Cidadanía enerxética
Mapa de iniciativas de enerxía cidadá
Mapa elaborado conxuntamente coa Fundación Fiare.
Mapa de proxectos / Introdución
Mapa de proxectos / alternativas enerxéticas
Obxectivo
Con este mapa, Greenpeace quere dar a coñecer unha serie de proxectos que apostan pola enerxía renovábel colaborativa e por un modelo enerxético afastado do actual oligopolio e no que as persoas teñan un papel chave.
Todos estes proxectos, entre os que hai propostas de autoconsumo, copropiedade, cofinanciamento ou investimento, responden aos criterios de Greenpeace para poder transformar a indignación cidadá en accións de impacto positivo sobre o medio ambiente a través da xeración adicional de enerxías renovábeis.
Unha idea que responde á pregunta de que podo facer eu para cambiar o sistema enerxético.
Metodoloxía e responsabilidade
Pero estes son só os primeiros proxectos. A este mapa iranse sumando novas iniciativas que xa están a se desenvolver en distintos puntos do noso país.
Para asegurar a credibilidade destes proxectos, Greenpeace, xunto coa Fundación Fiare, realizou unha análise interna de sustentabilidade económico-financeira, medioambiental e social de cada un deles para se asegurar de que todas as opcións que hai son veraces, se ben Greenpeace non se fai responsábel do funcionamento último dos mesmos ou dos acordos e contratos entre usuarios e entidades.
Mapa de proxectos / Viure de l’aire
Viure de l’aire, Vivir do ar do ceo
Instalación dun aeroxerador Enercon E-103 EP2 de 2,35 MW no concello de Pujalt (Alta Anoia), de propiedade compartida, que permita xerar electricidade limpa e verde.
Eolpop S.L.
Pujalt, Barcelona
Quen pode participar?
Pode participar calquera persoa física, familia ou entidade sen ánimo de lucro, achegando unha cantidade económica. O proxecto tamén está aberto á participación de pequenas empresas.
Como podo participar?
É posíbel participar de dúas maneiras, e en ambas as dúas podes escoller a cantidade que achegas:
Compra anticipada de electricidade do muíño. Un acordo similar ao que ten Greenpeace, a través dun contrato de compra por adiantado da túa electricidade verde do muíño durante os próximos 25 anos. Esta opción permíteche escoller que cantidade mercar por adiantado, apoiando así a construción e, agora, a operación e o mantemento do muíño. A comercializadora terá que garantirche que en todo momento estará mercando a túa electricidade do muíño ou, no caso de este non producir, doutra instalación renovábel. No canto de recibir un retorno económico a cambio dun investimento, recibirás un desconto na túa factura da luz.
Para isto deberás cambiar de comercializadora a Gesternova. O contacto para máis información é comercial@gesternova.com.
Conta-partícipe (investimento). A través dun investimento que se devolverá cun rendemento moderado. O obxectivo do investimento é facer realidade o proxecto en troques de ser unha operación especulativa. Neste caso, non é preciso que cambies de comercializadora. Na súa web tes toda a información e o formulario de contacto.
Outros datos do proxecto
Tipo de proxecto: Cofinanciamento
Número de participantes: Con data de 01/06/2018 son 533 participantes entre persoas e entidades.
Fase do proxecto
- Dende 10/3/2018, o aeroxerador está en funcionamento (rematado o período de probas).
Mapa de proxectos / Generación kWh
Generation kWh
Cooperativa de consumo e produción de enerxía verde sen ánimo de lucro, que ten o obxectivo de reunir miles de persoas co desexo de cambiar o modelo enerxético actual. Producen enerxía eléctrica en instalacións de xeración a partir de fontes renovábeis financiadas con achegas económicas dos socios e socias.
Som Energia
Girona
972183386
Parc Científic i Tecnològic de la UDG. Edifici Giroemprèn. C/ Pic de Peguera, 11 (Ala B, despatx B2.12) 17003 Girona.
Quen pode participar?
Calquera particular, empresa, organización, entidade ou administración pública que comparta os valores de Som Energia pode unirse á cooperativa.
Para formar parte da Generación kWh debes ser socio/a da cooperativa e ter un contrato con Som Energia. O investimento mínimo é de 100 €, e podes autoproducir a porcentaxe que desexes en relación co teu uso anual de electricidade. Recoméndase que esta porcentaxe sexa do 70 %, xa que ao longo dos 25 anos de vida do empréstito poden mellorar ben as medidas de aforro enerxético ou ben o retorno dos proxectos (kWh/ano por € investido.
