Sabías que (malia a presión da industria) a superficie cultivada con transxénicos en España vén baixando dende hai catro anos?

Na UE, xa só se cultivan en España e Portugal.
Menos de
100.000 hectáreas!
A superficie cultivada segue a diminuír e, en 2020, en España volveu aos niveis de 2011.
17 países
prohibiron o cultivo de transxénicos na Unión Europea.

O problema

Un transxénico ou Organismo Modificado Xeneticamente (OMX) é un organismo vivo que foi creado artificialmente manipulando os seus xenes. Esta rama da biotecnoloxía permite franquear as barreiras interespecíficas e crear seres vivos que non poderían aparecer na natureza. Cos novos transxénicos, a través da edición xenética é tamén posíbel modificar directamente o material xenético dun ser vivo.

Tras máis de 30 anos no mercado, segue sen haber estudos a longo prazo que demostren a súa seguridade para os seres humanos. Máis de 300 científicos independentes asinaron un manifesto internacional afirmando que non existe un consenso científico sobre a súa seguridade.

Os riscos ambientais dos transxénicos están amplamente demostrados. Ademais, non é certo que sexan a solución á fame, pois a inmensa maioría dos cultivos transxénicos alimentarios se destina a pensos que engordan animais explotados na gandaría industrial para que nos países enriquecidos poidamos dispor de carne barata.

A coexistencia entre cultivos transxénicos e cultivos convencionais e ecolóxicos é imposíbel: a contaminación xenética é inevitábel. Tanto é así que, ante a prohibición por parte de 17 países da UE de que se cultiven nos seus territorios, España, como país produtor, tivo que aprobar unha regulamentación para evitar a contaminación transfronteiriza (APA/1083/2018).

Segundo os datos estimados da superficie cultivada con transxénicos, o 96 % dos cultivos transxénicos na UE atópanse en España e o restante 4 %, en Portugal. En España, a superficie cultivada vén baixando dende 2016 e en Portugal constátase un claro retroceso dende 2012 (a superficie diminuíu en máis dun 50 %). A propia administración amósase opaca nas cifras de cultivo transxénico: o Goberno segue a ofrecer unicamente estimacións baseadas nos datos de venda de sementes subministrados pola industria, cando xa se viu que a superficie real é inferior ás estimacións.

Hai quen xustifica todo isto a prol de “poñer fin á fame” no planeta, pero a realidade é que os cultivos modificados xeneticamente non alimentan o mundo: o 99 % dos agricultores non os cultivan, o 97 % da superficie agrícola mundial segue libre deles e a inmensa maioría da produción destínase a alimentar animais ou a producir biocombustíbeis.

Os cultivos transxénicos son o máximo expoñente do modelo de agricultura industrial: nin son necesarios nin son a solución dos problemas que prometían resolver. Non só iso: algúns problemas mesmo se agravaron, como o uso masivo de herbicidas como o glifosato e a conseguinte resistencia das prantas adventicias a estes produtos.

Campo de maíz transgénico señalado por activistas de Greenpeace. Campo de maíz señalado con letreros de signos de interrogación

A solución

Actualmente, na UE só está autorizado un cultivo transxénico, o millo insecticida de Monsanto coñecido como MON810.

Malia que o cultivo de transxénicos está autorizado dende 1998 na UE, só dous países cultivan este millo (España e Portugal) e só en España a unha escala importante. Mesmo o principal produtor europeo de millo, Francia, prohibiu o seu cultivo, igual ca outros 17 países e catro rexións doutros dous países: Alemaña, Austria, Bulgaria, Croacia, Chipre, Dinamarca, Eslovenia, Francia, Grecia, Hungría, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos e Polonia, Valonia (Bélxica) e Gales, Escocia e Irlanda do Norte (Reino Unido).

Construírmos un movemento de resistencia fronte á expansión dos cultivos transxénicos é fundamental. En España son moitos os concellos que xa se declararon libres de transxénicos e cinco comunidades autónomas mantéñense libres do cultivo de millo transxénico. Mesmo en Castela e León, onde máis millo se produce de toda España, apenas se cultiva millo transxénico (unhas 300 hectáreas en 2020).

O veto a estes cultivos é unha resposta a curto e medio prazo, pero a única solución de futuro é a aposta decidida pola agricultura ecolóxica. Canto máis se amplíe a superficie cultivada con cultivos ecolóxicos como resposta á crecente demanda destes produtos e as novas esixencias da UE para acadar un 25 % de superficie de agricultura ecolóxica para 2030, menor será a posibilidade de que se implanten os cultivos transxénicos.

Por outra banda, en tanto se permita o cultivo de transxénicos en España, o Ministerio debe garantir que a información sexa fiábel e transparente.

Que está a facer Greenpeace

Greenpeace leva anos informando sobre os problemas asociados á liberación de cultivos transxénicos no medio ambiente e denunciando como afectan un sistema agroalimentario xusto e sostíbel e, en particular, a agricultura ecolóxica. Ademais, o traballo a nivel europeo conseguiu que só exista un cultivo autorizado e que só España, lamentabelmente, o utilice de xeito significativo.

Ademais, vimos esixindo que, en tanto se cultiven en España, se ofreza unha información fiábel á cidadanía. As estimacións ofrecidas polo Ministerio de Agricultura só parecen querer lexitimar as afirmacións da industria de que o cultivo en España é todo un éxito.

Por outra banda, vimos traballando activamente para que os novos transxénicos creados mediante edición xenética estean baixo a lexislación europea de transxénicos, algo que a industria non quere para así poder evitar os controis existentes.

Greenpeace anima a todos os gobernos autonómicos, concellos e cidades a que se declaren libres de cultivos transxénicos e a que aposten decididamente pola agricultura ecolóxica.

Que podes facer ti

Podes actuar co teu consumo! O xeito no que consumimos ten un impacto directo no mundo rural e na biodiversidade. Sempre que che for posíbel, consume produtos locais, ecolóxicos e de tempada, a ser posíbel procedente de pequenos produtores. Se queres saber máis, invitámoste a consultar esta información sobre alimentación sostíbel.

Apoia os movementos locais! Procura pola túa zona entidades e plataformas que traballen neste sentido e suma a túa forza e enerxía; podes anotarte nos nosos grupos de voluntariado.

Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para esixir políticas valorosas que poñan as persoas e a natureza no centro. Únete a Greenpeace!