As macrogranxas son o máximo expoñente da gandaría industrial, un modelo que causa cambio climático, contaminación da auga, maltrato animal e moito máis.

 

Non hai unha definición oficial de macrogranxa pero, segundo a normativa, considéranse complexos gandeiros industriais as explotacións que, entre outras cousas:

Dispoñan de máis de
40.000 prazas
para aves de curral
Dispoñan de máis de
2.000 prazas
para porcos de cría (de máis de 30 kg)
Superen a emisión de
100 toneladas
de metano ao ano

Porén, en Greenpeace pensamos que estes números simplifican moito a realidade e, ademais, non inclúen as explotacións de vacún. Por outra banda, a normativa está agora mesmo en revisión e existe unha proposta para rebaixar moitísimo estes números e finalmente incluír as explotacións de vacún. Pero a cuestión non é tanto cantos animais (que tamén), senón como se crían estes animais.

O problema

As macrogranxas son o expoñente máximo da gandaría industrial. Son instalacións moi mecanizadas cunha gran capacidade de produción nun espazo reducido para o número de animais que acolle. É unha gandaría sen terra, altamente dependente de subministracións externas (auga e pensos) e que xera moitas emisións e refugallos. Nestas instalacións industriais, os animais non saen ao campo e pasan a súa vida pechados e amoreados. Son auténticas fábricas de carne, leite e ovos, pero tamén de cambio climático, contaminación e sufrimento.

O obxectivo das macrogranxas é claro: obter a meirande produción de carne, leite e ovos ao máis baixo custo e no menor tempo posíbel. Para isto, meten unha cantidade inxente de animais nun espazo pequeno, aliméntanos en gran medida con produtos que veñen de fóra –en moitos casos asociados á deforestación e aos transxénicos– e utilizan todo tipo de técnicas para maximizar beneficios. Mentres tanto, as nefastas consecuencias das macrogranxas expándense:

  1. Contaminación da auga por nitratos. Un 22 % das nosas augas superficiais e un 23 % das subterráneas presentan contaminación por nitratos, procedentes principalmente da agricultura e gandaría industriais. Ao xeraren unha inxente cantidade de excrementos, as macrogranxas converten os campos agrícolas das inmediacións en auténticos vertedoiros destes refugos. Os excrementos dos animais son un excelente abono para os cultivos, pero en grandes cantidades convértense nun veleno. Segundo a Comisión Europea, na UE a gandaría é responsábel do 81 % das achegas de nitróxeno aos acuíferos.
  2. Cambio climático. O sector agrícola foi o único sector que incrementou as súas emisións de gases de efecto invernadoiro en 2020 (últimos datos dispoñíbeis do MITERD) e en gran medida débese ás emisións provenientes da gandaría, sendo as emisións de metano –o segundo gas de efecto invernadoiro con máis emisións en España– unha clara demostración da contribución da gandaría á crise climática: o sector agrícola é o responsábel do 63 % das emisións totais de metano, un 98 % das cales corresponde á gandaría.
  3. Contaminación do ar. A gandaría industrial é responsábel dun 94 % das emisións declaradas de amoníaco en 2020 (últimos datos do PRTR): 69 % do porcino e 25 % da avicultura. Curiosa e inexplicabelmente, o vacún está exento de declarar as súas emisións. España incumpre o límite de emisións imposto pola UE dende que se estableceu en 2010.
  4. Sufrimento animal. Os animais nas macrogranxas atópanse confinados e aliméntanse de forma permanente dentro de instalacións baixo condicións estritamente controladas polos seres humanos para que engorden o máis rapidamente posíbel ou, por exemplo, no caso dalgunhas explotacións, aínda que poidan saír ao exterior, non teñen acceso a pastos ou a un espazo suficiente para expresar as condutas propias da súa especie.
  5. Efectos na nosa saúde. Ademais das consecuencias negativas que ten comer carne en exceso, as macrogranxas supoñen outros perigos para a nosa saúde debido ás prácticas que empregan. O uso abusivo de antibióticos nos animais contribúe significativamente ao desenvolvemento de resistencias a estes medicamentos nas persoas e España é o país de Europa que máis os utiliza na gandaría. Tamén as elevadas emisións de amoníaco destas instalacións (ademais dos nitratos na auga) supoñen un grave perigo para a poboación.
  6. Perda de biodiversidade. Un 80 % da superficie agrícola mundial xa se destina a producir alimentos para animais en troques de para as persoas (en España a cifra é do 66 %). A produción de pensos para a gandaría industrial está deforestando os máis prezados bosques do planeta, como a Amazonia. Ademais, a contaminación da auga derivada deste modelo está a acabar con ecosistemas únicos, cuestión pola que España foi sancionada pola Comisión Europea en varias ocasións.

A solución

Non podemos permitir que exista un modelo como o das macrogranxas. A súa prohibición debería ser unha prioridade para o Goberno e restantes administracións con competencia nesta materia. Urxe a posta en marcha dunha moratoria que impida a creación de calquera outro novo proxecto de macrogranxas ou a ampliación dos existentes. Tamén é necesario reducir o número de animais en intensivo e promover unha transición xusta para as explotacións que se atopan operativas.

Asina e esixe o peche das macrogranxas

As macrogranxas só teñen aspectos negativos. Nin sequera serven para crear emprego e fixar poboación na España baleira, como algunhas persoas queren facer pensar. A automatización dos procesos de produción fai que a gandaría industrial xere menos emprego que a extensiva.
É vital tamén fomentar a agroecoloxía e a gandaría ecolóxica e adoptar a “dieta de saúde planetaria”, unha pauta alimentaria onde predominan os alimentos de orixe vexetal e que de forma opcional e ocasional pode complementarse cunha cantidade reducida de alimentos de orixe animal.

Case 500.000 persoas asinaron para pedir a prohibición das macrogranxas.

Que está a facer Greenpeace

En Greenpeace sinalamos as consecuencias que están a ter as macrogranxas que xa existen, como a de Caparroso, en Navarra. E denunciamos as intencións de construír macrogranxas moito meirandes, como a de Noviercas, en Soria. Tamén sinalamos as macrogranxas máis contaminantes de España, como a de CEFUSA (Grupo Fuertes/El Pozo) en Castilléjar, en Granada.
Promovemos a creación dunha Rede Cidadá de Vixilancia da Contaminación da Auga por Nitratos para medir a contaminación por nitratos en todo o territorio. E estamos a facer presión para que a administración adopte medidas realmente eficaces.

Que podes facer ti

Actúa co teu consumo! Reduce o teu consumo semanal de carne a uns 300 gr e de leite a uns 1.750 gr; isto contribuirá a debilitar o modelo de gandaría industrial en prol doutro máis sostíbel no planeta.
Únete a Greenpeace! Asina a nosa petición para esixir o peche das macrogranxas ou forma parte da nosa organización para esixir a gobernos e empresas que fomenten unha gandaría extensiva e ecolóxica, que teña en conta o benestar animal e a nosa saúde.