As baleas son animais fascinantes, intelixentes e con comportamentos sociais moi complexos sobre os que estamos comezando a saber máis. Porén, seguen a ser decimadas dende hai máis de catro séculos.
O problema
No século XX estiveron a piques de desaparecer debido ao desenvolvemento dunha voraz industria baleeira que as fixo vítimas dunha persecución implacábel. A isto súmanse os impactos do cambio climático, a contaminación das augas e polos plásticos, a sobreexplotación pesqueira e o tráfico marítimo.
Malia que en 1986 se prohibiu a súa captura comercial en todos os países membros da Comisión Baleeira Internacional (CBI), algúns deles, como Xapón, Islandia ou Noruega seguen a cazalas, argumentando fins científicos e culturais.
Os seus ritmos de reprodución lentos e o feito de que todas as súas poboacións se visen seriamente reducidas, se non case extintas, converte a protección destes animais nunha prioridade para Greenpeace.
A solución
A solución global pasa por poñer fin a calquera tipo de caza comercial de baleas e crear santuarios mariños. Ademais, hai que loitar contra o cambio climático, a sobrepesca e a contaminación, que tamén lles afectan. A creación de santuarios é unha ferramenta de xestión moi importante para estes animais, e as Nacións Unidas teñen unha oportunidade única para crearen un tratado dos océanos que protexa as augas internacionais e axude a estes animais marabillosos.
Ao protexermos as baleas, estamos protexendo moitas outras especies, xa que se atopan no alto da pirámide trófica. Os mares ben conservados son mares ricos en baleas e golfiños. Ademais, as baleas e o turismo desenvolvido ao seu redor, como a observación de cetáceos, convertéronse nun dos principais ingresos económicos en moitos países e xera meirandes beneficios económicos cá caza comercial.
«As baleas son os animais máis grandes que xamais existiron, pero a súa caza indiscriminada levounas ao bordo da extinción»
Que está a facer Greenpeace
Greenpeace loita para buscar un novo modelo enerxético que free o cambio climático, que afecta aos ecosistemas oceánicos ao flutuar a temperatura dos mares, o que ten impacto sobre as cadeas alimentarias canto á cantidade e diversidade de especies, pois provoca a súa dispersión. Así, as baleas poden enfrontarse á escaseza de alimento por non atoparen suficiente cantidade das especies que usualmente consumen ou simplemente por non as atoparen nas áreas ás que habitualmente acoden para alimentarse.
Ademais, Greenpeace está a traballar para a creación dun tratado Internacional dos océanos que protexa os mares do mundo. A protección de espazos mariños como o mar de Weddell na Antártida ou o mar de Alborán ao sur da Península Ibérica contribuirá á protección destes animais.
Os seus ritmos de reprodución lentos e o feito de que todas as súas poboacións se visen seriamente reducidas, se non case extintas, converte a protección destes animais nunha prioridade para Greenpeace.
Greenpeace traballa tamén para que a CBI se encargue da conservación destes grandes mamíferos e colla as rendas da protección e creación de santuarios mariños para as baleas.
Igualmente, Greenpeace si acepta a caza de subsistencia, permitida pola CBI para as comunidades indíxenas de Dinamarca, Rusia ou Alasca. Os obxectivos que persigue esta caza son moi distintos dos da comercial:
- Asegurar que non aumenten seriamente os riscos de extinción.
- Permitir a captura a perpetuidade axeitada ás necesidades culturais e de nutrición.
- Manter poboacións con niveis de reprodución bioloxicamente sostíbeis