Non podemos loitar contra a crise climática e a perda de biodiversidade sen un medio rural vivo e sostíbel. Necesitamos fortalecer a España baleirada para facermos fronte ao que está por vir.

Os municipios rurais contribúen nun
34 % menos ao cambio climático
cós urbanos e ata 20 veces máis á conservación da biodiversidade.
Só un
16 % da poboación
española está a "coidar" do 85 % do país, o territorio chave contra a crise ecolóxica, e non goza dos mesmos servizos nin oportunidades.
O gasto nacional en protección da biodiversidade non chega ao
0’1 % do PIB
problema macrogranjas contaminación nitratos España macrogranjas

O problema

O fenómeno da despoboación rural que sofre o noso territorio dende hai décadas ten impactos sociais, culturais e económicos, pero tamén medioambientais. Unha das consecuencias que sofre a chamada “España baleirada” é a perda de actividades agrícolas, gandeiras e forestais tradicionais, respectuosas coa natureza e que supoñen un xeito sostíbel de producir alimentos e outros bens ao tempo que contribúen a mitigar o cambio climático e conservar a biodiversidade.

No seu lugar aparecen megaproxectos industriais que contaminan todo ao seu redor, como as macrogranxas con decenas de milleiros de animais e toneladas de xurros ou as enormes extensións de cultivos e os seus fertilizantes químicos. Ademais, o abandono de certas actividades como o pastoreo fai que o mato asolague os nosos montes, facéndoos moito máis vulnerábeis aos incendios, cada vez máis intensos e difíciles de controlar debido ao cambio climático.

Asina contra a gandaría industrial

Necesitamos prácticas sostíbeis no noso medio rural porque só con elas poderemos facer fronte aos efectos da crise climática. Pero a falla de infraestruturas, servizos públicos e outras oportunidades na España baleirada ponlles as cousas moi difíciles ás persoas que traballan a terra deste xeito.

proxecto incendios forestais ganadería trashumante

A solución

A solución ao problema da despoboación rural e as súas consecuencias ambientais é complexa e depende de diversas administracións. Porén, dende Greenpeace cremos que aínda non se apostou a nivel estatal por abordar este fenómeno e que aí precisamente reside a chave. Ademais, pedimos que todas as políticas que vaian dirixidas a recuperar a vida nas nosas aldeas teñan en conta a crise climática e a perda de biodiversidade na que nos atopamos. Estas son algunhas das nosas demandas:

  1. Unha política estatal polo desenvolvemento rural que integre a crise ecolóxica como o seu eixo vertebrador.
  2. Fomentar a posta en marcha de proxectos e iniciativas sostíbeis que xurdan da poboación local para garantir o arraigamento no territorio e máis a conservación do patrimonio ambiental e cultural.
  3. Reenfoque de políticas europeas (como a PAC) cara á protección da biodiversidade e a loita contra o cambio climático, en liña co Pacto Verde Europeo.
  4. Incorporar máis medidas dirixidas á conservación dos ecosistemas en todas as políticas que afecten o medio rural en calquera eido.
  5. Implantar medidas específicas para fixar poboación no territorio: servizos públicos básicos, reducir a fenda dixital, mellorar a mobilidade, facilitar o acceso á vivenda, fomentar o acceso á cultura, garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, etc.
  6. Que o desenvolvemento rural se centre nunha transición ecolóxica socialmente xusta, que permita o acceso igualitario aos bens e servizos ambientais e sociais e que non comprometa o medio ambiente.
  7. Fomentar o consumo de produtos locais, ecolóxicos e de tempada para favorecer a produción sostíbel.

Que está a facer Greenpeace

En Greenpeace levamos anos fomentando as prácticas agrícolas e gandeiras sostíbeis. Temos un longo historial de accións e denuncias contra as falsas solucións no mundo rural, como os cultivos transxénicos ou os praguicidas empregados masivamente na agricultura, así como contra a actividade gandeira máis cruel coa natureza.

Agora incorporamos a visión demográfica ao noso traballo, porque precisamos aldeas vivas (e non baleiras) para loitarmos contra as prácticas que poñen en perigo o planeta.

Transmitimos o noso posicionamento e as nosas demandas aos responsábeis no Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, así como a outros actores políticos, e pouco a pouco vemos como van incorporando o noso discurso.

Por outra banda, lanzamos un proxecto colaborativo con moitas entidades, “Sen auga non hai pobos. O dereito á auga limpa”, no que estamos a vixiar a calidade dun recurso vital como é a auga fronte á contaminación xerada pola agricultura e moi en particular pola gandaría industrial.

Tamén estamos a traballar de cerca a modificación do Real Decreto sobre a contaminación da auga por nitratos e a impulsar a adopción de moratorias rexionais e dunha estatal para frear o avance desmesurado e descontrolado da gandaría industrial, unha das falsas solucións fronte ao despoboamento rural.

Que podes facer ti

Actúa co teu consumo! O campo dános de comer; por iso, o xeito no que consumimos ten un impacto directo na actividade rural. Escolle produtos locais, ecolóxicos e de tempada, a ser posible de pequenos produtores. Descubre máis información sobre alimentación sostibel.

Apoia os movementos locais! Cada vez son máis as persoas que unen as súas forzas para alzaren a voz contra o espolio do mundo rural con falsas solucións. Procura pola túa zona as entidades e plataformas que traballan neste senso e suma a túa forza e enerxía.

Súmate a Greenpeace! Sé parte da nosa organización para esixir políticas valentes que poñan as persoas e a natureza no centro. Únete a Greenpeace!