O glifosato é un herbicida que foi clasificado pola Organización Mundial da Saúde como “probabelmente canceríxeno para os seres humanos”

En decembro de 2022 finaliza a autorización de venda na UE. Non podemos permitir que se re-autorice!

Dende 2017, en España reduciuse á metade o número de produtos autorizados, pero aínda hai máis de
50 produtos
autorizados para a agricultura, silvicultura, xardinería e aplicación doméstica que conteñen glifosato
En EE. UU. presentáronse arredor de
125.000 demandas
polos supostos efectos canceríxenos do glifosato. Bayer aceptou pagar case 11.000 millóns de dólares en indemnizacións para rematar co proceso
O glifosato comercializouse por primeira vez na década de
1970 por Monsanto co nome de Roundup
e dende entón, milleiros de toneladas de glifosato envelenaron terras e augas de todo o mundo
Primer plano de una mazorca de maíz Hierba resistente al glifosato Una granja en Estados Unidos

O problema

Millóns de hectáreas de terras de cultivo, parques e ata beirarrúas son asperxidas con glifosato cada ano en todo o mundo. Cando se usa en agricultura, este composto penetra no solo, fíltrase á auga e os seus residuos permanecen nos cultivos: está no que comemos, na auga que bebemos e nos nosos corpos.

Dende hai décadas véñense denunciando os potenciais efectos daniños do glifosato para a saúde humana, pero nunca se chegaron a tomar medidas amplas. En 2015, a Organización Mundial da Saúde (OMS) clasificou o glifosato como “probabelmente canceríxeno para os seres humanos”, baseándose en fortes evidencias de que é canceríxeno para os animais. Tamén se sospeita que actúa como un disruptor endócrino e que é tóxico para a reprodución.

Entre os principais grupos de risco e máis vulnerábeis atópanse as persoas que se dedican á agricultura, as súas familias, fetos, bebés e a infancia. Para aquelas persoas que non nos atopamos nestes grupos, a alimentación é a principal vía de exposición aos praguicidas e, por tanto, ao glifosato.

Ademais de sobre a nosa saúde, o uso do glifosato ten graves impactos sobre o medio ambiente, pois contamina os solos e a auga e afecta a outros seres vivos (organismos acuáticos, dende algas microscópicas ata peixes e moluscos, pasando tamén polas ras e os seus cágados, e organismos do solo como as miñocas, fundamentais para manter e incrementar a fertilidade do solo).

Finalmente, o uso do glifosato tamén reduce a diversidade e cantidade de especies vexetais e por isto pode afectar a seres vivos cruciais para a agricultura, como son os polinizadores.

A solución

Malia que a industria química, coas súas agresivas campañas de marketing, quixo convencernos de que hoxe en día non é posíbel manter a agricultura sen recorrer a fertilizantes e praguicidas, a agricultura ecolóxica amosa cada día que non só é a mellor opción para protexer a nosa saúde e o medio ambiente, senón que é capaz de alimentar o planeta se se fan os investimentos axeitados e é unha fonte imparábel de emprego verde.

Na agricultura, silvicultura e xardinería ecolóxicas utilízanse moitas técnicas para controlar as plantas espontáneas. Entre elas, o incremento da diversidade de cultivos, a rotación de cultivos, a eliminación manual e mecánica, os acolchados ou o pastoreo. E cando están nos lindeiros dos cultivos son mesmo beneficiosas, pois constitúen unha fonte de alimento diverso para as especies polinizadoras como as abellas e un refuxio para especies que axudan a controlar as potenciais pragas de insectos que afectan os propios cultivos.

No modelo de agricultura ecolóxica promóvese o equilibrio ecolóxico baseado na biodiversidade, sendo a única forma de garantir alimentos sans para hoxe e tamén no futuro.

Que está a facer Greenpeace

Greenpeace traballa para conseguir a prohibición do glifosato, xa que a exposición a esta substancia se relacionou co cancro en humanos e coa degradación dos ecosistemas. Entre outras cousas, participou activamente na Iniciativa Cidadá Europea que, nun tempo récord de cinco meses, recolleu máis dun millón de sinaturas de persoas que pediron a prohibición do uso do glifosato na UE.

En 2017, logramos que o glifosato só se autorizase por cinco anos en troques dos 15 que permite a lexislación europea e que esixía a industria. Polo tanto, en decembro de 2022, cando caduca a actual autorización, temos unha nova oportunidade para librar a UE deste veleno.

Greenpeace tamén traballou activamente para que moitos concellos de España deixasen de empregar glifosato e conseguiu que máis de 150 organizacións asinasen unha carta aberta para o Goberno español pedindo que apoiara a prohibición deste perigoso herbicida.

Que podes facer ti

Actúa co teu consumo! A dieta é, sen dúbida, unha das mellores ferramentas, e ao alcance de todas as persoas, que temos para contribuír positivamente a salvar o planeta e a mellorar a nosa saúde. Aquí dámosche algunhas ideas para consumires alimentos máis saudábeis e respectuosos co planeta.

Súmate a Greenpeace! Sé parte da nosa organización para esixir a gobernos e empresas que actúen contra o uso de praguicidas coma o glifosato.Onde unha persoa non chega, un colectivo si. Preme aquí para te unires a Greenpeace!