España é un dos países da Unión Europea máis afectados polos incendios forestais, un problema que ameaza con se intensificar debido aos efectos do cambio climático.
O problema
O lume é un elemento natural que o noso ecosistema precisa para a rexeneración de bosques e montes, pois proporciona estratexias de rebrote e xerminación tralo seu paso. Porén, deixou de ser unha perturbación natural que modela a paisaxe para se converter nunha terríbel ameaza que en máis dun 96 % dos incendios de causa coñecida en España está ocasionada polo ser humano.
A extinción non resolve o problema; cómpre investir en prevención. En 2017, o 63 % dos incendios producidos quedaron en menos dunha hectárea afectada. Isto débese a que a extinción dos incendios faise con éxito; porén, cada vez hai máis grandes lumes forestais (GLF), que calcinan áreas superiores a 500 hectáreas. Son incendios de altísima gravidade, con persoas falecidas, desaloxos masivos, perdas de bens e milleiros de hectáreas calcinadas. Son lumes de altísima gravidade, con persoas falecidas, desaloxamentos masivos e milleiros de hectáreas calcinadas. En menos incendios quéimanse máis hectáreas. Os 56 grandes lumes forestais de 2017 foron responsábeis da destrución de case un 55 % das hectáreas queimadas ese ano.
É fundamental actuar tanto sobre as causas que orixinan os lumes como sobre as que os espallan. Do contrario, independentemente de como se orixinase, haberá un incendio difícil de controlar.
O fenómeno dos incendios forestais converteuse nun dos meirandes problemas ambientais que sofren os nosos montes debido á elevada frecuencia e intensidade que adquiriu nas últimas décadas.
Estes incendios son a punta do iceberg da situación dos nosos bosques e do cambio climático. Son o resultado dun cóctel de causas:
- Cambio climático. As vagas de calor fan que o monte teña estrés hídrico e sexa máis vulnerábel aos incendios. O resultado é unha paisaxe seca, continuada e inflamábel. Un incendio nesta paisaxe, ao ter vexetación continuada, será rápido e devastador.
- Conversión en matogueiras das masas forestais, propia do éxodo do medio rural.
- Vivendas no monte (interface urbano-forestal). A xestión urbanística non tivo nin ten en conta o risco de incendio forestal, atopándose urbanizacións, vivendas e infraestruturas en zonas de alto risco que son indefendíbeis e que non están preparadas para previr nin mitigar os impactos dos incendios forestais. A poboación que vive no medio natural non ten percepción do risco e non coñece os seus deberes e responsabilidades en materia de prevención e autoprotección dos seus bens. Dáse prioridade a salvar casas baleiras e infraestruturas por riba do bosque, mesmo cando as persoas propietarias destes bens non elaboraron plans de autoprotección.
Ademais de España, outros países de clima mediterráneo como Portugal, Grecia, o sur de Francia ou Italia tamén os sofren especialmente. Malia ser un problema de primeira orde, non existe unha política forestal europea.
A solución
O problema dos incendios forestais é complexo, polo que as solucións deben apuntar cara a diferentes direccións. Hai que facer fronte ás causas para previr as consecuencias:
Para reducir a sinistralidade, é fundamental que a poboación tome conciencia do risco e extreme as precaucións e que se procuren alternativas ao uso do lume. Por outra banda, cómpre facer un meirande esforzo na persecución das persoas que queiman o monte.
Para facer fronte ás causas que propagan o lume, é imprescindíbel mellorar a xestión forestal e os plans preventivos.
Unha das actuacións máis efectivas que propoñemos é modificar a paisaxe que contorna as zonas forestais onde se insiren vivendas para dotala de condicións menos propicias para a propagación virulenta dun lume forestal, sempre tendo en conta o funcionamento dos ecosistemas e a necesidade de respectar a diversidade estrutural do bosque. Resulta fundamental desenvolver modelos silvícolas (é dicir, de xestión das masas forestais) que teñan en conta o cambio climático e que, ademais de imitar o máximo posíbel o funcionamento da natureza, favorezan a diversidade xenética e reduzan a densidade de arborado. Só deste xeito garantiremos poder dispor dunha contorna forestal sa, resistente non só aos lumes, senón tamén a outras ameazas como pragas ou doenzas.
A planificación urbanística ten que ter en conta o risco de incendio, de maneira que se limite certo tipo de urbanizacións que son moi vulnerábeis ao lume e que supoñen un risco para a poboación e para os nosos bosques.
Ademais, as administracións teñen que establecer campañas de extinción de incendios que non estean ligadas á época estival. Dese xeito, evitaríanse as decisións de última hora promovidas por unha meteoroloxía imprevisíbel e fomentaríase a estabilidade laboral no sector forestal, evitando que as contratacións se centren só nos meses de meirande risco de incendio. Os servizos operativos non son infindos nin omnipresentes e os incendios de alta intensidade supoñen riscos e perigos engadidos.
Que está a facer Greenpeace
Traballamos para incidir na necesidade de solucións ao risco de ignición e propagación afastadas das repetidas falsidades sobre piromanía e terrorismo ambiental. Enfocamos a realidade dos incendios forestais para xerar discursos que se traduzan en accións.
Vencellamos o éxodo rural coa nova era de incendios forestais. Greenpeace calculou catro millóns de hectáreas de cultivos abandonados que se transformaron en masas vulnerábeis que agravan o risco de lume forestal.
Consideramos que os lumes forestais, especialmente en áreas onde hai vivendas, son unha responsabilidade compartida entre os poderes públicos e a sociedade civil. Por isto, traballamos para pedir unha planificación dos incendios antes e durante a emerxencia (prevención, emerxencias e autoprotección), como marcan a Lei de Montes e a Directriz Básica de Planificación de Protección Civil de Emerxencia por Incendios Forestais. Por isto, demandamos:
- En prevención. Establecer plans preventivos en zonas de alto risco de incendio (zonas ZAR), tal e como marca a Lei de Montes. Só cinco comunidades teñen plans, pero son escasos e non se garante a súa implantación.
- En emerxencias. Establecer plans de emerxencia en zonas de risco, tal e como marca a Directriz Básica de Protección Civil. Actualmente, un 80 % dos concellos en zonas de risco non teñen plan de emerxencias.
- En autoprotección. Non se cumpre a Directriz Básica de Protección Civil que obriga as persoas propietarias das vivendas en zonas de risco a teren plans de autoprotección. Son practicamente simbólicos.
Tamén traballamos para promover un cambio de mentalidade de xeito que a poboación perciba o risco, asuma a súa responsabilidade e se organice para previr e mitigar os incendios.
Que podes facer ti?
Protéxete dos lumes. Se a túa casa está preto dunha masa forestal, coa nosa Calculadora de risco de incendios podes avaliar o risco e tomar medidas.
Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para seguirmos demandando ás administracións que tomen medidas para unha prevención efectiva dos grandes incendios forestais. Preme aquí para te unires a Greenpeace!</