Os plásticos que usamos cada día poden acabar nos nosos mares e océanos aínda que os depositemos correctamente no colector amarelo.

Un
79 %
dos plásticos desbotados ata hoxe foi parar a vertedoiros ou ao medio ambiente
Atopáronse plásticos a
10.000 metros
de profundidade
Cada día descártanse
30 millóns
de latas e botellas de plástico en España

Os obxectos de plástico que descartamos, como pratos, vasos, botellas ou bolsas, poden acabar nun vertedoiro, seren incinerados ou reciclados. Porén, debido á acción do vento e da choiva, estes refugallos taménpoden chegar ao mar incluso cando os botamos ao lixo. Poden rematar abandonados debido á acción das tormentas, o vento ou a choiva ou simplemente porque non se desbotaron correctamente. Deste xeito, poden chegar a ríos ou outras vías fluviais e mesmo ao sistema de sumidoiros de zonas urbanas. Una vez nel, salvo que se extraian con anterioridade, o seu destino final será o mar, por moi lonxe que nos atopemos da costa.

Hoxe en día, só se reciclou un 9 % de todo o plástico producido e consumido ata a actualidade a nivel mundial; o 12 % incinerouse e a meirande parte, un 79 %, foi parar a vertedoiros ou ao medio ambiente. Os obxectos de plástico tamén poden chegar ao mar dende os vertedoiros, debido á auga que flúe por eles. Ademais, tamén atopamos plásticos no mar que proceden de vertidos deliberados de lixo, de vertidos accidentais dende barcos ou dos efluentes das estacións depuradoras e plantas de tratamento de augas residuais. O 80 % dos residuos que atopamos no mar proveñen da terra, mentres que o 20 % restante provén da actividade marítima.

Debido a que o plástico é moi persistente e dispérsase doadamente, podemos atopar plásticos en todos os cantos do planeta, dende o Ártico ata a Antártida. Unha vez que os obxectos de plástico chegan ao mar, poden ser inxeridos pola fauna mariña e acumularse no seu interior, poden ficar en suspensión ou aboiando na superficie, poden finalmente afundirse e permanecer no fondo mariño ou incluso poden quedar atrapados no xeo do Ártico. Xa se atoparon plásticos ata nas zonas máis profundas, a máis de 10.000 metros de profundidade.

Os plásticos que atopamos en superficie son só a punta do iceberg, xa que representan menos dun 15 % de todos os plásticos que hai no mar. Actualmente se identificaron cinco zonas de concentración coñecidas como “sopas” de plásticos: unha no Índico, dúas no Atlántico (Norte e Sur) e dúas no Pacífico (Norte e Sur). Estas zonas superficiais teñen unha elevada concentración de microplásticos. Nas costas e no litoral tamén poden atoparse altas concentracións de plásticos, especialmente en rexións con alta poboación costeira, con sistemas de xestión de residuos non axeitados, pesqueiras intensivas ou turismo elevado.

No Mediterráneo tamén atopamos unha gran cantidade de microplásticos, semellante ás das “sopas” de plásticos. De feito, entre un 21 % e un 54 % de todas as partículas de microplásticos do mundo atópanse na conca do Mediterráneo. Durante as investigacións que Greenpeace levou a cabo en 2015, recolleuse unha media de 320 obxectos de lixo por cada 100 metros de praia estudada en España, e o 75 % destes refugallos foron obxectos de plástico. Cada día seguen a se abandonar 30 millóns de latas e botellas de plástico en España, que pasan a contaminar o noso entorno terrestre, costeiro e mariño.

gráfico que sucede cos plásticos

Que sucede co plástico cando chega aos mares e océanos?

Unha vez que os obxectos de plástico chegan ao medio mariño, tardan entre décadas e centos de anos en se degradaren. O tempo de degradación depende do tipo de plástico e das condicións ambientais ás que se expón (luz solar, osíxeno, axentes mecánicos). No caso dos océanos, a radiación UV procedente da luz solar é o principal axente que degrada o plástico. A acción das ondas acelera este proceso e, como resultado, os fragmentos máis grandes van rompéndose en anacos máis pequenos, xerando microplásticos.

É difícil estimar o tempo que tarda en se biodegradar o plástico nos océanos, pero considérase que é moito máis lento que en terra. Unha vez que o plástico fica enterrado, pasa á columna de auga ou queda cuberto por materia orgánica ou inorgánica (o que é moi frecuente no medio mariño), queda menos exposto á luz solar e diminúen as temperaturas e o osíxeno, o que retrasa a súa degradación.

Durante todo este tempo ata que se degraden, todos os obxectos de plástico que chegan ao mar poden causar graves danos á fauna mariña. Actualmente, unhas 700 especies de organismos mariños vense afectadas por este tipo de contaminación. Cada ano, máis dun millón de aves e máis de 100.000 mamíferos mariños morren como consecuencia de todos os plásticos que chegan ao mar.