Sabías que (malia a presión da industria) a superficie cultivada con transxénicos en España vén baixando dende hai catro anos?
O problema
Un transxénico ou Organismo Modificado Xeneticamente (OMX) é un organismo vivo que foi creado artificialmente manipulando os seus xenes. Esta rama da biotecnoloxía permite franquear as barreiras interespecíficas e crear seres vivos que non poderían aparecer na natureza. Cos novos transxénicos, a través da edición xenética é tamén posíbel modificar directamente o material xenético dun ser vivo.
Tras máis de 30 anos no mercado, segue sen haber estudos a longo prazo que demostren a súa seguridade para os seres humanos. Máis de 300 científicos independentes asinaron un manifesto internacional afirmando que non existe un consenso científico sobre a súa seguridade.
Os riscos ambientais dos transxénicos están amplamente demostrados. Ademais, non é certo que sexan a solución á fame, pois a inmensa maioría dos cultivos transxénicos alimentarios se destina a pensos que engordan animais explotados na gandaría industrial para que nos países enriquecidos poidamos dispor de carne barata.
A coexistencia entre cultivos transxénicos e cultivos convencionais e ecolóxicos é imposíbel: a contaminación xenética é inevitábel. Tanto é así que, ante a prohibición por parte de 17 países da UE de que se cultiven nos seus territorios, España, como país produtor, tivo que aprobar unha regulamentación para evitar a contaminación transfronteiriza (APA/1083/2018).
Hai quen xustifica todo isto a prol de “poñer fin á fame” no planeta, pero a realidade é que os cultivos modificados xeneticamente non alimentan o mundo: o 99 % dos agricultores non os cultivan, o 97 % da superficie agrícola mundial segue libre deles e a inmensa maioría da produción destínase a alimentar animais ou a producir biocombustíbeis.
Os cultivos transxénicos son o máximo expoñente do modelo de agricultura industrial: nin son necesarios nin son a solución dos problemas que prometían resolver. Non só iso: algúns problemas mesmo se agravaron, como o uso masivo de herbicidas como o glifosato e a conseguinte resistencia das prantas adventicias a estes produtos.
A solución
Actualmente, na UE só está autorizado un cultivo transxénico, o millo insecticida de Monsanto coñecido como MON810.
Malia que o cultivo de transxénicos está autorizado dende 1998 na UE, só dous países cultivan este millo (España e Portugal) e só en España a unha escala importante. Mesmo o principal produtor europeo de millo, Francia, prohibiu o seu cultivo, igual ca outros 17 países e catro rexións doutros dous países: Alemaña, Austria, Bulgaria, Croacia, Chipre, Dinamarca, Eslovenia, Francia, Grecia, Hungría, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos e Polonia, Valonia (Bélxica) e Gales, Escocia e Irlanda do Norte (Reino Unido).
Construírmos un movemento de resistencia fronte á expansión dos cultivos transxénicos é fundamental. En España son moitos os concellos que xa se declararon libres de transxénicos e cinco comunidades autónomas mantéñense libres do cultivo de millo transxénico. Mesmo en Castela e León, onde máis millo se produce de toda España, apenas se cultiva millo transxénico (unhas 300 hectáreas en 2020).
O veto a estes cultivos é unha resposta a curto e medio prazo, pero a única solución de futuro é a aposta decidida pola agricultura ecolóxica. Canto máis se amplíe a superficie cultivada con cultivos ecolóxicos como resposta á crecente demanda destes produtos e as novas esixencias da UE para acadar un 25 % de superficie de agricultura ecolóxica para 2030, menor será a posibilidade de que se implanten os cultivos transxénicos.
Por outra banda, en tanto se permita o cultivo de transxénicos en España, o Ministerio debe garantir que a información sexa fiábel e transparente.
Que está a facer Greenpeace
Greenpeace leva anos informando sobre os problemas asociados á liberación de cultivos transxénicos no medio ambiente e denunciando como afectan un sistema agroalimentario xusto e sostíbel e, en particular, a agricultura ecolóxica. Ademais, o traballo a nivel europeo conseguiu que só exista un cultivo autorizado e que só España, lamentabelmente, o utilice de xeito significativo.
Ademais, vimos esixindo que, en tanto se cultiven en España, se ofreza unha información fiábel á cidadanía. As estimacións ofrecidas polo Ministerio de Agricultura só parecen querer lexitimar as afirmacións da industria de que o cultivo en España é todo un éxito.
Por outra banda, vimos traballando activamente para que os novos transxénicos creados mediante edición xenética estean baixo a lexislación europea de transxénicos, algo que a industria non quere para así poder evitar os controis existentes.
Greenpeace anima a todos os gobernos autonómicos, concellos e cidades a que se declaren libres de cultivos transxénicos e a que aposten decididamente pola agricultura ecolóxica.
Que podes facer ti
Podes actuar co teu consumo! O xeito no que consumimos ten un impacto directo no mundo rural e na biodiversidade. Sempre que che for posíbel, consume produtos locais, ecolóxicos e de tempada, a ser posíbel procedente de pequenos produtores. Se queres saber máis, invitámoste a consultar esta información sobre alimentación sostíbel.
Apoia os movementos locais! Procura pola túa zona entidades e plataformas que traballen neste sentido e suma a túa forza e enerxía; podes anotarte nos nosos grupos de voluntariado.
Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para esixir políticas valorosas que poñan as persoas e a natureza no centro. Únete a Greenpeace!