Case a metade das augas subterráneas que se atopan nos nosos acuíferos están contaminadas. Para a meirande parte delas xa non hai solución. Urxe salvar o resto!

Un
44 %
dos nosos acuíferos están en mal estado e son practicamente irrecuperábeis
Máis dun
20 %
da auga do noso país está contaminada por nitratos procedentes da gandaría industrial
A industria química verte máis de
1.000
substancias novas ao ano ao medio ambiente

O problema

A contaminación da auga ameaza seriamente o abastecemento humano (algunhas vilas de España xa non teñen auga potábel), a produción de alimentos e a supervivencia de moitos dos ecosistemas peninsulares. As causas desta contaminación son diversas e pódense agrupar en:

Vertidos urbanos. En moitos casos son os principais causantes da perda de calidade e degradación do medio hídrico. Aínda existen decenas de municipios e cidades que non depuran axeitadamente as súas augas. O Tribunal de Xustiza da UE xa nos impuxo unha multa millonaria por este motivo. Medra a presenza de microplásticos, fármacos e outros produtos químicos de síntese.

Vertidos industriais. Dende que comezou o desenvolvemento da industria química, calcúlase que se espallaron ao medio ambiente unhas 100.000 substancias (1.000 novas cada ano). O coñecemento sobre o seu impacto é escaso ou nulo polo que é urxente adoptar o principio de precaución e abandonar o actual modelo centrado no que chamamos solucións de “final de tubaxe”.

Vertidos agropecuarios. A contaminación difusa que está a xerar o crecente modelo agropecuario industrial é insostíbel debido fundamentalmente ao aumento de macrogranxas (e os refugos do gando estabulado, como nitratos e amoníaco) e ao emprego xeneralizado en agricultura de praguicidas e outros produtos fitosanitarios, así como de fertilizantes sintéticos que se infiltran na terra ata chegar aos acuíferos de áreas cada vez máis extensas do país. Os antibióticos utilizados na gandaría industrial son un problema emerxente ao que non se lle está a dar atención.

A solución

Atallar o problema da contaminación da auga é urxente porque afecta directamente á dispoñibilidade de auga que teremos no futuro. E, para facelo, temos que ir á orixe das súas causas.

Para eliminar a contaminación producida polos vertidos urbanos, o primeiro paso que teñen que dar os municipios é cumprir coa normativa legal vixente e pór en marcha bos sistemas de depuración da auga.

A industria química ten que se facer responsábel de depurar os seus vertidos e aplicar as técnicas máis avanzadas de produción limpa co fin de non xerar substancias perigosas. Pola súa banda, as administracións deben aumentar os controis na vixilancia das emisións de sustancias perigosas ás augas e aplicar as sancións correspondentes para que isto non siga a se repetir con total impunidade.

E no plano da gandaría, unha das principais causas de contaminación da auga por nitratos, é urxente establecer unha moratoria á gandaría industrial que evite a proliferación deste modelo gandeiro tan danoso para o planeta. No eido da agricultura hai que reducir drasticamente o uso de fertilizantes e praguicidas sintéticos. Urxe unha transformación do sistema cara á agroecoloxía.

Que estamos a facer

Traballamos para reducir as presións sobre o medio ambiente e acadar a transformación do sistema destrutivo e depredador predominante coa posta en marcha de alternativas máis sostíbeis que reduzan o consumo de auga e a súa contaminación, como é o caso da agroecoloxía. Tamén facemos presión para que as administracións fagan un control axeitado e melloren as lexislacións máis permisivas e para que as empresas cumpran coa lexislación vixente e deixen de verter substancias tóxicas a ríos, mares e acuíferos.

Ademais, promovemos a creación da Rede Cidadá de Vixilancia da Contaminación da Auga por Nitratos que, coa axuda duns dispositivos de medición, comproba a concentración de nitratos nas augas. O resultados desas medicións visualízanse neste mapa.

Que podes facer ti

Actúa co teu consumo! Reduce o teu consumo semanal de carne a uns 300 gr e de leite a uns 1.750 gr e consume produtos ecolóxicos, locais e de tempada; isto contribuirá a debilitar o modelo de gandaría industrial en prol doutro máis sostíbel no planeta. Ten coidado cos produtos químicos que empregas na casa: vixía a súa toxicidade para o medio ambiente. Fai presión para que as administracións garantan o abastecemento presente e futuro do ben máis necesario que temos: a auga.

Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para esixir unha meirande vixilancia dos vertidos que rematan nas nosas augas. Preme aquí para te unires a Greenpeace!