O modelo de gandaría industrial só pon na balanza os beneficios económicos inmediatos, sen considerar os efectos a longo prazo sobre as persoas, a saúde pública, o medio ambiente ou o benestar animal.
Malia que moitas veces se anuncian como a súa salvación, as macrogranxas asfixian o medio rural porque a longo prazo destrúen emprego local e favorecen a despoboación. Ademais, o seu impacto ambiental é elevado.
Estas son as dez ameazas máis importantes da gandaría industrial:
#1
Quecemento global
A gandaría é responsábel dun 14,5 % da emisión mundial de gases de efecto invernadoiro. En España, segundo os últimos datos publicados, o sector agrícola emite xa un 14,1 % das emisións totais e foi case o único que en 2020 non diminuíu as súas emisións, sendo a gandaría a responsábel do 65 % destas emisións. Segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes, a gandaría industrial de porcino en España é a responsábel do 34 % das emisións de metano, un gas de efecto invernadoiro máis potente có CO2. Curiosamente, o vacún industrial está exento de declarar as súas emisións de metano.
#2
Perda de diversidade biolóxica e contaminación da auga
A inxente cantidade de pensos e pastos necesarios para alimentar a produción industrial de carne son un dos principais factores de deforestación mundial e de cambio de usos do terreo. Un 80 % da superficie agrícola mundial xa se destina a producir alimentos para animais en troques de para consumo humano directo. Por outra banda, a sobrefertilización na agricultura industrial leva mesmo á aparición de “zonas mortas” nos océanos e á contaminación dos acuíferos; por este motivo, a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra España. Moitos pobos mesmo fican sen auga potábel por este motivo. A isto habería que engadir os praguicidas e fertilizantes químicos que se utilizan para producir os pensos.
#3
Emisións de amoníaco
A gandaría industrial é a principal e case única emisora de amoníaco en España e na UE. En España, o 94 % das emisións de amoníaco son xeradas pola gandaría industrial, o 73 % polo porcino industrial e o 21 % polo sector avícola. España vén incumprindo o limiar de emisións de amoníaco dende que se estableceu en 2010.
#4
Impacto paisaxístico e destrución de hábitats
As macrogranxas implican unha ocupación territorial importante. Ademais das instalacións, en España o 66 % da superficie cultivada xa se destina a producir alimentos para animais, non para persoas. Como exemplo, as instalacións da macrogranxa proxectada en Noviercas (Soria), onde se pretenden explotar 23.520 vacas para producir leite, ocuparían o equivalente a 120 campos de fútbol aproximadamente. De se facer, esta sería a meirande macrogranxa de vacas de Europa e estaría entre as cinco meirandes do mundo.
#5
Impacto na nosa saúde
O excesivo consumo de carne está asociado co sobrepeso, obesidade, cáncer, diabetes tipo II e doenzas cardiovasculares. É fundamental adoptar unha dieta de saúde planetaria.
#6
Resistencia aos antibióticos
7
Seguridade alimentaria e pandemias
As grandes e recentes crises de seguridade alimentaria no mundo veñen da man da gandaría industrial: vacas tolas, gripe aviar, gripe porcina, salmonela, listeria… Por outra banda, pandemias como a da COVID19 están intimamente relacionadas coa destrución dos hábitats.
#8
Sufrimento animal
Na gandaría industrial, os animais son tratados coma máquinas de producir cartos. As condicións nas que viven quedan relegadas ao beneficio económico. En España, en 2020 sacrificáronse máis de 910 millóns de animais para consumo humano, 1.700 cada minuto.
#9
Escaseza de auga
A agricultura industrial usa enormes cantidades de auga, e gran parte destínase a producir alimentos para animais. En España, Greenpeace estimou que a gandaría utiliza nun ano o equivalente ao consumo de todos os fogares en 21 anos. Un exemplo: a macrogranxa de Caparroso, denunciada reiteradamente por Greenpeace, ademais de estar a contaminar os acuíferos coa ampliación para explotar 7.200 vacas, consumirá tanta auga coma todas as persoas dos pobos máis próximos: Caparroso, Marcilla e Villafranca.
#10
Perda de empregos e máis concentración no sector
Unha macrogranxa xera menos emprego cá gandaría extensiva e ecolóxica, pois todo está moito máis automatizado. Ademais, supón unha ameaza para as pequenas e medianas granxas da zona. En España, entre 2004 e 2016, reduciuse nun 27 % o número total de explotacións agrícolas, desaparecendo totalmente as granxas máis pequenas e incrementándose nun 96 % o número das máis grandes (cunha produción económica de 500.000€ ou máis).
Que podes facer ti
Pide ás administracións que deixen de apoiar a gandaría industrial.
Asina contra a gandaría industrial
Actúa co teu consumo! A dieta é unha das mellores e máis sinxelas ferramentas que temos para contribuírmos positivamente a salvar o planeta e a mellorar a nosa saúde. Aquí propoñémosche algunhas ideas para unha dieta máis saudábel para ti e para o planeta.
Súmate a Greenpeace! Sé parte da nosa organización para esixir a gobernos e empresas que fomenten unha gandaría extensiva e ecolóxica, que teña en conta o benestar animal e a nosa saúde. Preme aquí para te unires a Greenpeace!