A auga que temos é escasa e, por riba, estamos a contaminala e desbaldila sen límite.
O problema
A península ibérica sufriu episodios de seca durante milleiros de anos. Trátase dun fenómeno meteorolóxico habitual debido á nosa situación xeográfica. Porén, a emerxencia climática está a agravar este proceso, xa que fai que los períodos sen precipitacións sexan cada vez máis intensos e duradeiros.
Asina a petición e esixe salvar a auga!
A isto únese unha pésima xestión dos nosos recursos hídricos. Estamos a consumir unha cantidade de auga moi superior ao que podemos permitirnos como país mediterráneo. E este consumo desmedido non se produce necesariamente nos fogares, senón en sectores como a agricultura e gandaría industriais.
Os enormes campos de cultivo intensivo que se estenden por algunhas zonas do país quedan co 80 % da auga doce. A maiores, arredor de moitos deles proliferan os pozos ilegais, cos que se subtrae auga dos nosos acuíferos. Mención á marxe merecen os absurdos proxectos de lecer como praias artificiais ou campos de golf en zonas claramente afectadas pola escaseza de auga.
Pero, ademais de estarmos a malgastar a pouca auga que temos, estamos a contaminala. Son moitos os municipios que non están a depurar ben a agua, vertendo microplásticos, fármacos e outros produtos químicos ao medio ambiente. Algo semellante ocorre coa industria, que está a espallar substancias con escasos controis. Por outra banda, o crecente modelo de agricultura e gandaría industriais ten tamén moito que ver coa contaminación da auga debido aos excrementos do gando, que liberan nitratos, antibióticos e outras substancias, e o uso masivo de fertilizantes e plaguicidas sintéticos.
A solución
Temos que endereitar a desasisada política hídrica deste país e ir á principal raíz do problema: o destrutivo sistema agroalimentario predominante. O dereito á auga por parte dos sectores produtivos e industriais non debe anteporse ao deber das administracións de manter a calidade da auga e do medio ambiente. Estas son algunhas das decisións que deberían tomarse:
- Frear o crecemento das demandas de auga (regadío, industrial e de lecer), de xeito que se adapten á redución de caudais dispoñíbeis como consecuencia dos efectos do cambio climático.
- Deixar a un lado os grandes transvasamentos e obras hidráulicas.
- Loitar contra as causas da grave contaminación que sofren as nosas augas continentais (superficiais, subterráneas e costeiras).
- Establecer unha folla de ruta para incrementar a superficie dedicada á agricultura ecolóxica e o uso de variedades locais adaptadas ao clima.
- Reconversión do regadío intensivo e superintensivo a explotacións sostíbeis, diversificadas e de baixo consumo de auga.
- Prohibir os novos proxectos de gandaría industrial e a ampliación dos existentes e apoiar a producción extensiva, local, de calidade e ecolóxica.
- Reducir a cabana gandeira en intensivo nun 50 % para 2030.
- Fomentar e apostar pola “dieta de saúde planetaria” e o consumo de produtos de orixe vexetal, ecolóxicos, de tempada e locais.
- Pechar os máis dun millón de pozos ilegais repartidos por toda a xeografía.
- Adaptar as políticas forestais ás necesidades do país máis árido de Europa.
- Pór freo ás instalacións de lecer moi demandantes de auga (campos de golf, parques temáticos…), sobre todo cando se atopen preto de espazos protexidos ou costas.
Que está a facer Greenpeace
En Greenpeace levamos anos a alertar da necesidade de adaptarmos o noso consumo de auga á meteoroloxía dun país mediterráneo, especialmente ante a intensificación dos episodios de seca que traerá o cambio climático.
O noso traballo de denuncia pretende facer presión sobre as administracións competentes para que promovan unha xestión eficiente dos nosos recursos hídricos dunha vez por todas, así como para que persigan os delitos relacionados co roubo e a contaminación da auga. Tamén para que transformen o modelo agroalimentario industrial. Urxe apostar pola agroecoloxía e a soberanía alimentaria.
Que podes facer ti
Actúa co teu consumo! Sé responsábel co consumo individual de auga no teu día a día: duchas máis curtas, billas pechadas mentres lavas mans e dentes, uso correcto dos electrodomésticos, etc. Evita tamén os produtos procedentes da agricultura e gandaría industriais, actividades que consumen cantidades excesivas de auga e, por riba, a contaminan. Deixa a carne para ocasións especiais e non a consumas de xeito excesivo nin a diario! Consume produtos de proximidade e de tempada e, se podes, que sexan de agricultura e gandaría ecolóxicas.
Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para darmos un xiro de 180º na política hídrica e agroalimentaria do noso país.