Nos máis de 8.000 km de costa española, son numerosos os casos de destrución. O hotel ilegal da praia de El Algarrobico é un dos meirandes escándalos urbanísticos do litoral.
Símbolo da destrución da costa, o hotel da praia de El Algarrobico (Carboneras, Almería) é un dos meirandes escándalos urbanísticos do litoral. As distintas administracións implicadas, e especialmente o Concello de Carboneras e a Xunta de Andalucía, permitiron que este monstruoso hotel, de 21 andares e 411 habitacións, se construíse sobre un dos escasos espazos sen urbanizar da costa mediterránea occidental: o Parque Natural Cabo de Gata-Níjar.
Aínda que unha sentenza do Tribunal Supremo de febreiro de 2016 confirmou que o hotel se construíu ilegalmente en pleno parque natural ante a pasividade das administracións responsábeis, unha nova sentenza deste mesmo tribunal dixo a finais de 2022 que os terreos son urbanizábeis, porque o Concello de Carboneras non cumpriu a sentenza que o obriga a modificar o seu PXOU. Dende Greenpeace seguimos a actuar nos tribunais para conseguir que esta monstruosidade desapareza da nosa costa.
El Algarrobico en cifras
- 21 andares
- 411 habitacións
- 14 metros de distancia ao mar
- 7 hoteis máis no proxecto
- 7 accións de Greenpeace
- 40 pronunciamentos xudiciais que demostran a súa ilegalidade
- 2005: Ano no que se paralizaron as obras e se prometeu a súa demolición inmediata
Por que é ilegal?
- Porque está situado dentro do Parque Natural Cabo de Gata, en terreo non urbanizábel.
- Porque está construído a só 14 metros da ribeira do mar, o que incumpre a Lei de Costas.
Por que segue en pé?
Malia existiren máis de 20 pronunciamentos xudiciais que demostran a súa ilegalidade, as administracións responsábeis permanecen pasivas e non cumpren as súas promesas.
Con vontade política e interese real das administracións implicadas, a demolición do hotel pódese realizar en calquera momento. O derrubamento e a posterior restauración do entorno crearán arredor de 400 postos de traballo segundo un estudo.