Un modelo de mobilidade baseado no vehículo privado xera graves impactos na saúde pública, a sinistralidade viaria, as emisións de gases de efecto invernadoiro e a ocupación do espazo público.

Cada ano en España falecen
38.600 persoas
de xeito prematuro pola contaminación atmosférica
Máis dun
30 %
das emisións de CO2 na UE proceden do sector do transporte
Un
80 %
do espazo público das nosas cidades está dedicado ao automóbil

O problema

O xeito no que nos desprazamos cada día xera importantes impactos no medio ambiente e na nosa propia saúde. O automóbil é o protagonista absoluto das nosas rúas: ocupa un 80 % do espazo público malia ser o modo máis contaminante e ineficiente. Cada vez somos máis conscientes das solucións que temos para nos mover de xeito sostíbel: camiñar máis, apostar polo transporte público e facilitar o uso de medios limpos como a bicicleta. Porén, a nosa necesidade de desprazarnos non fai máis que aumentar. Por iso, é urxente avanzarmos cara a unha mobilidade máis limpa, eficiente e equitativa para solucionarmos os problemas do modelo actual:

Saúde pública. A contaminación que xera o tráfico é a máis nociva para os nosos pulmóns. Nas cidades españolas, un 75 % do dióxido de nitróxeno (NO2) procede do tráfico rodado e xérase xusto onde nós vivimos. Afecta especialmente á poboación máis vulnerábel: nenos e nenas, xente maior e persoas con doenzas respiratorias. Ademais do NO2, as partículas que emiten os motores de combustión e o ruído do tráfico son causa dun meirande número de doenzas. É un problema sanitario de primeira orde que causa 38.600 mortes prematuras cada ano, a meirande parte delas debidas á contaminación.

Crise climática. O transporte xa é o meirande emisor de CO2 no noso país, moi por riba da industria e da electricidade. E a súa contribución aumenta cada ano un 3 %, afastándonos do obxectivo de emisións fixado no Acordo de París e agravando a actual emerxencia climática. O transporte pola estrada é o meirande emisor (72 %), pero canda el aumentan significativamente as emisións dos sectores marítimo e aéreo, sen que ningún deles faga esforzos por inverter estas crecentes emisións.

Equidade social. O automóbil é o medio de transporte máis ineficiente e, porén, o máis caro. A dependencia do coche expulsa aos sectores máis desfavorecidos da poboación, que por mor da súa renda, idade ou condición física non poden asumir un vehículo propio. En España, un 43 % da poboación non ten carné de conducir. Os que si o teñen dedican ata un 30 % do seu orzamento familiar a mercar e manter un coche. Aumentar a oferta de transporte público e reducir a dependencia do coche é un xeito de pór fin á brecha social que comporta o modelo actual.

A solución

Avanzar cara a un modelo de mobilidade urbana que dea prioridade á proximidade e aos modos sostíbeis, onde o peón sexa o protagonista, calquera persoa poida circular en bicicleta sen risco e o transporte público sexa a opción preferente fronte ao vehículo privado. Un sistema no que o automóbil segue a estar dispoñíbel para cando sexa estritamente necesario, pero promovendo o seu uso e propiedade compartida e sempre con vehículos limpos.

Para promover este sistema é preciso que a administración e as empresas aposten por transportes limpos e reduzan a dependencia do coche. Dende a cidadanía tamén podemos contribuír se usamos menos medios contaminantes e escollemos servizos (compras, ocio, escola…) do noso barrio ou próximos á nosa contorna.

Que está a facer Greenpeace

Mellorar o noso xeito de movernos é cousa de toda a cidadanía, dende fabricantes e empresas de transporte a gobernos locais, autonómicos e nacionais responsábeis das infraestruturas e do uso do espazo público. Tamén dende a cidadanía, como usuarios finais, temos un papel clave cando decidimos como nos movemos.

Por iso, en Greenpeace traballamos para que as administracións faciliten o uso de modos limpos de transporte. Mediante a nosa campaña de cidades Neopolitan presentamos propostas concretas aos concellos para que se comprometan a mellorar o transporte público e loiten contra a contaminación. Tamén traballamos para acadar unha transición do automóbil urxente e xusta para todas as persoas:

  • Acabar coa venda de vehículos diésel e gasolina non máis tarde de 2028.
  • Implantar Zonas de Baixas Emisións para cumprir cos límites de calidade do ar que marca a lei.
  • Fomentar o transporte colectivo (ferrocarril e carril bus-VAO) como opción preferente fronte á construción de máis autopistas.

Que podes facer ti

  • Esixe ao Goberno que lexisle contra o cambio climático facendo fronte ás presións da industria do automóbil. Asina a nosa petición!
  • Cambia o teu xeito de moverte. Con pequenos cambios no teu día a día, podes mellorar a túa saúde, a túa economía e o teu impacto no entorno. Descubre como facelo.
  • Únete a Greenpeace. Coa túa axuda sumamos forzas para esixir a gobernos e concellos que faciliten a mobilidade sostíbel. Preme aquí para uníreste a Greenpeace!