O gas “natural” vendérono durante anos como barato, limpo e dispoñíbel, pero en realidade é un combustíbel fósil que causa guerras, pobreza enerxética e crise climática, igual có petróleo e o carbón.

Caro
O prezo internacional do gas multiplicouse por 6 en 2022* segundo a AIE.
Sucio
O gas, especialmente se se extrae mediante fracking, emite case tanto CO2 e metano coma o carbón segundo o IPCC.
Inxusto
Está nas mans de corporacións e oligarcas que especulan e alimentan guerras.
gas enerxía fósil España

O problema

O mal chamado gas natural é fundamentalmente metano. O metano é un potente gas de efecto invernadoiro cun potencial de quecemento global aos 20 anos 84 veces superior ao do CO2. A viaxe deste gas dende que se extrae da cortiza terrestre ata que se queima en caldeiras e centrais é moi longo e complexo. No seu proceso de extracción e transporte consume moita enerxía e sempre hai filtracións e fugas de metano. O seu impacto global sobre o clima é a suma das emisións ligadas ao consumo enerxético da cadea de valor mais a suma de todas as fugas e mais as emisións vencelladas á súa queima final. En definitiva, tras a súa lapa azul hai un negocio moito máis sucio do que parece.

En España somos bastante dependentes do gas, xa que supón arredor dun 25 % da enerxía total que se consume. É dicir, de toda actividade que precisa enerxía (iluminación, transporte, calefacción, industrias, etc.), unha cuarta parte emprega gas. A nosa dependencia actual non é casual, senón que é froito de intereses económicos que, entretecidos con políticas enerxéticas afíns, “gasificaron” a nosa sociedade. Actualmente hai case 8 millóns de fogares que dependen do gas para cociñar e quentarse. Ademais, un 80 % do gas úsase na industria ou para xerar electricidade.

A relación do gas e do resto dos combustibles fósiles coa guerra de Ucraína é innegábel. Sen ser un conflito polo control directo destas fontes de enerxía sucia, o certo é que a súa compravenda está a financiar a guerra. Rusia é a meirande fonte de importacións de combustíbeis fósiles da Unión Europea. Europa gasta ata 285 millóns de euros ao día só en petróleo ruso. España depende de case o 10 % de importacións de gas e un 4 % de petróleo de Rusia.

Co contexto actual de conflito en Ucraína e de altos prezos da enerxía, decatámonos como sociedade do dependentes que somos do gas. Porén, cando dende a UE ou do Goberno se lanzan plans para deixar de depender da enerxía fósil rusa (REPowerEU ou o plan de aforro europeo) en troques de dar un xiro inmediato á súa política enerxética cara a un sistema 100% renovábel, propoñen medidas de aforro temporais e case cosméticas ou pretenden buscan máis gas noutras democracias dubidosas como Nixeria, Qatar ou Acerbaixán. Por todo isto, se non facemos presión dende a sociedade civil, non é de esperar que o consumo de gas diminúa senón que aumente, sobre todo se segue adiante a presión dos “lobbies” gasistas que están a nos vender falsas solucións (como o hidróxeno verde mesturado con gas ou blending) onde o gas está sempre detrás.

metano gas combustible fosil

A solución

A realidade é que o gas fósil será máis caro cás enerxías renovábeis no futuro; de feito, xa o é para a xeración de electricidade. Investir agora en novas infraestruturas de gas fósil dificultará o cambio ás alternativas cada vez máis rendibles das solucións enerxéticas limpas e, por tanto, aumentará os custes futuros do sistema enerxético.

Para evitar seguirmos pechados na nosa dependencia dos combustíbeis fósiles, temos que seguir o camiño da transición enerxética limpa investindo directamente en enerxías renovábeis. Estas son as nosas demandas:

