Nos últimos 24 anos, a urbanización na costa española medrou un 57 %. En 2013 aprobouse a nova Lei de Costas, pero non semella haber indicios de abandono da construción masiva nin do acoso aos derradeiros espazos virxes.
O problema
A burbulla inmobiliaria degradou o litoral español durante as dúas últimas décadas a un ritmo de dúas hectáreas diarias nos primeiros 500 metros de praia, área chave na protección ante riscos como inundacións, afección por tormentas e temporais.
E aínda que a crise económica detivo esta espiral de destrución, as políticas que se levaron a cabo nos últimos 4 anos fan pensar que estamos ante un novo rexurdimento do ladrillo na costa, que xa supuxo a perda dun 60 % da superficie de zonas húmidas costeiras e dun 70 % das lagoas costeiras e fixo que un 80 % das dunas estean en mal estado.
Á presión urbanística hai que engadirlle a contaminación e a construción masiva de infraestruturas -con respecto á que Greenpeace vén denunciando a lexislación en materia de verteduras, depuración e calidade das augas- como máximos inimigos da saúde do litoral e os seus Espazos Naturais Protexidos (ENP), que hai que protexer estritamente non só no seu interior, senón tamén no seu perímetro de seguridade, pola función amortecedora e de corredores biolóxicos que exercen.
Greenpeace sinala as zonas que poden sufrir nun futuro unha alta presión urbanizadora, xa que na actualidade ou ben son tramos de costa que non están protexidos ou ben atópanse preto de zonas xa urbanizadas e ben comunicadas a través de estradas. A costa de Águilas e Cabo de Cope (na Rexión de Murcia), as áreas adxacentes ao delta do Ebro (Tarragona), Barreiros (Lugo), o Cap de Creus (Girona), a costa oriental de Fuerteventura, a costa norte de Gran Canaria, Formentera, Fisterra ou o tramo entre Zumaia e Zarautz (Guipúscoa) son algúns exemplos deses tramos en perigo.
A solución
É preciso defender os Espazos Naturais Protexidos (ENP), tanto terrestres como mariños, posto que son chaves para deter o proceso de degradación da costa e asegurar a funcionalidade dos ecosistemas; especialmente cando os riscos ambientais asociados ao cambio climático poden afectar o noso litoral, cunha suba do nivel do mar que comportaría a desaparición de praias, a erosión de cantís e o risco de inundación en torrentes e zonas de cota baixa como os estuarios.
As administracións públicas deben velar pola seguridade destes espazos e asegurar os bens artificiais da costa, fomentando un turismo de calidade e un modelo económico de desenvolvemento local baseado en:
- Manter un litoral san e libre de ocupacións, especialmente nas zonas máis vulnerábeis a estes impactos.
- Non só protexer os ENP e deter as construcións sobre eles, senón tamén aumentalos, resaltando o seu valor e o alto risco que sofren.
- Esixir o cumprimento das sentenzas xudiciais e que, en concordancia coa lei, se desmantelen as construcións ilegais ou en completo desuso para restaurar o espazo que foi destruído.
- Que as áreas da Rede Natura 2000 da costa acaden un nivel de protección similar á superficie dos espazos protexidos polas Autonomías e/ou o Estado.
Que está a facer Greenpeace
Greenpeace denuncia a urbanización desmedida na costa e demanda as responsabilidades pertinentes entre as administracións públicas e o cumprimento das sentenzas xudiciais contra os excesos do urbanismo costeiro, así como o restablecemento do dano causado aos espazos naturais.
O informe Protección a toda costa destaca a necesidade urxente de protexer e manter o litoral e os seus espazos protexidos fronte ás presións duns intereses urbanísticos que comezan a rexurdir. Greenpeace pon énfase na creación de políticas que permitan salvagardar esas áreas costeiras de especial valor e o medio mariño, así como reafirmar ou implantar políticas e ferramentas de xestión eficiente no litoral e neses espazos protexidos.