A seca é unha ameaza constante e cada vez máis frecuente. Como consecuencia do cambio climático, a dispoñibilidade de auga está a se reducir; e a pouca que temos, maltratámola.

Un
75 % do noso territorio
é susceptíbel de sufrir desertización.
En España podería haber ata
1 millón de pozos ilegais
subtraendo auga dos nosos acuíferos.
A contaminación por nitratos afecta xa un
50 % das nosas aguas superficiais
e a súa calidade.
pozos ilegalespozos ilegais seca problemas

O problema

A península ibérica sufriu episodios de seca durante milleiros de anos. Trátase dun fenómeno meteorolóxico habitual debido á nosa situación xeográfica. Porén, a emerxencia climática está a agravar este proceso, xa que fai que los períodos sen precipitacións sexan cada vez máis intensos e duradeiros.

Súmate! Esixamos xustiza ante a emerxencia climática

A isto únese unha pésima xestión dos nosos recursos hídricos. Estamos a consumir unha cantidade de auga moi superior ao que podemos permitirnos como país mediterráneo. E este consumo desmedido non se produce necesariamente nos fogares, senón en sectores como a agricultura e gandaría industriais.

Os enormes campos de cultivo intensivo que se estenden por algunhas zonas do país utilizan e contaminan cantidades inxentes de auga. A maiores, arredor de moitos deles proliferan os pozos ilegais, cos que se subtrae auga dos nosos acuíferos. Algo semellante pasa coa gandaría industrial, cuxa produción inxente de zurros contamina as augas próximas, facéndoas mesmo perigosas para o consumo humano. E mención á marxe merecen os absurdos proxectos de lecer como praias artificiais ou campos de golf en zonas claramente afectadas pola escaseza de auga.

A intensificación dos episodios de seca son preocupantes polo impacto que teñen na nosa economía e na nosa poboación. Porén, non podemos esquecer o impacto que a escaseza de auga ten sobre o noso medio ambiente, especialmente se tomamos en conta o crecente risco de desertización ao que nos expón o cambio climático.

A solución

Ante o problema da intensificación da seca en España, a solución pasa por tomarmos medidas de mitigación fronte ás consecuencias da escaseza da auga. En definitiva, preparármonos para o que está por vir. Estas son algunhas das decisións que deberían tomarse:

  • Frear o crecemento das demandas de auga (regadío, industrial e de lecer), de xeito que se adapten á redución de caudais dispoñíbeis como consecuencia dos efectos do cambio climático.
  • Deixar a un lado a política hidráulica tradicional baseada en grandes transvasamentos e obras hidráulicas.
  • Loitar contra as causas da grave contaminación que sofren as nosas augas continentais (superficiais, subterráneas e costeiras).
  • Establecer unha folla de ruta para incrementar a superficie dedicada á agricultura ecolóxica e o uso de variedades locais adaptadas ao clima.
  • Reconversión do regadío intensivo e superintensivo a explotacións sostíbeis, diversificadas e de baixo consumo de auga.
  • Prohibir os novos proxectos de gandaría industrial e apoiar a producción extensiva, local, de calidade e ecolóxica.
  • Pechar os máis dun millón de pozos ilegais repartidos por toda a xeografía.
  • Adaptar as políticas forestais ás necesidades do país máis árido de Europa.
  • Pór freo ás instalacións de lecer moi demandantes de auga (campos de golf, parques temáticos…), sobre todo cando se atopen preto de espazos protexidos ou costas.
acción sequía

Que está a facer Greenpeace

En Greenpeace levamos anos a alertar da necesidade de adaptarmos o noso consumo de auga á meteoroloxía dun país mediterráneo, especialmente ante a intensificación dos episodios de seca que traerá o cambio climático.

O noso traballo de denuncia pretende facer presión sobre as administracións competentes para que promovan unha xestión eficiente dos nosos recursos hídricos dunha vez por todas, así como para que persigan os delitos relacionados co roubo e a contaminación da auga.

Que podes facer ti

Actúa co teu consumo! Sé responsábel co consumo individual de auga no teu día a día: duchas máis curtas, billas pechadas mentres lavas mans e dentes, uso correcto dos electrodomésticos, etc. Evita tamén os produtos procedentes da agricultura e da gandaría industriais, actividades que consumen cantidades excesivas de auga. Consume produtos de proximidade e de tempada e, se podes, que sexan de agricultura e gandaría ecolóxicas.

Súmate a Greenpeace! Sé parte da nosa organización para esixir medidas urxentes fronte á crecente escaseza de auga, unha das principais consecuencias cambio climático no noso país. Preme aquí para te unires a Greenpeace!

Contido relacionado