Sabías que podes cambiar o teu consumo cara un máis respectuoso co medio ambiente e os dereitos humanos, como xeito de protexeres a biodiversidade e loitares contra o cambio climático?
En 2050
9.600 millóns
de persoas habitarán o planeta
Hoxe en día, extráese e emprégase arredor dun
50 %
máis de recursos naturais que hai 30 anos.
Na UE consúmense máis de
100.000 millóns
de bolsas de plástico e recíclase só un 7 %

O problema

O consumo de produtos, servizos e bens é un feito habitual. Pero a nosa sociedade está envolta, máis que no consumo, no “consumismo” ou sobreconsumo, que nos empurra a adquirirmos máis e máis cousas. Esta tendencia, da que depende en gran medida o actual sistema económico, ten graves consecuencias para a saúde do planeta e para a nosa.

Greenpeace foi parte activa de numerosas batallas ambientais na defensa dos límites planetarios. Cada vez son máis evidentes os impactos debidos ao cambio climático e a perda de biodiversidade, e o consumo aparece como un elemento recorrente na crise actual. Existe a necesidade urxente de cambiarmos o xeito no que consumimos.

En ocasións somos parte da problemática causada polo consumismo, por carecermos da información necesaria para sermos capaces de sopesar os impactos que o noso consumo ten no medio ambiente. Plásticos, consumo de alimentos, a roupa que vestimos, o uso da tecnoloxía ou o noso xeito de desprazármonos. Todas son pezas que suman dentro dun consumismo que está a degradar o medio natural.

O resultado está á vista. Na UE e en España, case o 40 % dos plásticos que se producen son envases, na súa meirande parte dun só uso: bolsas, botellas, envoltorios, vasos… dos que só se recicla o 30 %, cifra que non ten en conta os que se abandonan directamente no medio ambiente. O resultado é que, a nivel global, ata 12 millóns de toneladas de plástico chegan aos océanos, e observáronse xa máis de 1.300 especies mariñas afectadas.

O consumo de alimentos procedentes da agricultura e gandería industrial tamén ten graves implicacións. A gandería é a responsábel da emisión do 14 % dos Gases de Efecto Invernadoiro. Ademais, o modelo de gandería industrial réxese pola obtención de beneficios rápidos, o que tamén significa cortar bosques para producir pensos e pastos para engordar rapidamente o gando. Estímase que o consumo mundial de carne aumente en máis dun 75 % en 2050, unhas cifras insostíbeis para o planeta. Ao mesmo tempo, o consumo de peixe está medrando a un ritmo superior á taxa de poboación mundial. Os océanos continúan a ser explotados de forma desenfreada e os stocks pesqueiros atópanse baixo unha enorme presión. Ante esta crise, cada vez son máis as persoas interesadas en demandaren que o peixe que mercan sexa sostíbel e que non estea involucrado en actividades ilegais.

Tamén teñen graves efectos sobre o planeta as prácticas levadas a cabo pola industria tecnolóxica que, coa súa obsolescencia programada, promove a substitución fronte á reparación, ocasionando o esgotamento dos recursos naturais e toneladas de residuos perigosos.

O impacto da roupa coa que nos vestimos a diario na saúde do planeta é cada vez maior. Cada ano fabrícanse cen mil millóns de prendas de roupa. De media, cada persoa merca un 60 % más de artigos de vestir que hai 15 anos e consérvaos a metade de tempo. A moda rápida ou “fast fashion” converteu a roupa en obxectos de usar e tirar, xerando un grave problema de uso de materias primas e de xeración de residuos.

As gadoupas do consumismo atacan todos os eidos e sectores, dende o papel aos cosméticos, pasando pola industria alimentaria, con graves consecuencias para, por exemplo, os “pulmóns” do planeta: as selvas tropicais de Indonesia, a Amazonía ou os bosques boreais, que están a ser arrasados para a produción papeleira, de soia, aceite de palma, panos ou papel hixiénico; por isto, é crucial contrarrestarmos esta destrución cunha mentalidade sostíbel, libre do consumo de produtos procedentes das industrias que acaban co patrimonio natural mundial, rexional e local.

