A polinización das flores é vital para a nosa alimentación e para a biodiversidade, pero as abellas, unhas das principais encargadas desta misión, están a desaparecer.

Un
75 %
dos alimentos que consumimos dependen da polinización
Un
37 %
das poboacións de abellas en Europa están en declive
+2,4 millóns €
Valor económico da labor de polinización das abellas para a agricultura española
Abejas mueren al volver a la colmena en Mazarrón, Murcia Una abeja muerta en Mazarrón, Murcia Un apicultor sujeta un puñado de abejas muertas

O problema

As abellas son moito máis importantes do que pensamos. A produción de alimentos a nivel mundial e a biodiversidade terrestre dependen en gran medida da polinización, un proceso natural que permite que se fecunden as flores e dean así froitos e sementes. As abellas, xunto a outros insectos como bolboretas e abellóns, son unhas das grandes responsábeis deste proceso e, porén, as súas poboacións están diminuíndo a pasos de xigante. Entre os factores que ameazan os polinizadores están:

  • A perda e deterioro de hábitats.
  • As prácticas da agricultura industrializada, como os monocultivos (menor dispoñibilidade e diversidade de alimento para estes insectos) e o uso de praguicidas.
  • Parasitos e enfermidades.
  • Especies vexetais e animais invasoras.
  • Os impactos do cambio climático.

Calculouse que o valor económico da labor de polinización das abellas e outros polinizadores para a agricultura é duns 265.000 millóns de euros anuais en todo o mundo, 22.000 millóns para Europa e máis de 2.400 millóns de euros para España, como estimamos no noso informe “Alimentos bajo amenaza”. Así pois, mesmo dende un punto de vista puramente económico, paga a pena protexer as abellas.

As cifras do problema que sofren os polinizadores son contundentes. O informe da Plataforma Intergobernamental sobre Biodiversidade e Servizos dos Ecosistemas (IPBES, polas súas siglas en inglés) advirte de que o 40 % dos polinizadores invertebrados, en particular abellas e bolboretas, se atopan fronte á extinción. Dinos ademais que en Europa o 37 % das poboacións de abellas están a diminuír, un claro exemplo de que o modelo agroalimentario predominante está a levarnos a unha rúa sen saída.

A solución

A curto prazo, o primeiro paso é prohibir os produtos actualmente en uso que son tóxicos para as abellas e facer que a avaliación de riscos dos praguicidas sexa moito máis estrita. Por outra banda, cómpre pór en marcha plans integrais de acción para salvar as abellas. E a solución definitiva é a adopción da agricultura ecolóxica como única vía para unha produción respectuosa con todos os habitantes do planeta.

A agricultura ecolóxica garante unha produción sa e sostíbel, xa que protexe o solo, a auga e o clima, promove a biodiversidade, non contamina o medio ambiente con agroquímicos nin transxénicos e respecta a saúde das persoas.

Este cambio pode inicialo a clase política, apostando por un modelo de agricultura ecolóxica e lexislando en consonancia; os agricultores e agricultoras, cambiando as súas prácticas de cultivo, e as empresas, desenvolvendo liñas de produtos e técnicas ecolóxicas. E, por suposto, tamén persoas coma ti, demandando e consumindo produtos ecolóxicos e locais.

Máis de 450.000 persoas xa asinaron para salvar as abellas e para pediren a prohibición total dos insecticidas que están a provocar a súa mortaldade.

Que está a facer Greenpeace

En Greenpeace queremos acadar un modelo de agricultura que protexa, manteña e restaure a biodiversidade, respecte os límites ecolóxicos e sexa socialmente xusto.

Traballamos para que a sociedade e os políticos entendan a importancia que teñen as abellas e outros polinizadores e as ameazas coas que se enfrontan. Loitamos tamén para que se prohiban os praguicidas que son prexudiciais para as abellas e que se apoie decididamente a agricultura ecolóxica.

Grazas á presión exercida polos milleiros de sinaturas, Greenpeace e outros colectivos conseguiron na UE que o fipronil deixase de comercializarse en setembro de 2017. En marzo de 2017 e que se prohibisen case totalmente tres insecticidas neonicotinoides moi daniños para as abellas. Pero cómpre seguir traballando para parar outros praguicidas que ameazan as abellas e, polo tanto, a vida tal e como a coñecemos.

Que podes facer ti

Actúa co teu consumo! A dieta é, sen dúbida, unha das mellores ferramentas, e ao alcance de todas as persoas, que temos para contribuír positivamente a salvar o planeta e a mellorar a nosa saúde, ademais de para promover unha agricultura respectuosa coas abellas. Dámosche aquí algunhas ideas para consumires alimentos máis saudábeis e respectuosos co planeta.

Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para esixir a gobernos e empresas que adopten medidas para facer máis sostíbel o noso consumo. Preme aquí para te unires a Greenpeace!