A vida na Terra depende directamente dos océanos. Precisamos un Tratado Global dos Océanos que os protexa da actividade humana e do cambio climático.
O problema
Os beneficios que os océanos nos brindan no noso día a día son innumerábeis: inflúen nos fenómenos meteorolóxicos máis importantes, regulan o clima, producen o osíxeno que respiramos e son o fogar de baleas, quenllas, tartarugas e outras especies.
A pesca insostíbel e ilegal, a minería submarina, o tráfico marítimo, a contaminación e os efectos do cambio climático levan décadas ameazando profundamente o noso medio mariño. A riqueza do fondo mariño, os seus ecosistemas e a biodiversidade que acollen están en risco. Moitos organismos, como os corais, o plancto e os crustáceos, son moi sensíbeis aos efectos da acidificación do océano, que, unida ao quecemento global, pode levar a impactos irreversíbeis sobre todas as especies, entre elas a humana.
Un 90 % das poboacións de peixes avaliadas no Mediterráneo están sobreexplotadas. Un 58 % das poboacións mundiais están plenamente explotadas. Ademais, no territorio español primou a urbanización do litoral no canto de protexer os ecosistemas costeiros. España ten protexido só un 8 % das súas augas e, sen implantación real das políticas de xestión pesqueira ou costeira, a degradación dos nosos mares é imparábel.
Ademais, os nosos fondos mariños atópanse ameazados por unha nova industria moi destrutiva, a minaría submarina. Algunhas grandes empresas do norte global, co respaldo de certos gobernos, queren explotar os fondos mariños en augas internacionais e extraer así metais utilizados na elaboración de dispositivos electrónicos e baterías, obtendo un beneficio económico a costa do planeta. A Autoridade Internacional dos Fondos Mariños (ISA, polas súas siglas en inglés) é a encargada de preservar os fondos mariños internacionais e controlar todas as actividades relacionadas cos minerais. Necesitamos que a ISA non autorice o inicio desta industria, xa que se producirían efectos catastróficos sobre:
- Os fondos mariños, xa que a maquinaria destruirá todo ao seu paso.
- As baleas, porque se verían afectadas polo ruído xerado polas máquinas.
- O cambio climático, xa que os fondos mariños contribúen a regular o clima da Terra ao ser a meirande reserva mundial de carbono. Sen estes sumidoiros de carbono, o cambio climático xa viría de facer inhabitábel o noso planeta.
- As especies mariñas que habitan as profundidades mariñas, sobre as que sabemos moi pouco e que poderían desaparecer.
- As poboacións locais, que dependen do peixe como única fonte de proteína.
A solución
Precisamos impedir que a Autoridade Internacional dos Fondos Mariños dea luz verde á minaría submarina. Agora que conseguimos un Tratado Global dos Océanos co que todas as nacións se comprometan a protexer cando menos un 30 % das augas internacionais dos nosos océanos para 2030, sería un paso atrás permitir o inicio desta industria destrutiva. Asina e di non á minaría submarina.
Conservar e utilizar de xeito sostíbel os océanos, os mares e os recursos mariños significa salvagardar os caladoiros de pesca, conservar especies únicas, preservar os ecosistemas máis vulnerábeis e, ademais, ser capaces de responder á crise climática, a presenza de plásticos e outras actividades humanas nos océanos. O xeito máis efectivo de facelo é a través dunha rede de santuarios mariños e impedindo a destrución dos fondos mariños, xa que son os nosos aliados contra a crise climática.
Hai varios tratados e organizacións que son responsábeis de xestionar a alta mar, pero principalmente para extraer e explotar, non para protexela. Agora temos a oportunidade de cambiar esta tendencia grazas ao Tratado Global dos Océanos, xa que, unha vez entre en vigor, poríase en marcha unha gran rede de santuarios en todos os océanos do mundo, que protexerían polo menos un 30 % deles para 2030. Para conseguilo, precisamos que cando menos 60 países ratifiquen o Tratado. Consulta que países xa o fixeron neste mapa.
Que está a facer Greenpeace
Nun momento tan decisivo para o futuro dos océanos, a súa biodiversidade e toda a vida que depende deles, en Greenpeace urximos os gobernos a que obteñan unha moratoria ante a ISA para non autorizar o inicio da minaría submarina, protexendo así os fondos mariños das augas internacionais.
O noso principal obxectivo é lograr uns océanos e mares saudábeis, coas poboacións de peixes recuperadas, ecosistemas mariños ben conservados e con comunidades pesqueiras sustentábeis que poidan vivir da pesca sostíbel.
A saúde dos océanos e mares tamén pasa por desterrar o urbanismo ilegal costeiro, a mala xestión da contaminación, do tráfico marítimo e a presión sobre o litoral e concretar ferramentas que permitan previr e facer fronte aos efectos do cambio climático e da acidificación oceánica.
España ten moito traballo pendente neste sentido. Por iso, traballamos no control da contaminación e da urbanización na costa, na implantación das políticas pesqueiras sostíbeis e na protección dos ecosistemas mariños e a súa biodiversidade.
Que podes facer ti
Asina para impedir a minaría submarina! Como xa che contamos, os fondos mariños e o futuro da humanidade están en perigo.
Actúa co teu consumo! Adoptar un modelo de consumo sostíbel cos océanos é unha das mellores formas de protexelos. Se comes peixe, propoñémosche aquí algúns consellos para te asegurares de que a túa cesta da compra é respectuosa co medio mariño. Tamén é importante reducir o uso de plásticos, xa que a meirande parte deles acaba no mar. Aquí dámosche algunhas ideas para facelo.
Súmate a Greenpeace! Forma parte da nosa organización para esixir a gobernos e empresas que adopten medidas para protexer os nosos océanos. Onde unha persoa non chega, un colectivo si. Preme aquí para te unires a Greenpeace!