Excavadoras recogiendo basura en Indonesia Una tortuga se aproxima a una bolsa de plástico en el Mediterráneo Cerdos rodeados de tierra y excrementos en una macrogranja de Alemania Una variedad de smartphones con la pantalla rota

A solución

O ser humano precisará tres planetas para abastecer o ritmo actual de consumo, sobre todo porque se prevé un crecemento demográfico para 2050 que nos situará en 9.600 millóns de persoas. Simplemente, non é posíbel soportar este nivel de produción e consumo nin a súa contaminación asociada, porque vivimos nun planeta con recursos finitos. Por isto, temos que cambiar os nosos patróns de consumo para revertermos hábitos non axeitados e pouco sostíbeis.

As cifras falan por si mesmas. O uso medio dunha bolsa de plástico é de 15 minutos, mentres que tarda centos de anos en degradarse, e así pasa con case todos os produtos dun só uso, como as bolsas, as botellas ou as pallas para beber. Non só se trata de reutilizar e reciclar, senón de reducir o seu consumo e buscar alternativas. Unha bolsa de tea ou unha botella para reencher son alternativas para evitarmos estes plásticos dun só uso. Os Gobernos e as empresas tamén teñen que liderar unha eliminación deste tipo de envases, promover o sistema de retorno de envases e tomar iniciativas valentes que eviten a xeración deste tipo de residuos en primeiro lugar.

O consumo de alimentos, entre eles a carne, aumentou a gandería industrial, convertendo o noso país no terceiro meirande exportador de porcino do mundo. O crecente aumento de instalacións industriais non é unha boa nova. Hai que potenciar e premiar as iniciativas ecolóxicas e/ou locais e unha dieta mediterránea que reduza o consumo de carne e aposte por unha calidade superior. Co peixe, o que cómpre facer é apostar por un peixe sostíbel, local e de tempada e mirar ben as etiquetas, que deben ser claras e darnos toda a información necesaria sobre como e onde se pescou. Os Gobernos deben apostar por unha pesca sostíbel como futuro para os océanos e para as comunidades pesqueiras.

Temos que deixar de mercar compulsivamente e abandonar o modelo de roupa de usar e tirar. Se conservas a túa roupa un ou dous anos, estarás reducindo as túas emisións de CO2 nun 24 %. Non só aforraremos cartos, tamén auga e materias primas. Estaremos evitando que os produtos químicos e os pesticidas danen os ríos, o solo e a vida silvestre e recortando o uso de combustíbeis fósiles e a carga da industria téxtil no planeta.

Deseños lonxe da posibilidade de reparación, baterías non substituíbeis, ferramentas non estándares ou imposibilidade de acceder a manuais de reparación ou pezas de recambio son as dificultades que atopa a miúdo o consumidor e as bases sobre as que Greenpeace demanda ao sector das tecnoloxías o deseño de produtos que poidan ser reparados ou actualizados con máis facilidade e que ofrezan un soporte posvenda axeitado.

Que está a facer Greenpeace

O consumismo é o eixo de moitas das nosas campañas; sen el, a presión e degradación sobre os espazos naturais terrestres e oceánicos non sería igual, nin as emisións terían unha magnitude tan dramática, nin as abellas e outros polinizadores estarían en declive, nin industrias como a téxtil ou a papeleira usarían substancias tóxicas que atacan a saúde das persoas e dos ecosistemas.

Greenpeace identifica os actores e as cifras do desastre natural que acompaña o consumismo, alertando dos seus perigos. Traballa cos gobernos e coa sociedade para fomentar políticas de reparabilidade e de xestión de residuos, coas empresas produtoras, co sector da pesca artesanal e da gandería ecolóxica e coas persoas, propoñendo solucións para todos.