A sobreexplotación da pesca industrial afecta ao 85 % dos peixes do Mar Mediterráneo e a case o 40 % das especies do Océano Atlántico
O problema
A explotación pesqueira está comprometendo a supervivencia de especies que son altamente vulnerábeis á presión da pesca e das que en moitas ocasións non hai evidencia do estado de conservación das súas poboacións. Debido á implacábel evolución da tecnoloxía, os nosos océanos están a ser alterados a grande escala e a unha velocidade sen precedentes.
Ademais, os gobernos favoreceron estas prácticas excesivas, que teñen un terríbel impacto ambiental e social. E con isto, abandonaron a pesca sostíbel —en moitos casos artesanal— que, malia representar un 77 % da frota e un 80 % da pesca continental, só recibiu un 20 % das cotas de pesca. Barcos monstruosos usan ecosondas potentes para arrasaren bancos enteiros de peixes e son tamén plantas procesadoras boiantes con enormes sistemas de conxelación e procesado de fariñas de peixe e con potentes motores similares aos dun avión para devastaren extensións do fondo mariño.
De feito, ao ritmo de captura actual, corremos o risco de perdermos moitas das especies que consumimos hoxe en día, xa que non permite a recuperación dos stocks de xeito natural. Pero non só iso: un tipo de pesca tan intrusiva e tan pouco selectiva tamén afecta a outras especies en perigo como tartarugas, quenllas ou golfiños e degrada os ecosistemas mariños, xerando un dano que pode ser irreversíbel para o equilibrio trófico mariño.
A crecente demanda mundial de peixe fixo que se disparen formas de explotación abusivas coa biodiversidade e co medio mariño, que non teñen en conta os impactos sobre os ecosistemas e sobre as comunidades locais que dependen deses recursos. Frotas pesqueiras diríxense a novas augas porque esgotaron os seus antigos caladoiros de pesca.
As poboacións dos principais depredadores están a desaparecer a un ritmo aterrecedor:
- Perdemos o 99 % das anguías europeas e o 95 % do atún vermello do Sur e do Pacífico.
- Os salmóns desapareceron de moitos ríos a ámbolos dous lados do Atlántico e figuran en numerosas listaxes de especies ameazadas.
- Aproximadamente un 80 % de todos os principais peixes depredadores desapareceron das zonas costeiras do Pacífico Norte e do Atlántico Norte.
A solución
Para que no futuro poidamos obter comida e ingresos, necesitamos uns océanos vivos e unha industria pesqueira sostíbel. Precisamos crear santuarios mariños para mellorarmos o estado de conservación do mar e as súas poboacións de peixes. Temos que mellorar enormemente o xeito en que pescamos e deixar de extraer os recursos máis rápido do que o océano é quen de repoñelos.
Só un modelo de pesca 100 % sostíbel garante un futuro con océanos cheos de peixes e emprego para as comunidades costeiras que dependen deles. E o cambio cara a ese modelo debe comezar cunha lexislación axeitada dende o Goberno.
Algunhas medidas de protección de ecosistemas mariños tomadas polo Estado español, como a declaración de Reservas Mariñas ou a protección de especies como a posidonia, foron moi positivas, se ben outros países, como Francia, Reino Unido ou Países Baixos, lévannos vantaxe en políticas de xestión pesqueira.
Malia que poida parecer un problema distante, isto aféctanos a todos. Pero hai moita falla de información da cidadanía sobre a orixe e a sustentabilidade do peixe, polo que esiximos aos gobernos que regulen mecanismos para garantir a trazabilidade e ofrecer ao consumidor a opción de mercar peixe sostíbel, en definitiva, a opción de poder escoller.
Que está a facer Greenpeace
Greenpeace quere transformar o sector e propón un modelo de pesca 100 % sostíbel social, ambiental e economicamente, baseado no apoio da pesca artesanal e na recuperación dos recursos pesqueiros.
Para conseguilo, Greenpeace traballa en:
- Apoio da pesca artesanal e sostíbel.
- Eliminación progresiva das artes de pesca destrutivas.
- Creación dun Tratado Internacional dos Océanos para protexer as augas internacionais.
- A creación de Santuarios mariños que regulen a pesca.
- Avance e conversión da pesca de altura cara á sustentabilidade.
- Limitación das explotacións de acuicultura.
- Medidas dirixidas á información e concienciación dos consumidores.
- Control da contaminación no medio mariño.
Este modelo garantiríanos un futuro con océanos ben conservados, máis zonas protexidas e uns stocks pesqueiros recuperados. Suporía tamén a creación de máis de 60.100 empregos netos e un aumento da produción en beneficios de 4.000 millóns de euros.