O glifosato é un herbicida que foi clasificado pola Organización Mundial da Saúde como “probabelmente canceríxeno para os seres humanos”
En decembro de 2022 finaliza a autorización de venda na UE. Non podemos permitir que se re-autorice!
O problema
Millóns de hectáreas de terras de cultivo, parques e ata beirarrúas son asperxidas con glifosato cada ano en todo o mundo. Cando se usa en agricultura, este composto penetra no solo, fíltrase á auga e os seus residuos permanecen nos cultivos: está no que comemos, na auga que bebemos e nos nosos corpos.
Dende hai décadas véñense denunciando os potenciais efectos daniños do glifosato para a saúde humana, pero nunca se chegaron a tomar medidas amplas. En 2015, a Organización Mundial da Saúde (OMS) clasificou o glifosato como “probabelmente canceríxeno para os seres humanos”, baseándose en fortes evidencias de que é canceríxeno para os animais. Tamén se sospeita que actúa como un disruptor endócrino e que é tóxico para a reprodución.
Entre os principais grupos de risco e máis vulnerábeis atópanse as persoas que se dedican á agricultura, as súas familias, fetos, bebés e a infancia. Para aquelas persoas que non nos atopamos nestes grupos, a alimentación é a principal vía de exposición aos praguicidas e, por tanto, ao glifosato.
Ademais de sobre a nosa saúde, o uso do glifosato ten graves impactos sobre o medio ambiente, pois contamina os solos e a auga e afecta a outros seres vivos (organismos acuáticos, dende algas microscópicas ata peixes e moluscos, pasando tamén polas ras e os seus cágados, e organismos do solo como as miñocas, fundamentais para manter e incrementar a fertilidade do solo).
Finalmente, o uso do glifosato tamén reduce a diversidade e cantidade de especies vexetais e por isto pode afectar a seres vivos cruciais para a agricultura, como son os polinizadores.
A solución
Malia que a industria química, coas súas agresivas campañas de marketing, quixo convencernos de que hoxe en día non é posíbel manter a agricultura sen recorrer a fertilizantes e praguicidas, a agricultura ecolóxica amosa cada día que non só é a mellor opción para protexer a nosa saúde e o medio ambiente, senón que é capaz de alimentar o planeta se se fan os investimentos axeitados e é unha fonte imparábel de emprego verde.
Na agricultura, silvicultura e xardinería ecolóxicas utilízanse moitas técnicas para controlar as plantas espontáneas. Entre elas, o incremento da diversidade de cultivos, a rotación de cultivos, a eliminación manual e mecánica, os acolchados ou o pastoreo. E cando están nos lindeiros dos cultivos son mesmo beneficiosas, pois constitúen unha fonte de alimento diverso para as especies polinizadoras como as abellas e un refuxio para especies que axudan a controlar as potenciais pragas de insectos que afectan os propios cultivos.
No modelo de agricultura ecolóxica promóvese o equilibrio ecolóxico baseado na biodiversidade, sendo a única forma de garantir alimentos sans para hoxe e tamén no futuro.
Que está a facer Greenpeace
Greenpeace traballa para conseguir a prohibición do glifosato, xa que a exposición a esta substancia se relacionou co cancro en humanos e coa degradación dos ecosistemas. Entre outras cousas, participou activamente na Iniciativa Cidadá Europea que, nun tempo récord de cinco meses, recolleu máis dun millón de sinaturas de persoas que pediron a prohibición do uso do glifosato na UE.
En 2017, logramos que o glifosato só se autorizase por cinco anos en troques dos 15 que permite a lexislación europea e que esixía a industria. Polo tanto, en decembro de 2022, cando caduca a actual autorización, temos unha nova oportunidade para librar a UE deste veleno.
Greenpeace tamén traballou activamente para que moitos concellos de España deixasen de empregar glifosato e conseguiu que máis de 150 organizacións asinasen unha carta aberta para o Goberno español pedindo que apoiara a prohibición deste perigoso herbicida.
Que podes facer ti
Actúa co teu consumo! A dieta é, sen dúbida, unha das mellores ferramentas, e ao alcance de todas as persoas, que temos para contribuír positivamente a salvar o planeta e a mellorar a nosa saúde. Aquí dámosche algunhas ideas para consumires alimentos máis saudábeis e respectuosos co planeta.
Súmate a Greenpeace! Sé parte da nosa organización para esixir a gobernos e empresas que actúen contra o uso de praguicidas coma o glifosato.Onde unha persoa non chega, un colectivo si. Preme aquí para te unires a Greenpeace!