Como podo participar?
Cada persoa decide investir unha cantidade de cartos en accións enerxéticas en relación á electricidade que utiliza anualmente (1 acción = 100 €). Con estes cartos impúlsanse entre todos os participantes novos proxectos de enerxías renovábeis como a fotovoltaica, a eólica e a minihidráulica.
Som Energia garante que a achega será devolta nos 25 anos de duración do contrato. Durante estes 25 anos, terán un aforro na factura eléctrica proporcional ás accións adquiridas.
Outros datos do proxecto
Tipo de proxecto: Copropiedade
Número de participantes: Con data de 18/06/2018 son 3.317 persoas.
Fase do proxecto
Teñen tres proxectos de xeración:
- Planta fotovoltaica de 2.160 kW en Alcolea del Río (Sevilla): completada.
- Planta fotovoltaica de 990 kW en Fontiveros (Ávila): en construción.
- Minihidráulica: en fase de estudo inicial.
Mapa de proxectos / Oleada Solar
Oleada Solar
Unir 100 fogares en 45 días para mercar 100 instalacións fotovoltaicas de forma colectiva e cos valores da economía social e solidaria. Deste xeito, mercando de xeito conxunto conséguese unha mellora moi importante no prezo.
Un xerador fotovoltaico como o que propoñen custa 6.785 € se se merca individualmente. En troques, se se mercan 100 instalacións de xeito colectivo, lógrase aforrar 2.035 €, o que supón un 30 % de aforro.
Ao chegar a 100, faise unha instalación de autoconsumo na organización social que se decida entre a comunidade Oleada Solar. Nesta primeira Oleada Solar, o primeiro Xerador Solar Solidario foi para o santuario El Refugio del Burrito.
ecooo
Madrid
Quen pode participar?
Pode participar calquera persoa física, familia, entidade sen ánimo de lucro, pequenas empresas, etc. que dispoñan dun tellado.
Como podo participar?
Se queres unirte, primeiro tes que completar o formulario de participación e eles contestarán nun prazo de 24 horas. Na segunda fase hai que realizar un ingreso de 250 euros e enviarlles unha factura da luz recente para que fagan un estudo técnico personalizado do tipo de instalación necesaria.
Coa túa reserva formalizada, a túa participación na Oleada Solar queda confirmada.
Outros datos do proxecto
Tipo de proxecto: Autoconsumo
Número de participantes: Á primeira Oleada solar sumáronse 100 fogares, e agora búscanse fogares para a segunda Oleada. Na segunda Oleada Solar logramos repetir o éxito da primeira edición.
Fase do proxecto
- Xa conseguiron dúas Oleadas Solares, ás que se uniron 200 fogares de 14 Comunidades Autónomas. Contamos con alianzas locais en Sabadell, La Palma, Tenerife e Gran Canaria, ¡polo momento!
Mapa de proxectos / Ecrowd!
Ecrowd!
É unha plataforma que ofrece investimentos en proxectos comprobados da economía real, que sexan rendíbeis por si mesmos e que ademais xeren un impacto positivo na sociedade ou no medio ambiente. Son, por exemplo, investimentos en eficiencia enerxética, na mellora das telecomunicacións ou en enerxías renovábeis.
As persoas prestan pequenas cantidades a unha empresa, un proxecto ou persoa privada a través da plataforma web. Todas esas pequenas cantidades xuntas fan a totalidade do empréstito. A persoa ou empresa que recibe o empréstito paga periodicamente a cada investidor a parte de capital e intereses segundo as condicións pactadas. Non hai intermediarios nin bancos.
Ecrowd!
Barcelona
Quen pode participar?
Calquera persoa rexistrada en Ecrowd! pode participar a partir dun investimento mínimo de 50€. O límite establecido é dun máximo de 3.000 € por proxecto e de 10.000 € durante os últimos 12 meses no conxunto de todas as plataformas de crowdfunding.
Como podo participar?
Primeiro tes que rexistrarte en Ecrowd! Unha vez rexistrado, podes escoller o investimento. Unha vez que escollas o teu proxecto, debes indicar a cantidade coa que queres participar.
