O Bosque Boreal exténdese por todo o hemisferio norte, dende Alasca e Canadá ata Escandinavia e Rusia, formando unha verdadeira coroa forestal en torno ao planeta que xoga un papel fundamental na regulación do clima.
Un
50 %
dos mamíferos que viven no bosque boreal están en perigo
Os bosques de Canadá almacenan
186 millóns
de toneladas de carbono
Un
65 %
de todas as Paisaxes Forestais Intactas localízase en tan só tres países: Canadá, Rusia e Brasil
Primer plano de un puma Oso pardo en un bosque sueco. Colibrí de garganta roja en el bosque boreal canadiense Cría de zorro rojo en el bosque boreal canadiense

O problema

Os bosques boreais de Canadá son un dos ecosistemas máis vulnerábeis do planeta. Atópanse nunha zona especialmente sensíbel, onde os equilibrios climáticos, con longos e fríos invernos, son fundamentais para a súa subsistencia.

Unha parte desta enorme extensión de bosque boreal está formada por bosques aínda virxes, tamén chamados bosques primarios ou Paisaxes Forestais Intactas, situados en países como Estados Unidos (Alasca), Canadá, Suecia, Finlandia e Rusia. Son interminábeis extensións verdes onde predominan as coníferas, e son o fogar de especies ameazadas. Estes magníficos bosques xogan un papel fundamental no equilibrio do clima planetario, xa que capturan grandes cantidades de CO2.

A explotación forestal dos bosques boreais está agravando o quecemento global a través da emisión de gases de efecto invernadoiro e a redución do almacenamento de carbono, segundo o informe de Greenpeace. E esta degradación dos bosques boreais está principalmente producida pola talla industrial para alimentar a demanda de madeira e papel.

En Canadá, Resolute Forest Products, a meirande empresa papeleira deste país, está a devastar grandes extensións de bosque boreal para convertilas en papel sen a consulta e o consentimento previo das poboacións indíxenas que viven nestes bosques. A xestión forestal desta empresa non cumpre cuns mínimos principios de sustentabilidade. De seguir así, a biodiversidade dos bosques boreais canadenses degradarase e a función de almacén de carbono verase minguada, o que afectará tamén outras funcións dos ecosistemas.

Máis preto de nós, nos países nórdicos, a papeleira Essity, segundo produtor mundial de papel hixiénico e provedor de coñecidas marcas como Tempo, Lotus, Cushell ou Colhogar, está a destruir áreas críticas dos grandes bosques boreais do norte de Europa, fundamentalmente de Suecia, Finlandia e Rusia. En Finlandia, as fábricas que subministran a Essity mercan pasta de papel á empresa estatal Metsähallitus, que está a deforestar bosques maduros e a destruir o hábitat de especies protexidas da zona. Tamén denunciamos o provedor ruso de Essity, Arkhangelsk (APPM, polas súas siglas en inglés), que ten entre os seus plans tallar partes de bosque primario en Dvinsky, Rusia.

Vista aérea del Gran Bosque del Norte en Finlandia Pilas de troncos en el aserradero de madera de la empresa Eacom, en Canadá

A solución

Malia a gran variedade de ameazas que destrúen os bosques primarios, aínda hai tempo de reacción, pero é urxente tomar certas medidas para poder salvalos:

  • Protexer os bosques primarios boreais que quedan a través da declaración destas zonas como áreas protexidas, do cumprimento dos compromisos adquiridos nos acordos multilaterais e dunha mellor gobernación mundial que dea prioridade á conservación da biodiversidade e aos dereitos dos pobos indíxenas.
  • As empresas papeleiras deben implantar políticas para promoveren a responsabilidade empresarial en materia de medio ambiente, dereitos humanos, loita contra a corrupción, etc. que eviten a súa posíbel participación en proxectos que puideren ter un impacto negativo sobre estes ecosistemas.
  • A empresa papeleira Resolute debería levar a cabo unha xestión forestal certificada polo Consello de Administración Forestal (máis coñecido polas súas siglas en inglés, FSC) e que conte co consentimento previo e libre das comunidades indíxenas ou First Nations.
  • As grandes editoriais e grupos de comunicación deberían adoptar políticas de compra de papel que eviten a colaboración con prácticas forestais destrutivas e daniñas para os bosques primarios.
  • As administracións, a través da contratación pública, deben dar prioridade a aqueles produtos que non estean asociados á destrución dos bosques primarios nin á violación de dereitos humanos.
  • A cidadanía debe adoptar estilos de vida e consumo sostíbeis, non desbaldindo papel, reciclando posteriormente o papel utilizado e dando prioridade ao consumo de papel 100 % reciclado branqueado sen produtos clorados (co selo Anxo Azul).

Que está a facer Greenpeace

Investigamos a degradación e destrución do bosque boreal, en especial daquelas zonas virxes consideradas paisaxes forestais intactas.

Realizamos campañas para demandarmos a protección destas rexións de bosques virxes.

Reclamamos á industria papeleira, editorial, etc. que adopten políticas de subministro de madeira e papel acordes coa conservación destes bosques.

Defendemos tamén o dereito á liberdade de expresión para defendermos o medio ambiente, enfrontándonos coas empresas papeleiras que queren acalar a nosa voz.

A través da análise de imaxes de satélite, e xunto con outras ONG e institucións científicas, elaboramos mapas das paisaxes forestais intactas de todo o planeta, vemos a súa evolución e publicamos artigos científicos para a divulgación do valor destes interesantes ecosistemas. Podes ver máis información na web Intact Forest Landscapes.