Sabías que a gandería xera tantos gases de efecto invernadoiro coma todos os coches, trens, barcos e avións xuntos?

Un
14,5 %
das emisóns de Gases de Efecto Invernadoiro a nivel mundial proceden directamente da gandería
Un
80 %
da deforestación da Amazonía atribúese á actividade gandeira
Con case
2.000 toneladas,
España é o país da UE con meirande consumo de antibióticos nos animais produtores de alimentos
Una mano muestra píldoras frente a los cerdos de una granja para simbolizar el problema de los antibióticos que se les administran durante el engorde Carne de res y cerdo en un supermercado Una chuleta de cerdo es analizada para ver la presencia de antibióticos con luz negra gandaría industrial

O problema

O consumo exacerbado de carne e outros derivados animais procedentes da gandaría industrial é unha das cuestións alimentarias máis importantes dos nosos tempos. O seu consumo nos países desenvolvidos acadou niveis totalmente insostíbeis, e o peor é que se considera normal, natural, necesario e agradábel. España é o primeiro país europeo e o quinto mundial que máis carne consume por persoa ao ano.

Estes son os sete grandes problemas derivados dun excesivo consumo de carne:

1. Dana a nosa saúde

A Organización Mundial da Saúde (OMS) clasificou a carne procesada como “carcinóxena para os humanos” e a carne vermella como “probabelmente carcinóxena para os humanos”. Ademais, o consumo excesivo de carne, en combinación con outros factores coma a falla de exercicio físico, contribúe a deteriorar a nosa saúde, xerando sobrepeso, obesidade, diabetes tipo II e doenzas cardiovasculares.

Por outra banda, o uso masivo de antibióticos na gandería industrial contribúe significativamente ao desenvolvemento de resistencias a estes medicamentos. Segundo a OMS, a resistencia a antibióticos podería provocar máis mortes có cancro en 2050. España é o país de Europa que máis os emprega neste sector.

2. Contribúe ao cambio climático

A gandería é responsábel da emisión dun 14,5 % dos Gases de Efecto Invernadoiro (GEI), tanto coma todos os coches, trens, barcos e avións xuntos. Entre os gases emitidos atópase o CO2, pero especialmente o metano e máis o óxido nitroso, dous gases de efecto invernadoiro moito máis potentes có CO2. Estes gases proveñen das emisións directas, pero tamén das indirectas derivadas dun modelo de agricultura dependente do petróleo e dos praguicidas e fertilizantes químicos que sustentan a gandería industrial. Non podemos frear o quecemento global sen cambiarmos o modo de producir e consumir carne e outros derivados animais.

3. Monopoliza a terra cultivábel

Con preto dun 75-80 % da superficie agrícola destinada á gandería, tanto en forma de pastos como para producir pensos, non conseguiremos salvar os bosques e frear a perda de biodiversidade a menos que freemos a expansión da gandería industrial. Estamos a transformar a Amazonia en filetes baratos: o 80 % da deforestación atribúese á actividade gandeira.

4. Mingúa a biodiversidade

A agricultura industrial destrúe masivamente a biodiversidade, tamén a alimentaria. No mundo existen máis de 30.000 especies vexetais comestíbeis, pero cada vez centramos máis a nosa alimentación e a dos animais en catro: trigo, soia, millo e arroz. O mesmo fai a gandería industrial. Segundo a FAO, a quinta parte das razas de gando a nivel mundial está en perigo de extinción.

Os monocultivos para a produción de pensos teñen unha alta demanda de fertilizantes e praguicidas sintéticos, unha ameaza directa para moitas especies. Os lindes dos campos e as sebes desaparecen, destruíndo así importantes hábitats incluso para a propia agricultura, pois son refuxio e fonte de alimento para moitas especies beneficiosas, como os insectos polinizadores.

Non podemos permitirnos seguir a perder biodiversidade; por iso, temos que cambiar o modo de producir e consumir carne.

5. Envelena a auga

Xurros, antibióticos, fertilizantes e praguicidas contaminan os acuíferos, chegando a provocar “zonas mortas” nos océanos. Ademais, a gandería demanda altas cantidades de auga. Por exemplo, para producir 1 kg de filete de tenreira, son necesarios 15.000 litros de auga, mentres que para producir 1 kg de trigo fan falla 1.300 litros ou 131 para 1 kg de cenorias. A auga é vida e para que siga a selo, hai que cambiar o modelo produtivo e reducir o consumo de carne.

6. Favorece un sistema de produción de grandes capitais

O aumento na eficiencia e eficacia da produción de carne e outros derivados animais concentra o poder de mercado nunhas poucas mans en detrimento das pequenas comunidades agrícolas. Cambiar o modo de producir e consumir carne é un xeito de cambiar as regras do xogo e de promover a soberanía alimentaria.

7. Esquece o benestar animal

Todo o modelo de gandería industrial baséase nun principio básico: alimentar e sacrificar os animais o máis rapidamente posíbel e baixo calquera condición para maximizar os beneficios. Isto xeralmente significa manter vacas, porcos e polos en explotacións cunha elevada densidade de animais, non respectando o seu benestar e creando unha bomba de reloxaría para o xurdimento de enfermidades. Apoiar a gandería extensiva e ecolóxica é apoiar un modelo no que os animais viven dignamente e contribúen ao equilibrio ecolóxico.

«Se o consumo alimentario de España volver aos patróns da dieta mediterránea de antigamente, as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas á produción de alimentos baixarían un 72 %; o uso de terras agrícolas reduciríase un 58 %; o consumo de enerxía diminuiría un 52 % e o de auga un 33 %»

A solución

Ante este escenario só hai unha solución, isto é, a redución drástica da produción e consumo de carne e outros derivados animais. A aposta por unha dieta baixa en proteína animal e onde predominen os alimentos de orixe vexetal, ecolóxicos e locais é a mellor para a nosa saúde e a do planeta.

Que está a facer Greenpeace

En Greenpeace traballamos para acadar un modelo de agricultura e gandería que nos poida prover de alimentos sans, de calidade, de proximidade, que permita manter un mundo rural vivo e, por suposto, que respecte o medio ambiente e o benestar animal.

Ante a futura modificación do Real Decreto sobre protección das augas contra a contaminación producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias, Greenpeace manifestou a necesidade dunha meirande ambición e de ir á raíz do problema: é urxente prohibir os novos proxectos de macrogranxas, a ampliación dos existentes e desenvolver un plan estratéxico para reducir a cabana gandeira en intensivo.

Por outra banda, é imperativo reducir o consumo de carne e outros derivados animais de produción industrial e apoiar a produción extensiva, local, de calidade e ecolóxica, promovendo a adopción da “dieta de saúde planetaria”, tal e como pide a comunidade científica. Para isto, dende Greenpeace estamos a traballar con varias administracións estatais, rexionais e locais.

Que podes facer ti

Pide ás administracións que deixen de apoiar a gandería industrial. Asina a petición!

Actúa co teu consumo! A dieta é unha das mellores e máis sinxelas ferramentas que temos para contribuír positivamente a salvar o planeta e mellorar a nosa saúde. Propoñémosche aquí algunhas ideas para unha dieta máis saudábel para ti e para o planeta.

Súmate a Greenpeace! Sé parte da nosa organización para esixir a gobernos e empresas que fomenten unha gandería extensiva e ecolóxica, que teña en conta o benestar animal e a nosa saúde. Preme aquí para uníreste a Greenpeace!