Cando se recade o investimento mínimo necesario, recibirás un aviso. Pode ocorrer que un proxecto non chegue a recadar o investimento mínimo requirido no prazo desexado. Nese momento decidirase se se amplía ese prazo ou ben se se exclúe o proxecto da plataforma. Neste último caso, poderás reinvestir o teu depósito noutro proxecto ou solicitar que cho devolvan sen gastos nin comisións.
Outros datos do proxecto
Tipo de proxecto: Financiamento colectivo.
Número de participantes: Con data de 07/06/2018 hai 3.069 investidores rexistrados.
Fase do proxecto
- Pódese investir en proxectos de saúde, educación, enerxía, auga, comunidades, economía circular, mobilidade e alimentación. O estado de todos os proxectos pódese consultar na súa páxina web.
Mapa de proxectos / Pylon Network
Pylon Network by Klenergy
Este proxecto está a probarse na cooperativa enerxética Goiener. Pylon Network é unha plataforma para o intercambio directo de electricidade verde -dende produtores ata consumidores- sen necesidade de intermediarios.
Trátase dun “mercado” alternativo de enerxía renovábel onde, grazas ao dispositivo de medida intelixente chamado Metron e ao software opensource (blockchain) que este integra, as persoas usuarias que pertenzan a esta plataforma (neste momento persoas socias usuarias de GoiEner) poderán simular, con datos reais, a compra de enerxía empregando un sistema de pago propio, xestionar a periodicidade coa que realizan os seus pagos e mesmo escoller a quen mercan a súa enerxía de maneira certificada grazas á trazabilidade da tecnoloxía blockchain.
Goiener S. Coop.
Guipúscoa. País Vasco
943088444
Teñen oficinas en Vitoria-Gasteiz, Bilbao, San Sebastián e Pamplona. Mallutz 18 baixo, 20240 Ordizia. Guipúscoa 1
Quen pode participar?
Os socios da cooperativa Goiener que queiran participar na simulación. Ademais, non é imprescindíbel xerar enerxía.
Como podo participar?
Sendo socio da cooperativa Goiener. Pódese participar como prosumidor, consumidor ou produtor.
Polo momento, pódese acceder á súa plataforma e botar un ollo ao que están a facer. Todo o que precisas facer é rexistrarte co teu enderezo de correo electrónico.
Outros datos do proxecto
Tipo de proxecto: Compra-venda directa de renovábeis
Número de participantes: Con data de 07/06/2018, hai 8.559 socios e socias na cooperativa Goiener. Na proba piloto participarán arredor de 50 persoas socias usuarias.
Fase do proxecto
O equipo de Pylon Network está a realizar as primeiras instalacións dos dispositivos de medición intelixentes “Metron” no País Vasco. Trátase dun monitorizador de enerxía que, conectado ao cadro eléctrico da túa vivenda e dispoñendo de Internet, contabiliza e certifica todos os fluxos enerxéticos que pasan a través del e ademais integra o seu propio método de pagamento; deste xeito, adquiren datos en tempo real dos socios de GoiEner que queren participar na simulación.
Mapa de proxectos / Comunidade Enerxética de Nosa Enerxía
Comunidade Enerxética de Nosa Enerxía
É un novo servizo para as persoas socias da cooperativa, e consiste na posibilidade de poder gozar dunha instalación fotovoltaica na vivenda. A persoa socia que desexe instalar na súa vivenda unha instalación fotovoltaica pode solicitar ese servizo á cooperativa.
Dende a cooperativa faise un estudo das condicións onde facer o proxecto e a súa eficiencia, aforro enerxético e viabilidade. E, se as condicións son favorábeis, faise a instalación. Esta vaise amortizando mediante o aforro que xere a instalación ou mediante a venda da enerxía excedente xerada a Nosa Enerxía.
Quen pode participar?
Calquera persoa socia da cooperativa que estea interesada en traballar sobre este proxecto pode facelo amosando o seu interese en nosaenerxia@nosaenerxia.com
As persoas socias envían a proposta, e dende a cooperativa escollese cal se vai financiar e implantar.
Como podo participar?
Facéndote socio da cooperativa Nosa Enerxía e amosando o teu interese neste proxecto.
Outros datos do proxecto
Tipo de proxecto: autoconsumo
Número de participantes: Con data de 07/06/2018, son 541 socios.
Fase do proxecto
- A partir de xullo de 2018, iníciase o proxecto, o chamamento de propostas.