Medidas a curto prazo
  1. Deter os novos investimentos en gas fósil. É preciso deter as grandes infraestruturas como a reapertura da planta de El Musel en Asturias ou o gasoduto Midcat que unirá Cataluña con Francia. Pero tamén a extensión de redes de distribución de gas en novos municipios ou a construción de estacións de carga de vehículos ou barcos a gas.
  2. Acabar con todas as subvencións ao gas. A decisión da UE de considerar o gas e a nuclear como enerxías verdes para favorecer os investimentos privados en infraestrutura non é máis cá punta do iceberg dunha mesta rede de facilidades, axudas públicas e subvencións a industrias e fogares para construír ou renovar plantas de coxeración industrial, renovar caldeiras domésticas ou mercar e/ou usar vehículos a gas.
  3. Deixar de empregar combustíbeis fósiles rusos (para comezar). Para abandonar o gas ruso (e de calquera outro lado), en Greenpeace propoñemos medidas de aforro enerxético máis ambiciosas e acelerar de verdade a transición enerxética cara a un sistema enerxético racional, eficiente e baseado nas enerxías renovábeis.
  4. Prohibir a publicidade e os patrocinios de combustibles fósiles na UE. O oligopolio enerxético gasista xerou unha imaxe de sostibilidade e de alternativa baixa en carbono arredor do gas; non en balde o chama “natural”, polo que goza dunha meirande aceptación social ca outros combustíbeis. Necesitamos prohibir a súa publicidade e os seus patrocinios enganosos. Lanzamos unha iniciativa cidadá europea para pedirmos ao parlamento europeo que a prohiba.

Asina e esixe a fin dos combustíbeis fósiles que financian guerras

Medidas a medio e longo prazo
  1. Deixar de queimar gas para producir enerxía eléctrica en 2030. En 2021, case o 24,4 % do gas queimouse para producir enerxía eléctrica nas 67 centrais de ciclo combinado que hai operativas no noso país. É precisa unha folla de ruta para o desmantelamento progresivo destas centrais en función da súa idade e viabilidade no sistema eléctrico. Os peches han ir en paralelo co despregue dun sistema 100 % renovábel, eficiente, intelixente e coa participación da xente e programas de transición xusta para o seu persoal. En Greenpeace, demostramos que un sistema eléctrico 100 % renovábel é posíbel no estudo Energía 3.0.
  2. Deixar de queimar gas nos nosos fogares e edificios para 2035. Arredor do 13,6 % do gas emprégase para cociñar e para calor residencial e comercial nunha vasta rede de 7.967.000 conexións nuns 1.800 municipios. Necesitamos un plan para descarbonizar completamente os nosos fogares. Un plan que inclúa medidas de calefacción renovábel, illamento e autoconsumo, pois a forma de enerxía máis limpa e barata é a que non usamos ou a que se produce nos tellados. A folla de ruta ha dar prioridade aos consumidores vulnerábeis e/ou sen vivenda propia. En Greenpeace, no estudo Energía 3.0, demostramos que se poden quentar e climatizar todos os edificios con sistemas 100 % renovábeis.
  3. Deixar de queimar gas para procesos industriais para 2040. O gas introduciuse en España como combustíbel industrial; non en balde, un 61 % do gas queimouse para producir calor e electricidade en instalacións industriais en 2021. En España existen máis de 2.400 grandes usuarios industriais con máis de 600 plantas de coxeración que producen calor e enerxía eléctrica. A descarbonización de procesos industriais é complexa e diversa, pero é necesario acometela cunha combinación de eficiencia, electrificación e selección de procesos segundo cada sector industrial. En Greenpeace, no estudo Energía 3.0, tamén amosamos que pode existir una industria 100 % renovábel.

Que está a facer Greenpeace

En Greenpeace levamos 50 anos alertando das consecuencias do cambio climático, denunciando os responsábeis e, sobre todo, achegando solucións. Para evitar os peores impactos desta crise, temos que contar cun sistema enerxético 100 % renovábel, eficiente, intelixente e nas mans da xente, algo que xa demostramos que é posíbel acadar.

Por este motivo, facemos presión sobre gobernos e empresas para evitarmos que o negocio dos combustíbeis fósiles, tamén o gas, remate por destruír o planeta. Abonda xa de mentiras, abonda xa de greenwashing; poñamos fin ao poder fósil.

que podes facer ti greenpeace

Que podes facer ti

Asina a petición! Non podemos permitir que os responsábeis da crise climática branqueen a súa tóxica actividade con patrocinios e anuncios. Asina e pide que se prohiba a publicidade de combustíbeis fósiles. Pola paz, polo clima e para protexer toda a vida na Terra.

Actúa co teu consumo! Producires, consumires, almacenares e mesmo venderes a túa propia enerxía renovábel é posíbel. Descubre as alternativas de enerxía cidadá contra o cambio climático.

Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para esixirmos o freo urxente aos combustibles fósiles, entre eles o gas.

Únete a Greenpeace!