Estas son algunhas das consecuencias máis preocupantes do cambio climático sobre o medio ambiente.

Consulta aquí o informe completo

 

Biodiversidade

O cambio climático está a afectar a procesos esenciais de moitos organismos, como o crecemento, a reprodución e a supervivencia das primeiras fases vitais, podendo chegar a comprometer a viabilidade dalgunhas poboacións.

Ecosistemas como as zonas húmidas están en risco de desapareceren totalmente, e especies como o oso pardo ou a sobreira están en perigo de se extinguiren no noso país.

Por outra banda, atopámonos fronte a unha proliferación de especies invasoras, como medusas ou mosquitos tigre, en detrimento doutras autóctonas, como os caracois mariños.

As aves, ademais, están cambiando os seus patróns migratorios e fican en latitudes máis cálidas.

Nos nosos mares obsérvase unha diminución de especies de algas, como as algas vermellas no Cantábrico. Os arrecifes de coral do Mediterráneo están gravemente afectados. Ademais, o aumento da temperatura da auga provocado polo cambio climático disparou as taxas de mortalidade da posidonia.


O máis importante non é se hai máis ou menos medusas senón que a xente entenda e reflexione sobre por que é un problema, e que non quede só en que me molestan e xa está, senón en por que están aí. Todas as causas son humanas, e temos de ser conscientes de tomarmos medidas para que non vaia a máis.

Macarena Marambio, coordinadora e investigadora do proxecto “Alerta medusas” do Instituto de Ciencias do Mar

Incendios

O cambio climático transformará o réxime de incendios nos vindeiros anos, provocando fenómenos máis intensos e unha deforestación maior pola diminución da capacidade de recuperación dos bosques mediterráneos.

O aumento da temperatura media e a diminución das precipitacións crearán o caldo de cultivo ideal para os incendios, especialmente nas zonas de alta montaña. Ademais, cada vez superan con maior frecuencia as 500 hectáreas (os denominados ‘Grandes Incendios Forestais’) e son máis virulentos e difíciles de combater.

2017 superou a media da última década, cun número meirande de incendios forestais, de superficie afectada e de grandes incendios.


O máis perigoso destes novos incendios non son as súas dimensións, que tamén, senón a súa capacidade e velocidade de expansión. Por exemplo, nos grandes incendios que asolaron Portugal o ano pasado, chegou a se contabilizar un percorrido de 18 quilómetros en 21 minutos. É unha carreira fóra de control para calquera equipo humano. Non tiñamos rexistros en Europa de incendios deste calibre. E ademais hai incertezas verbo de ata onde poden chegar.

Marta Miralles, da Unidade Técnica GRAF (Grupo de Actuacións Forestais). Enxeñeira forestal e subinspectora do corpo de bombeiros da Generalitat de Cataluña

Desxeo

No noso país perdeuse xa máis dun 80 % dos glaciares pirenaicos, e para 2050 poderían desaparecer irreversibelmente. Monte Perdido diminuiu de media 5 metros de grosor nas últimas décadas, aínda que hai puntos nos que chega ata 14 metros menos. En xeral, está a retroceder un metro ao ano.

Dos 52 glaciares que había en 1850, desapareceron xa 33, a meirande parte deles despois de 1980.

As 3.300 hectáreas de linguas de xeo que existían a principios do século XX nos Pireneos reducíronse a 390.


Os Pireneos son a única cordilleira en todo o planeta onde a extinción do seu xeo glaciar se producirá nunha única xeración, a nosa. Xamais na historia ningún grupo humano tivo ocasión de observar nin a capacidade de documentar e divulgar como se desenvolve tan contundente regresión.

Jordi Camins, experto en glacioloxía e membro do GECCC (Grupo de Expertos en Cambio Climático de Catalunya).

Suba do nivel do mar

Intimamente vencellado ao problema do desxeo continental e ao aumento das temperaturas da auga mariña está o da suba do nivel do mar. No noso país, espérase unha suba de entre 10 e 68 cm para finais deste mesmo século.

Haberá perdas dun número importante de praias, sobre todo no Cantábrico e boa parte das zonas baixas costeiras serán alagadas: deltas do Ebro e Llobregat, Manga do Mar Menor e costa de Doñana.

Cidades como A Coruña, Xixón, Donostia, Barcelona, Valencia ou Málaga, por citarmos tan só algunhas delas, enfrontaranse ao afundimento de parte das súas rúas.


Se a temperatura aumenta por riba dos límites do Acordo de París, as consecuencias da suba do nivel do mar serán moi serias. Non hai unha data límite, mais na loita contra o cambio climático é moi importante o que se faga na primeira metade deste século.

Jerónimo López, doutor en Ciencias Xeolóxicas e profesor de Xeodinámica Externa da Universidade Autónoma de Madrid, ex presidente do Comité Científico Internacional de Investigación na Antártida

Desertización

Se segue a aumentar a temperatura media do planeta, no ano 2090 a península Ibérica será coma o Sáhara, segundo a revista Science.

A día de hoxe, o 20 % da Península pódese considerar deserto. Sete das dez concas hidrográficas con meirande seca crónica de Europa atópanse en España, e case un 75 % do territorio español está en risco de se converter nun deserto para finais do século.


España non só sufrirá dunha meirande desertización do seu territorio, senón que sufrirá os efectos económicos e sociais asociados, como unha máis que probábel redución do turismo porque nos países do norte de Europa terán condicións climáticas máis cálidas.

David Vieites, científico e director do departamento de Cambio Global do CSIC

Aumento da temperatura

A latitude na que se sitúa o noso país vai ser golpeada especialmente polo quecemento global. Isto significa que as vagas de calor no verán serán máis implacábeis e duradeiras.

Estímase que as temperaturas suban ata 6ºC en 2100, o que provocará un incremento das condiciones de aridez, así como máis eventos extremos de precipitación.

O aumento das temperaturas foi especialmente acusado nas tres últimas décadas (1975-2005), cunha taxa media de quecemento duns 0,5 ºC por década.

Fenómenos meteorolóxicos extremos

Superar o límite de 1,5ºC depararía un meirande incremento da calor extrema, as choivas torrenciais e a probabilidade de secas.

A tropicalización dos océanos implica un maior índice de evaporación e, polo tanto, un aumento da nubosidade, o que facilita a formación de fortes tormentas e outros fenómenos meteorolóxicos.

Os invernos máis húmidos e un mar máis quente aumentarán o risco de alagamentos súbitos no Mediterráneo.

Os fenómenos extremos relacionados co clima están a custar a España uns 1.000 millóns cada ano dende 1980. A seca é un dos nosos problemas prioritarios.


En 2005 tivemos a maior actividade de furacáns que se lembra no Atlántico, pero en 2017 foi a primeira vez que un furacán rozou as costas de Europa e que un furacán de categoría 5 se formou fóra do Caribe. E isto débese a que cada vez temos un océano máis quente.

Jonathan Gómez Cantero, climatólogo e “home do tempo” en Castela-A Mancha TV