A produción global de plásticos disparouse nos últimos 50 anos, e en especial nas últimas décadas. De feito, nos últimos dez anos producimos máis plástico ca en toda a historia da humanidade.

En 2020 producirase un
900 %
máis de plásticos ca en 1980.
Cada ano prodúcense
500 mil millóns
de botellas de plástico.
En España, o
50 %
dos envases remata nos vertedoiros.

A produción total de plástico en 2016 acadou os 335 millóns de toneladas. A esta cantidade hai que sumarlle as fibras sintéticas que se usan na roupa, cordas e outros produtos, que de forma conxunta representaron 61 millóns de toneladas nese mesmo ano. Estímase que en 2020 superaranse os 500 millóns de toneladas anuais, o que suporía un 900 % máis cós niveis de 1980.

Ata a actualidade, fabricáronse uns 8,3 mil millóns de toneladas de plástico dende que comezou a súa produción arredor de 1950, o que equivale ao peso duns mil millóns de elefantes. Tan só os fabricantes de bebidas producen máis de 500 mil millóns de botellas de plástico dun só uso cada ano. En Europa, a produción de plástico acadou os 60 millóns de toneladas en 2016.

China segue a ser o principal produtor de plásticos, cun 29 % do total en 2016, seguida de Europa (19 %) e América del Norte (18 %). Dada a elevada produción de plástico de China, en Asia prodúcese o 50 % do plástico do mundo na actualidade. Dentro de Europa, máis de dous terzos da demanda de plásticos concéntrase en cinco países: Alemaña (24,5 %), Italia (14,2 %), Francia (9,6 %), España (7,7 %) e Reino Unido (7,5 %).

España é o cuarto país da Unión Europea con meirande demanda de plásticos, onde ata o 50 % dos mesmos acabaron en vertedoiros en 2016. Existen moitos tipos de plásticos, aínda que o mercado está dominado por catro tipos principais:

  • Polietileno (PE): Bolsas de plástico, láminas e películas de plástico, recipientes (incluídas botellas), microesferas de cosméticos e produtos abrasivos.
  • Poliéster (PET): Botellas, envases, prendas de roupa, películas de raios X, etc.
  • Polipropileno (PP): Electrodomésticos, mobles de xardín, compoñentes de vehículos, etc.
  • Cloruro de polivinilo (PVC): Tubaxes e accesorios, válvulas, fiestras, etc.

A meirande parte dos plásticos empréganse na fabricación de envases, é dicir, en produtos dun só uso. En concreto, en Europa a demanda de plásticos para envases foi dun 39,9% en 2016. Posteriormente serán estes envases os obxectos de plástico que atoparemos con máis frecuencia no medio ambiente, danando os ecosistemas mariños.