reto e, se para iso hai que tomar decisións de cambio nos usos do solo ou no modelo económico, haberá que abordalo. En definitiva, preparármonos para o que está por vir. Porque a seca veu para quedar.

Traballamos para dar un xiro á política hidráulica deste país.

Que estamos a facer

En Greenpeace facemos un seguimento constante do estado das nosas reservas de auga. Levamos a cabo investigacións para saber que consecuencias está a ter a seca no medio ambiente e que problemas están a agravar a escaseza de auga, como os milleiros de pozos ilegais que se estenden por todo o país.

Ademais, dende hai décadas traballamos para acadarmos compromisos por parte das administracións en materia de xestión hídrica. Sinalamos o desperdicio de auga e apostamos por medidas que nos preparen para os futuros episodios de seca que están por chegar.

Que podes facer ti

Actúa co teu consumo! Sé responsábel co consumo individual de auga no teu día a día: duchas máis curtas, billas pechadas mentres lavas as mans e os dentes, uso correcto dos electrodomésticos, etc. Evita tamén os produtos procedentes da agricultura e gandaría industriais, actividades que consumen cantidades excesivas de auga. Consume produtos de proximidade e de tempada e, se podes, que sexan de agricultura e gandaría ecolóxicas.

Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para esixires medidas urxentes fronte á crecente escaseza de auga, unha das principais consecuencias do cambio climático no noso país.