A queima de carbón é das meirandes ameazas ás que se enfronta o noso clima. Poñemos unha data para a fin deste combustíbel fósil en España: 2025.
O problema
O carbón é o combustíbel fósil que máis contribúe ao cambio climático a nivel mundial e as centrais térmicas de carbón son a meirande fonte de emisións de CO2 producidas polo ser humano. Ademais, a contaminación atmosférica por gases tóxicos procedentes da combustión do carbón está a destruir os medios de vida e a matar xente.
Malia o acordo de París, algúns gobernos, en especial en países como China, India, EUA e algúns países do leste de Europa, están a permitir que a industria gaste centos de milleiros de millóns de dólares para construír novas térmicas de carbón. Se os plans actuais seguen adiante, o carbón será responsábel dun 60 % das emisións de CO2 para o ano 2030.
En España, ata hai poucos anos, o carbón era o meirande responsábel das emisións de CO2. Hoxe estamos nun escenario moi distinto no que antes de 2025 todas as centrais de carbón poderían estar pechadas e no que as emisións por este combustíbel fósil están a desaparecer gradualmente.
«As falsas solucións como a captura e almacenaxe de carbono crean unha distracción perigosa. Só deixando a un lado o carbón e os demais combustíbeis fósiles (petróleo, gas e nuclear), ademais de aumentarmos a eficiencia enerxética e a produción con enerxías renovábeis, podemos previr un cambio climático catastrófico»
A solución
Para evitarmos os peores impactos do cambio climático, temos que evitar un aumento da temperatura global por riba dos 1,5 ºC. Para isto, as emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro deben ter o seu máximo nesta década e dende alí diminuír a cero neste mesmo século, o que significa que nos países desenvolvidos deberemos acadar as cero emisións para 2050. En concreto, o uso de carbón a nivel mundial ten que descender nun 75 % para 2030.
O mundo ten a suficiente enerxía renovábel tecnicamente accesíbel para satisfacer seis veces a demanda actual de enerxía. Precisamos unha revolución enerxética que substitúa as enerxías sucias como o carbón por enerxías como a eólica ou a solar e acade unha eficiencia enerxética que xerará postos de traballo e reducirá os custos da electricidade.
Moitos gobernos xa decidiron poñer fin á queima de carbón para producir electricidade: California, Ontario 2014; Bélxica, Escocia 2016; Massachusetts, Pequín 2017; Delhi 2018; Estado de Nova York 2020; Oregón 2020; Connecticut 2021; Hawai, Nova Zelandia 2022; Francia 2023; Austria, Gran Bretaña, Estado de Washington, Italia 2025; Berlín, Canadá, Finlandia, Novo México, Holanda, Portugal, Suecia 2030. España foi o único país de Europa occidental no que as empresas anunciaron os seus propios plans de peche pola perda de rendibilidade económica das centrais de carbón, pero o Goberno aínda non fixou unha data para o peche de todas as plantas de carbón.
Que está a facer Greenpeace
Dende Greenpeace demandamos responsabilidades ao Goberno para que actúe con urxencia fronte ao cambio climático, coide a nosa saúde e garanta empregos xustos e sostíbeis. Esiximos un plan de peche progresivo, con data límite no ano 2025, de todas as térmicas de carbón en España. Debe ser un plan de transición xusta para garantir un futuro real e sostíbel para as persoas que viven nas cuncas mineiras e das centrais de produción eléctrica contaminante. Neste sentido, valoramos como positivo o “Acordo por unha Transición Enerxética Xusta para as centrais térmicas en peche” entre o goberno, os sindicatos e as compañías eléctricas con plantas de carbón e manterémonos vixiantes para que se cumpra.