España é o país
que máis aumentou o uso do carbón en 2017
En 2017, a queima de carbón xerou
46,5 millóns
de toneladas de CO2 equivalente
En 2015, o
12% das mortes
prematuras
foron consecuencia da queima do carbón
“Hai que seguir loitando se non queremos morrer ou se non queremos que nos maten. E para deixar un futuro para os nosos fillos e que sexa unha alternativa ao carbón e ás térmicas”

Namentres as grandes eléctricas, co apoio dos gobernos, obteñen beneficios de miles de millóns de euros, o medio ambiente e as persoas sofren as consecuencias dun sistema enerxético contaminante, ineficiente e custoso. Un sistema que destrúe fogares e hábitats con minerías agresivas e queima de carbón, causando cicatrices permanentes nas comunidades e no medio ambiente.

O carbón deixa un escuro rastro tras de si. A súa queima xera emisións de CO2 (convertíndoo no principal causante do cambio climático) e a minería subterránea, gas metano (un potente gas de efecto invernadoiro). A súa contaminación fíltrase á auga e á terra, a través de crebas e fendas, aumentando o risco de asma, doenzas cardíacas e cáncer e causando a morte prematura de miles de persoas cada ano. Por iso, se non se acomete o seu abandono definitivo, o seu custo medrará cada vez máis, e non só en termos económicos.

Greenpeace fixo una compilación destes impactos. Ademais, xunto cun equipo de xornalistas e documentalistas, percorreu varios puntos da xeografía carboeira española para documentar as consecuencias de súa queima e extracción. Como resultado desta viaxe, recolleu unha serie de desgarradores testemuños, recompilados no documental ‘El lado oscuro del carbón’ e neste documento, para centrarse en quen sufriron e sofren cada día as consecuencias de convivir cun combustíbel fósil que envelena o planeta e os seus habitantes.

Médicos, ex-mineiros, activistas e asociacións veciñais de zonas con centrais térmicas de carbón e zonas de extracción relatan todo o que agocha o carbón: destrución do entorno, contaminación, problemas sociais, enfermidades… Estas voces, case sempre ignoradas e silenciadas, son as protagonistas dunha loita chea de dificultades pero tamén de esperanza. Os testemuños de Asturias, León, Almería e Teruel serven de exemplo dun problema que non só ocorre alí, senón que se repite en calquera lugar onde hai carbón.

Agora é un momento decisivo, tanto a nivel nacional como internacional, para deixar atrás o carbón e as súas consecuencias. Numerosos países xa están a tomar medidas e a comezar un camiño no que o carbón non ten futuro. Os próximos meses e anos serán fundamentais para o necesario abandono do carbón nunha transición sostíbel e xusta para as persoas afectadas.

As falsas solucións difundidas pola industria, como o carbón “limpo” ou a captura e almacenamento de carbono, amosaron a súa ineficacia. Porén, a aparición de enerxía solar e eólica verdadeiramente limpa e barata é unha realidade, coma o son tamén o declive ou abandono do carbón nalgúns lugares como o Reino Unido ou Canadá ou inspiradores exemplos como Loos-en-Gohelle (Francia) e outras iniciativas de transformación arredor do mundo (algunhas delas en España). A pregunta é: seremos o suficientemente rápidos?