A enerxía nuclear crea residuos perigosos para a saúde e o medio ambiente que se manteñen radioactivos durante centos de milleiros de anos, e os accidentes nucleares arruínan rexións enteiras.
O problema
As súas pegadas, altamente contaminantes e moi duradeiras no tempo, e os seus riscos, con accidentes que resultan devastadores para a saúde das persoas e dos ecosistemas circundantes, fan que a enerxía nuclear non sexa unha alternativa limpa e sostíbel.
Unha frota envellecida como da que dispón España eleva os riscos e as ameazas de accidentes como o de Fukushima ou o de Chernóbil, cun altísimo custo social, ambiental e económico que paga a cidadanía e non a industria nuclear.
Os 442 reactores actualmente en funcionamento nun total de 32 países producen arredor do 10 % da electricidade mundial. O parque nuclear está envellecido e as novas construcións sofren aumentos dos orzamentos previstos e retrasos nos prolongados prazos de construción. Nin sequera é unha enerxía barata: a instalación e desmantelamento das centrais son moi caros, igual cá obtención dunha materia prima escasa (uranio ou plutonio) e a xestión dos residuos, que se manteñen radioactivos centos de milleiros de anos durante os que hai que almacenalos e xestionalos axeitadamente.
A solución
Mellorar a seguridade e programar o peche das centrais nucleares ademais de, temporalmente, realizar unha correcta xestión dos residuos radiactivos en almacéns individualizados (ATI) en seco. Potenciar as labores de seguridade nas centrais nucleares resulta crucial para evitar accidentes como o de Fukushima e Chernóbil, pero só como paso intermedio antes do seu peche definitivo para levar a cabo unha transición enerxética 100 % renovábel.
É necesaria unha reforma fundamental do réxime de responsabilidade nuclear. A responsabilidade debe ser estrita e ilimitada no tempo e no alcance, debe determinar a responsabilidade dos provedores e dos operadores e debe garantir unha cobertura plena de todos os custos potenciais dun incidente ou accidente nuclear.
«Os accidentes nucleares comportan perdas incalculábeis para as poboacións e a natureza adxacente»
Que está a facer Greenpeace
Dentro dos altos riscos asociados á enerxía nuclear, Greenpeace pon énfase naquelas centrais que, polo seu envellecemento desmedido, supoñen un grave risco para a seguridade cidadá e medioambiental, e tamén en todas aquelas iniciativas que traten de potenciar unha enerxía innecesaria.
Tras moitos anos de campaña, celebramos o peche definitivo da central nuclear de Santa María de Garoña porque abre definitivamente a porta á fin da enerxía nuclear en España. O resto de centrais nucleares necesitan ser desmanteladas e os seus residuos radiactivos xestionados axeitadamente para o seu almacenamento durante períodos de tempo incalculábeis. Para isto, é preciso elaborar un bo Plan de Xestión dos Residuos Radioactivos para administrar o perigoso lixo que xeran as nucleares.